rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina

PROCESSI 148. Artistas e investigadores en residencia na Real Academia de España en Roma. Promoción 2020/2021

Ficha

Datas: 
10 novembro 2022 - 5 febreiro 2023
Lugar: 
Salas frontais e Galería B3, 1º andar
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 14.30
Produción: 
Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo (AECID) e Real Academia de España en Roma
Comisariado: 
Enrique Bordes


O MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, no ano da celebración do seu 20º aniversario, inaugura en España a exposición MARCO. Academia Roma. Processi 148, en coprodución coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e a Academia de España en Roma. A mostra, comisariada por Enrique Bordes, reúne un conxunto de obras e proxectos desenvolvidos polos 21 artistas que, na promoción 2020-2021, residiron no complexo conventual de San Pietro in Montorio, sede da Academia de Roma. Este proxecto poderá visitarse en Vigo dende o 10 de novembro de 2022 ata o 5 de febreiro de 2023.

MARCO. Academia Roma. Processi 148 reúne, nunha mesma exposición, proxectos de moi diversas disciplinas que van dende a pintura ao deseño de moda, pasando polas artes escénicas, fotografía, gravado, videoarte, literatura, música, mediación artística, escultura e gastronomía. É o resultado de meses de traballo, de concepción de ideas retroalimentadas e experiencias compartidas froito do programa anual de bolsas que convoca o Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación a través da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), que formula unha presentación colectiva destes traballos en Italia e en España.

Camiño de 150 anos de historia, os creadores e investigadores que pasaron polos muros da Academia superan xa os 1.000 e, como dato relevante e histórico, esta edición que cumpre a 148, é a primeira que conta cunha presenza maioritaria de mulleres creadoras.

Durante estes meses, as salas do MARCO converteranse nun inmenso escaparate da creación contemporánea que permitirá ao visitante transitar por diversas linguaxes artísticas en diferentes espazos do museo.

Tomando a testemuña do Azkuna Zentroa Alhóndiga de Bilbao, a presenza desta exposición no Museo de Arte Contemporánea de Vigo certifica o compromiso da AECID e a Academia de España en Roma de continuar impulsando a idea de fomentar e difundir en diferentes lugares o resultado creativo dos artistas residentes en Roma.

PRESENTACIÓN

A Academia de España en Roma

Fundada en 1873, o obxecto principal da Real Academia de España en Roma, dependente do Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea y Cooperación, é contribuír á formación artística e humanística a través da creación e a investigación.

Tras 149 anos de vida, segue renovándose como centro de producción artística e de xeración de coñecemento. Un espazo de encontro para creadoras e creadores que desenvolven os seus proxectos inmersos entre a tradición do seu conxunto monumental (o complexo conventual de San Pietro in Montorio) e a innovación constante dunha sociedade global e tecnolóxica. Máis de 1.000 residentes conviviron en Roma e xeraron relacións nunha retroalimentación permanente que constitúe un dos seus sinais de identidade.

Dende hai oito anos conta con axudas á produción da Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo (AECID). Desta forma convértese nunha das residencias artísticas máis importantes de España, similar a outros centros de creación de referencia internacional.

Por medio das convocatorias anuais abriuse a Academia a novas disciplinas como fotografía, videocreación, gastronomía, arte e novas tecnoloxías, deseño de moda, deseño gráfico, banda deseñada ou mediación artística.

Actualmente estanse a levar a cabo unha serie de melloras que sitúan aos artistas e investigadores da Academia como protagonistas da institución, co obxectivo de converter a Academia nun centro de referencia en produción artística e en investigación.

A Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo (AECID)

A Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo (AECID) é unha Axencia Estatal, creada en novembro de 1988 como órgano de xestión da política española de cooperación internacional para o desenvolvemento e orientada á loita contra a pobreza e ao desenvolvemento humano sostible.

