“Cal é a función do museo na cultura contemporánea? Ata hai pouco tempo, a definición do museo estaba claramente delimitada. Abonda con remontarse aos estatutos do Consello Internacional de Museos de 1974, onde estes son descritos como ‘institucións permanentes, sen finalidade lucrativa, ao servizo da sociedade e o seu desenvolvemento, que adquiren, conservan, investigan e exhiben testemuños materiais do home e a súa contorna para a educación do público que o visita’.
Non obstante, as funcións do museo víronse recentemente alteradas de forma drástica, ata o punto de que ás veces se fala da súa ‘crise’. En efecto, no tránsito á década dos noventa, e influídos por diversos factores como o progresivo afianzamento da economía de servizos ou a espectacular introdución das novas tecnoloxías, os museos, así como outro tipo de institucións artísticas, viron aumentar as súas tarefas. Na actualidade, ademais de coleccionar e exhibir obras de arte, teñen que ser lugares de encontro, restaurantes, librerías e ata pasarelas de moda. Os museos poden servir ademais como recursos para o marketing das cidades a nivel global, para a construción dunha identidade nacional ou para a especulación inmobiliaria.
Sen dúbida todos estes procesos indican que as funcións do museo van, hoxe en día, moito máis aló do meramente artístico. Xa sexa baixo criterios puramente económicos, ou dende unha vinculación máis estreita coa sociedade e coa historia, parece claro que perderon a súa tradicional autonomía e se converteron en institucións centrais das sociedades contemporáneas. Lonxe da interesada neutralidade que lle atribuíu a historia da arte moderna, os museos son agora ferramentas estratéxicas que dan lugar a pugnas inéditas para obter o seu control. Neste contexto, o museo converteríase no edificio emblemático do século XXI, ao igual que o foron as catedrais na Idade Media. Poderíase afirmar, mesmo, que o museo é a sede simbólica da ‘industria cultural’ e un punto de referencia clave no urbanismo contemporáneo. O museo Guggenheim de Bilbao, inaugurado en 1997, é con toda seguridade o paradigma dunha tendencia que despois seguiron outras institucións como a Tate Modern de Londres ou o MUSAC de León, por citar só algúns exemplos próximos.
Como non podía ser doutro xeito, os artistas interpretaron e reaccionaron criticamente ante estes procesos, moitas veces anticipándose a eles. Se o cadro de cabalete foi o obxecto artístico por excelencia da sociedade burguesa, e representaba os seus valores individualistas a través da unicidade, a abstracción e a súa capacidade para o intercambio no mercado, nas actuais democracias capitalistas é a propia institución artística, no seu conxunto, a que en moitas ocasións reproduce —como soporte mesmo da obra de arte— valores alternativos designados pola participación das audiencias, a importancia do colectivo ou a influencia do contexto, dando lugar a obras que incorporan o espazo, tanto física como conceptualmente, como elemento esencial da súa identidade. Quere isto dicir que a suposta ‘crise’ do museo non é senón a renovación da súa dimensión representativa, ao integrar no seu funcionamento os presupostos e antagonismos básicos da vida social contemporánea e mostrarse así como un ‘espazo público’ privilexiado, como un ámbito en continua transformación que, ademais de cumprir coa súa función de arquivo, pode facer de espello do presente e da comunidade que lle dá uso.
Nestas circunstancias, a exposición O MEDIO É O MUSEO está dedicada a explorar as diferentes formas a través das que os artistas se relacionaron coas institucións dende principios dos anos noventa, un momento clave na súa historia recente. Tratando de investigar e confrontar procesos complementarios no ámbito artístico e na sociedade —como o rexurdimento das prácticas performativas e contextuais herdeiras da arte conceptual e da crítica institucional dos setenta, xunto ao auxe da arquitectura de museos, a mutación progresiva do espazo urbano, a consolidación dunha economía ‘inmaterial’ ou o optimismo do mercado fronte o malestar do público— a intención deste proxecto é reflexionar sobre o museo entendido como medio e material, pero tamén como un sistema de convencións historicamente establecidas nunha linguaxe concreta, co obxectivo de mostrar como as accións formais e ideolóxicas dos artistas no mesmo interpretan e cuestionan as novas condicións dando lugar a importantes cambios.
Alén do estreito criterio numérico e dos 'fins' extra-artísticos aos que moitas veces se lles reduce, o que nos indica este tipo de traballos especialmente atentos ao marco no que teñen lugar é que os museos poden ser ‘medios’ que desborden o ámbito do artístico para abrírense a debates culturais e históricos moito máis amplos. Neste sentido, podería dicirse que os artistas xa non perciben o museo como un ‘inimigo’, como sucedía en certos momentos das vangardas, senón como un espazo singular que condensa e reflicte os hábitos e modos de produción vixentes de xeito simbólico, e dende o que é posible intervir activamente para formular visións distintas da sociedade. Visións, por suposto, que se inspiran no pasado co fin de comprender o noso presente a través da memoria. Trataríase, noutras palabras, do tránsito dunha actitude de oposición a outra de dialéctica co museo, na que a crítica interna —ou ‘deconstrutiva’— é esencial para evitar tanto a falsa conciencia como o populismo. É así, polo tanto, como o museo devén en medio. Un medio que, como sucedeu historicamente con outros soportes, non deixa de ser un instrumento continxente e con data de caducidade a través do que representar e cuestionar a realidade segundo as condicións do presente”.
Pablo Fanego e Pedro de Llano
Comisarios da exposición