rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
LAÍA ARGÜELLES FOLCH. Todavía siempre

LAÍA ARGÜELLES FOLCH. Todavía siempre

Ficha

Datas: 
28 xuño 2024 - 12 xaneiro 2025
Lugar: 
Galería e sala perimetral B1, 1º andar
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 14.30
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo. Coa colaboración da Deputación de Pontevedra

Comisariado: Laura González Palacios e María Seoane 

Todavía siempre [Aínda sempre] reúne unha selección de obras dos últimos dez anos nos que Laía Argüelles Folch(Zaragoza, 1986) ten desenvolvido a súa metodoloxía de pensamento e composición, a partir da investigación e o traballo con materiais atopados en rastros, tendas de coleccionismo e librarías de vello de diversos países. Interesada no potencial das imaxes e a linguaxe como xeito de relación co mundo, a artista aborda aquí nocións como a materialidade, a colección e a repetición, mediante exercicios de montaxe, pregamento e despregamento. As obras materializan este interese pola natureza das imaxes e a súa capacidade de propor futuros posibles, á vez que apuntan á construción de significados non unívocos nin definitorios, senón abertos, móbiles, sensibles.

Esta exposición achégase á imaxe entendida como presenza en lugar de como representación, á traducibilidade entre imaxe e corpo ou ás (im)posibilidades de identificación. Mediante unha procura de imaxes asociada á busca de sentido, Todavía siempre afonda no uso da imaxinación como ferramenta para crear coñecemento e enriquecer a nosa capacidade de concibir o real.

Laura González Palacios, comisaria da exposición

https://laiaarguelles.com/

https://chiquitaroom.com/artistas/laia-arguelles-folch/

INFORMACIÓN XERAL / ACTIVIDADES

Obradoiros de verán
Coa colaboración de Fundación “la Caixa”

Do 4 ao 31 de xullo de 2024

Horarios:
Laboratorio de Arquitectura: martes e xoves de 11.30 a 13.00 (de 6 a 12 anos)
Obradoiros infantís: mércores e venres de 12.00 a 13.30 (de 3 a 6 anos)
Obradoiros para grupos (público infantil ou adulto): mércores e venres de 10.30 a 12.00
Previa inscrición: tel. 986 113900 Ext. 100 / Correo-e: recepcion@marcovigo.com

Programación para escolares
Coa colaboración de Fundación “la Caixa”

A partir do 15 de outubro de 2024
Horario: de martes a venres de 10.00 a 13.00
Previa cita: tel. 986 113900 Ext. 100 / 986 113908 / Correo-e: comunicacion@marcovigo.com

Obradoiros infantís
Coa colaboración de Fundación “la Caixa”

A partir do 19 de outubro de 2024
Horario: sábados de 11.00 a 12.30 (de 3 a 6 anos) e de 12.30 a 14.00 (de 7 a 12 anos)
Previa inscrición: tel. 986 113900 Ext. 100 / Correo-e: recepcion@marcovigo.com

Información e visitas guiadas

O persoal de salas está dispoñible para calquera consulta ou información tocante á exposición, ademais das visitas guiadas habituais:

Todos os días ás 18.00
Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita nos tel. 986 113900 / 986 113908

Rutas interactivas a través da App Vigo

O sistema de rutas interactivas a través da App Vigo permite aos visitantes acceder a todo tipo de contido sobre a exposición (vídeos, imaxes, información específica sobre as obras), sexa no propio espazo mediante os beacons ou dispositivos bluetooth situados en salas, ou en calquera outro lugar, seguindo a ruta dende a pantalla do móbil unha vez descargada a aplicación, ou dende o seu equipo a través da web do Concello de Vigo.

Foto portada: Laía Argüelles Folch. La flâneuse (detalle), 2022. Fotograbado tríptico, 22 x 31 cm c/u.