Unha das súas ferramentas para levar a cabo estes obxectivos é a Cooperación Cultural ao Desenvolvemento que realiza mediante diferentes programas a través das súas redes no exterior, os Centros Culturais de España e as Consellarías Culturais das Embaixadas. Así mesmo, conta coas competencias da coordinación da Acción Cultural no Exterior a través da Dirección de Relaciones Culturales y Científicas. Esta Dirección está encargada da Cooperación e da Promoción cultural no exterior, a internacionalización de creadores e artistas e o fomento da presenza española en importantes eventos culturais a nivel internacional.

Catálogo

A exposición estará acompañada dun catálogo, editado pola Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo (AECID) e distribuído por La Fábrica, que inclúe textos do comisario, dos artistas participantes e imaxes das obras en exposición.

Programación para escolares

Colabora: Obra Social “la Caixa”
Ata o 17 de xuño de 2022
Horario: de martes a venres de 11.00 a 13.30 / Previa cita nos tel. 986 113900 Ext. 100/ 986 113908

Obradoiros infantís

Colabora: Obra Social “la Caixa”
Ata o 28 de maio de 2022
Horario: sábados de 11.00 a 12.30 (de 3 a 6 anos) e de 12.30 a 14.00 (de 7 a 12 anos)
Previa inscrición: tel. 986 113900 Ext. 100 / 986 113908 / email: recepcion.marco@gmail.com

Información e visitas guiadas

O persoal de salas está dispoñible para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais: todos os días ás 18.00 / Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita.

Rutas interactivas a través da App Vigo

O sistema de rutas interactivas a través da App Vigo permite aos visitantes acceder a todo tipo de contido sobre a exposición (vídeos, imaxes, información específica sobre as obras), sexa no propio espazo mediante os beacons ou dispositivos bluetooth situados en salas, ou en calquera outro lugar, seguindo a ruta dende a pantalla do móbil unha vez descargada a aplicación, ou a través da web do Concello de Vigo.

Artistas

CREADORES E INVESTIGADORES 2020-2021 (PROCESSI 148)

+ info en https://sites.google.com/view/marco-academia-roma/castellano 

VIDEOARTE

IRENE DE ANDRÉS (Ibiza, 1986)

Después del descanso articúlase a través da análise da evolución do concepto de ocio, tomando como referencia as organizacións dedicadas ao adoutrinamento da clase obreira nas ditaduras europeas do século XX. Baixo Mussolini naceu a primeira organización desta índole, a Opera Nazionale Dopolavoro. Na Alemaña nazi importouse como a Kraft durch Freude [Forza a través da alegría] que, cunha maior inversión, chegou a converterse no turoperador máis grande dos anos trinta.

TXUSPO POYO (Pamplona, 1963)

Gran Hotel Nazareno, el cuerpo se hizo pantalla o las imágenes no caen del cielo, analiza os desprazamentos simbólicos, metafóricos e literais dos gabinetes de Ciencias Naturais, modelo pedagóxico nos colexios de orde relixiosa. Estes gabinetes incorporaban coleccións de minerais, herbarios ou animais disecados... moitos procedentes das misións. O colexio Nazareno, fundado por José Calasanzio en 1630, foi o primeiro colexio público e gratuíto en Europa. Tras case 400 anos de actividade, vendeuse para a súa reconversión nun hotel de luxo.

FOTOGRAFÍA

TONI AMENGUAL (Mallorca, 1980)

ICONA explora como nos relacionamos coas imaxes e como estas nos afectan. A cidade de Roma, atravesada por tres ideas, constitúe o escenario perfecto para esta operación. Palimpsesto: Roma e o ser humano como resultado da suma de capas que o preceden. Panóptico: a visión, ver e ser visto como forma de control. Escenografía: Roma e o seu patrimonio cultural como a construción deliberada do poder para o control social.

MAR SÁEZ (Murcia, 1983)

Terza vita reflexiona sobre as experiencias afectivas da cidade de Roma nun tempo atravesado pola pandemia. Tanto na análise da noción de liberdade coma nos xogos da sedución ou os pactos do amor, Terza Vita estuda un elemento principal desta convivencia activa: a promesa dun futuro. As persoas cuxo testemuño se recolleu revelan a esperanza cara a outra vida; unha vida máis aló da nostalxia dun pasado estable e do shock do presente.

PINTURA

NATIVIDAD BERMEJO (Logroño, 1961)

Cruces y naranjas: a traxectoria dunha moeda lanzada ao aire realiza un percorrido vertical de arriba abaixo, un axis mundi. A cruz e a laranxa poderían ser as dúas caras da moeda. Cara, o pracer de estar vivos, e cruz, o dó pola fraxilidade da existencia. A situación de pandemia intensificou a conciencia destas dúas realidades, que converxen neste proxecto de connotacións simbólicas e formais remitindo ao xénero da vanitas e o carpe diem. 

SARA GARCÍA (Xixón, 1983)

El orden nocturno é unha investigación ao redor da hospitalidade e a relación co outro. Alimentos básicos como a fariña ou o arroz son alterados por bacterias, fungos e fermentos dando lugar a novas texturas, cores, olores e sabores. Créase unha orde nocturna que abraza a perda de sentido e propón unha experiencia compartida. Unha das formas máis básicas de cooperación e ritual permítenos acceder a outras formas de coñecemento. A peza actívase durante a cerimonia na que se comparten alimentos.

ÀNGELS VILADOMIU (Barcelona, 1961)

Il viaggio di archivio parte dun feito pouco estudado: os tres meses de estadía de Humboldt en Roma. As “notas romanas” do seu caderno descobren un momento de compendio na súa traxectoria. A partir do que Benjamin denomina “botanizar o asfalto”, constrúese unha viaxe de arquivo”, un herbario de Flora ruderal: a flora colonizadora de acuedutos, monumentos e ruínas. As máis de cincuenta especies herborizadas, prensadas e indexadas durante abril e maio, corresponden a dous hábitats: o vertical e o horizontal, despregados ao longo da caótica e orgánica topografía romana.

CÓMIC

YEYEI GÓMEZ (Madrid, 1993)

Eppur si muove, una historia sobre la escritora María Teresa León. Con máis de trinta anos no exilio, viviu os últimos catorce en Roma. Alí escribiu Memoria de la melancolía, onde fai visible a súa loita contra a desmemoria progresiva, a da historia e a propia. O traballo de narrativa gráfica pon en valor a súa obra e fala das capas de desmemoria, un esquecemento social que actúa como un patrón insistente, onde unha identidade se constrúe ao tempo que outra se erosiona.

MUSEOLOXÍA. COMISARIADO E MEDIACIÓN ARTÍSTICA

MARAL KEKEJIAN (Madrid, 1977)

URMA, espacio público y paisaje contemporáneo en la ciudad de Roma, despregouse en tres direccións, entre a xestión cultural e o artístico. A primeira investiga sobre o espazo público, o efémero e o patrimonio inmaterial. A segunda trata o contexto de Roma e a Academia, atravesado pola idea do tempo: historia e a tradición, presente pandémico e futuro dunha Roma de ficción. A terceira é práctica: URMA xa presentou cinco accións.

LEIRE VERGARA (Bilbao, 1973)

In qualche luogo lontano: Roma é o título do programa desenvolvido na Academia dentro do proxecto de investigación de Bulegoa z/b Space is the Place/The Place is Space, que ten como obxectivo analizar o papel da arte como práctica crítica que ofrece ferramentas para parar, mirar e situarse no mundo, para xerar situacións e imaxinar modos de vivir e producir espazo. Estruturado a través de encontros periódicos, tomou diversas formas, como presentacións, accións... e a realización dun filme de autoría compartida. 

LITERATURA

CRISTINA MORALES (Granada, 1985)

Optar por la luna: Una novela sobre arte y okupación, inicialmente unha indagación con tres espazos okupados da cidade de Roma cuestionadores na teoría e na práctica dos circuítos artísticos e literarios normalizados, convértese, por mor das regras covid, nunha busca de persoas e de pequenos colectivos dispostos a burlar a lei que impón o peche das súas casas e locais.