Síntese do proxecto

OBRAS EN EXPOSICIÓN


O proxecto de Laía Argüelles Folch para o MARCO reúne un conxunto de obras realizadas nos últimos dez anos, dende propostas abertas ou en proceso, ata a actualidade. Libros de artista, series, proxectos que toman como basee fotografías atopadas, e que mediante sutís intervencións sobre textos e imaxes, a través de diversos formatos e técnicas de impresión, van xerando novas lecturas
.

De entre máis da vintena de obras que compoñen a mostra, poderíase trazar un fío condutor nun percorrido pola memoria, o tempo e o espazo, dende Cómo vivir (unha edición aberta iniciada en 2014) ata a máis recente Unha páxina, pasando por A flâneuse, que condensa boa parte das inquietudes da artista, ao igual que o libro de artista de diapositivas titulado 210 ou a serie Todavía sempre, que dá nome á exposición.

Cómo vivir2014, edición aberta [imaxe páx. 2]

Edición de 2014: impresión tipográfica sobre papel de 300 gr.
Edición de 2022: termoimpresión sobre papel de 300gr 15 x 10,5 cm (formato postal)

En Breve ensayo sobre la carta (Temporal, 2021) escribín: “Na mesma época comecei un proxecto a partir duns versos de Wisława Szymborska, que compuxen con tipos móbiles e imprimín sobre cartolinas do tamaño dunha postal. Fun enviando esas postais ad hoc a amizades, familiares e demais mundo afín. Xa que logo, daquela, como tantas outras veces, vivía fóra, a cuestión sobre a proximidade e a distancia, sobre o contacto, en definitiva, renovaba cada día a súa vixencia.

Aquelas persoas ás cales eu desexaba preguntar, de quen eu desexaba saber como vivir, estaban lonxe. Se estivesen preto, non lles preguntaría; ante unha pregunta de resposta imposible –ou posible só ao quedar sempre postergada– a intensidade do seu contido é directamente proporcional á discreción da súa forma. Non obstante, a ocasión permitiu a súa formulación como un intento dobre por romper esa distancia e mantela: a miña solicitude de recibir a resposta tamén por carta, e na dirección escrita no remite, implicaba que debiamos permanecer distantes”.

Una página, 2024
Libro de artista. impresión flexográfica en papel Colorplan 350 gr (exterior) e Munken Pure Rough 300 gr (interior). Edición de 150 exemplares numerados

Tal e como revela o colofón de Una página: “Unha noite soñei que tiña nas mans un libro que o meu pai me dedicara. Ao abrilo, lin este texto no final da primeira páxina, escrito coa súa letra en tres liñas e en inglés –un idioma que el non coñece. Días despois, tras contarlle o meu soño, pedinlle que escribise nunha folla en branco aquela frase que eu soñara”.

La flâneuse, 2021
Libro de artista: 200 fotocopias en b/n, caixa encadernada a man pola artista e termoimpresión

Durante un ano, unha fotografía da década de 1920 –retrato de rúa dunha muller paseante descoñecida— acompáñame en todo momento. Nos meus percorridos pola cidade, cada vez que paso por unha copistaría realizo fotocopias da devandita fotografía por anverso e reverso, coma se se tratase dun documento de identidade. Muller que pasea cun retrato dunha muller que pasea, etcétera. La flâneuse é unha posta en práctica do paseo, a compaña e o desexo de identificación, formalizada nun libro de artista de duascentas páxinas realizado ao longo de todo un ano, entre os veráns de 2020 e 2021: duascentas fotocopias (todas distintas) realizadas en duascentas copistarías (nunca a mesma) atopadas ao chou.

O arquivo como un corpus de toda esa circulación. Coa reiteración da fotocopia ata o esgotamento, e a acumulación de copias que acompaña o percorrido pola cidade, esta obra é o rexistro dunha extrapolación, a da propia escena da fotografía. Unha muller que camiña pola cidade é, por partida tripla, a muller da fotografía; tamén a artista, que percorre o espazo urbano nunha sorte de soñada identificación flâneuse; e, por último, a obra, continuidade do paseo a través do desprazamento da fotografía reproducida páxina a páxina, nunca no mesmo sitio sobre o espazo en branco do papel.