CARLOS PARDO (Madrid, 1975)

El tonel y la torre de marfil é un ensaio no seu sentido máis caprichoso e primixenio: unha tentativa de orde. Propón unha hipótese de lectura da ficción moderna utilizando como clave unha corrente subterránea do pensamento occidental, a escola cínica. El tonel y la torre de marfil non é un exercicio de arqueoloxía literaria, senón un opus incertum. Un vagabundeo en primeira persoa por algúns lugares críticos do humanismo, extemporáneos e talvez domesticados, en cuxa ambivalencia segue apostándose unha literatura con capacidade subversiva.

CONSERVACIÓN E RESTAURACIÓN DE BENS CULTURAIS

VIRGINIA MORANT GISBERT (Alicante, 1987)

Il risveglio dell’archivio fotografico dell’Accademia di Spagna a Roma ten como obxectivo poñer en valor o arquivo fotográfico da Real Academia de España en Roma dende a perspectiva da conservación e a restauración contemporáneas. O proxecto contemplou varias fases: a avaliación, a restauración, o realoxamento e a dixitalización, destinadas a mellorar a preservación futura e posibilitar o acceso. Para levar a cabo a reactivación do arquivo realizáronse diversas accións, presentadas na mostra 148 a xeito de conclusións.

MÚSICA

JAVIER QUISLANT (Bilbao, 1984)

Sinuoso tempo. Ciclo para cuarteto de cuerda desenvolve o principio compositivo de estratificación do son a partir de Scelsi, proxectándoo sobre todos os parámetros: altura, duración, timbre, articulación e intensidade; así como sobre a natureza polifónica, posibilidades técnicas e tímbricas dos instrumentos de corda. Recolle a premisa de austeridade do estilo contrapuntístico de Palestrina e de Victoria, así como o seu sentido carácter espiritual. O ciclo trata de recuperar a pureza dunha escoita primitiva, poética e ritual, para alcanzar a semente da comunicación e a linguaxe. 

ARTES ESCÉNICAS

MURIEL ROMERO (Murcia, 1972)

Resonancias ocultas é un proxecto coreográfico centrado en fusionar danza e escultura. Mediante técnicas de captura de movemento, machine learning, sonificación interactiva e técnicas de dixitalización, constrúese unha creación coreográfica inspirada en obras mestras da escultura clásica. Como soaría Bernini? A fluidez-rixidez do Apolo e Dafne ou a tensión postural de O rapto de Proserpina? Con tres formatos distintos cinematográfico, escénico e museísticoestablécese unha ponte entre obras mestras da escultura, a intelixencia artificial, a música e a experiencia concreta do corpo.

DESEÑO GRÁFICO

GONZALO GOLPE (Madrid, 1975)

Verba Volant forma parte de La Distancia, unha pescuda sobre a linguaxe visual desenvolvida dende hai tempo e que se formalizou durante a estadía en Roma. Desenvolve unha ficción poética acerca da orixe da linguaxe e a evolución do inglés cara a unha “unilingua”. De Nova York a Babilonia; da linguaxe tratada como unha ciencia a unha pequena táboa cuneiforme que semella escrita por un paxaro; de Chomsky a Darwin; da linguaxe entendida como arma á lingua materna.

GRAVADO

SHIRIN SALEHI (Teherán, Irán, 1982)

El tiempo sin derrota. As fendas nunha fracturada inscrición sobre pedra ou metal, un fresco esborrallado ou un busto danado: todos semellan latexar aínda polo contacto cunha man incisoria, un corpo artesán. Neles treme a esencia da linguaxe: no xesto dunha incisión, un corpo que desaparecerá deixa a súa pegada na materia que talvez non pereza. Por enriba de todos os signos dun tempo, no acto reside un dos xestos fundamentais do humano: o desexo de deixar unha memoria para ollos e mentes que aínda non existen.

GASTRONOMÍA. CREATIVIDADE E INNOVACIÓN DAS TÉCNICAS CULINARIAS.

MIGUEL DE TORRES (Segovia, 1958)

El pan de la Academia de España xorde literalmente do aire da Real Academia de España en Roma, onde fungos panificables durmidos, latentes, esperaban unha masa, o seu alimento, para colonizala. O pan é unión de culturas, é embaixador, é compartir. O pan é sincretismo da cultura mediterránea, e da de España e Italia en particular. O resultado participa de varias técnicas que equilibran o follado cun miolo esponxoso. A través da Taraxacum officinale, colleitada nos xardíns da Academia, incorpora o amaro, o amargo, tan presente na gastronomía italiana. 