Co gallo da exposición Todavía siempre no museo, unha instalación en versión facsímile das duascentas páxinas de La flâneuse despregouse ao longo da galería, trasladando así a experiencia do paseo ao propio percorrido polo espazo da sala.

210, 2021
Libro de artista: 24 diapositivas en cor, visor a contraluz e caixa de conservación. 24,5 x 20 x 10 cm

Abrir unha caixa como quen abre unha porta: co título na portada, réplica en tamaño, cor e tipografía do cartel orixinal da entrada ao estudio. Vinte e catro diapositivas realizadas a partir de fotografía analóxica, que son unha selección de imaxes do interior do estudio 210 e das súas vistas, ao longo da estadía en residencia anual na Casa de Velázquez entre 2020 e 2021. Ao carón dun visor a contraluz nunha caixa de conservación, esta obra é, por unha banda, un exercicio de rexistro e, por outra, de conservación en si mesmo, tanto en materia como en forma. A diapositiva, como o soporte material máis estable para a imaxe, maniféstase ante a mirada cando a luz atravesa o visor. Así, sen visión periférica, cun ollo pechado e outro no visor, a mirada vese inmersa con todo o corpo nun espazo e un tempo que reaparecen.

Xunto ao libro de artista mostrado en vitrina, nesta exposición proxéctanse en bucle, e por vez primeira, as vinte e catro diapositivas que compoñen 210, permitindo o visionado completo das imaxes desta obra.

Todavía siempre, 2021
Fotografías, carta, nota e telegramas atopados. Serie de 7 dípticos. 32 x 44 cm c. u.

Todavía siempre establece entre dous tipos de expresión (imaxe e palabra) un diálogo entrecruzado sobre a ausencia e a desaparición por medio da montaxe, nun políptico de 7 pezas. Tomando inspiración no escenario acuático da lagoa Estixia, despréganse fotografías de corpos de auga, illotes ou beiras afastadas, inaccesibles. Tamén aparecen corpos que flotan facendo o morto, solpores e, acompañándoos, textos que revelan unha perda ou unha despedida.

Fotografías e textos comunícanse por montaxe, a través de saltos: cada díptico é unha proposta, pero tamén o espazo que ocupan dentro do seu marco os relaciona con aqueloutros textos ou fotos que se atopan no mesmo sitio pero noutro díptico. Deste xeito, todo o políptico está intercomunicado ao permitir que a mirada salte dunha parte a outra, sen punto final. No seu trasfondo, a dificultade de nomear a perda e a sospeita de que, acaso, só poida ser ata certo punto suxerida por defecto, a través do que queda no seu lugar.

 

Artistas

Laía Argüelles Folch


Laía Argüelles Folch
 (Zaragoza, 1986) é artista visual e escritora. Nadadora devocional e espigadora de feiróns, reside en Zaragoza tras ter vivido en Reino Unido, Islandia e Alemaña. É licenciada en Tradución e Interpretación (Universitat Pompeu Fabra, 2008), graduada en Belas Artes (Universitat Politècnica de València, 2015) e ten un Mestrado en Investigación en Filosofía (Universidad de Zaragoza, 2019). Actualmente é doutoranda en Filosofía na área de Estética da Arte Contemporánea.

A súa práctica, vinculada ao potencial das imaxes e a linguaxe, céntrase en boa medida na busca de materiais e fotografías para a súa posterior actualización a través da intervención e a montaxe. Os seus libros, obxectos e series indagan nas posibilidades de conexión e construción de significado entre corpos e imaxes. Cun interese particular nas tensións do corpo na auga, a súa investigación afonda na traducibilidade da experiencia e o uso do maxín como ferramenta epistemolóxica. Publicou Breve ensayo sobre la carta (Temporal, 2021), Ciprés (Chiquita Ediciones, 2022) e Cuaderno azul (Temporal, 2023).

https://laiaarguelles.com/

https://chiquitaroom.com/artistas/laia-arguelles-folch/