ESCULTURA

ALÁN CARRASCO (Burgos, 1986)

Come un battito nel cuore: una genealogía visual del movimiento obrero en Italia, é un proxecto que pretende reconstruír un particular século XX italiano, enmarcado entre os magnicidios de Humberto I de Saboia (1900) e Aldo Moro (1978). Durante os anos de chumbo a “tensión” ía xerando desestabilidade e morte, o novo aparato de Estado encargouse de baleirar o significante “obreiro”, desactivando así a capacidade de identificación dun postproletariado que dun día para outro espertou clase media.

ELO VEGA (Huelva, 1967)

De sculptura toma o seu título do tratado de Pomponio Gaurico que en 1504 afirmaba: “Na antiga Roma o pobo imaxinario das estatuas igualaba o das persoas vivas”. Hoy, a ese populus fictus hay que sumar las infinitas imágenes que habitan los media. Contidos no título están os xogos de palabras “deses-cultura” ou “des-golpear”, abrindo unha relectura crítica da escultura, as súas mitoloxías e as súas mutacións na cultura consumista, para identificar veladuras, eufemismos e camuflaxes da violencia milenaria contra a muller, para visualizala, neutralizala, revertela, desfacela.

DESEÑO DE MODA

GADEA BURGAZ (Madrid, 1992)

Sarcófago, un muñeco, la copia y otros cuentos é unha colección téxtil e, ademais, a creación de esculturas como modelos. A proposta pretende reproducilas, en corpos e en partes e, especialmente, os seus movementos. Estes roupaxes deberán poder vestir un corpo humano que se move, baila, quere comodidade, quita e pon o seu traxe, indumentaria, vestimenta, indumento, confección, parte de tea, colección de roupa... Non queda claro.

Texto curatorial

A Academia de España en Roma, residencia das bolsas MAEC-AECID, ocupa dende o século XIX o antigo convento de San Pietro in Montorio. Os seus espazos de convivencia e reflexión, pensados para crear comunidade, fan que cada ano naza alí un particular colectivo, mesturado con proxectos individuais de creación e investigación.

Inserta na Academia, hai unha pequena construción que dá sentido e relato á súa actividade: O Templete de Bramante, a reformulación do templo circular que se converteu en esencia do Renacemento e modelo para construcións do mundo enteiro. Un edificio experimental dentro doutro funcional, a metáfora perfecta para o conxunto da Academia: un lugar de investigación, de creación, de estudio. Ir ata Roma para beber dela e cambialo todo, empezando por un mesmo. Esa é a esencia do Tempietto, da Academia.

Tras case 150 anos de actividade oficial, a rede da Academia é cada vez máis ampla e complexa, repartida por todo o planeta grazas a cada xeración de bolsas, os nós entre promocións, a constante suma de cómplices, unha clarividente dirección e a pertenza do centro á ampla rede da Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo.

Esta xeración viviu o encontro con Roma como un choque. En tempos de illamento e encerro, por outro tipo de virus moi distinto ao do Tempietto, Roma presentábase en pausa, baleirada, hermética. A esta cidade excepcional chegaron Irene, Toni, Nati, Gadea, Alán, Sara, Yeyei, Maral, Cristina, Virginia, Carlos, Txuspo, Javier, Muriel, Gonzalo, Mar, Shirin, Miguel, Elo, Leire e Àngels. E, a pesar das circunstancias, deste encontro naceron vinte e unha miradas de vinte e un nomes que, por primeira vez na historia, teñen máis voces de muller. Ogallá sexa augurio de novos e mellores futuros.

Dun antigo convento que crea e investiga (na compaña dun templete) a un espectacular panóptico liberado, o MARCO. En Vigo que, por certo, ten a mesma latitude que Roma.

Enrique Bordes 
Comisario da exposición

 

Comisariado

Enrique Bordes


Doutor arquitecto e profesor na ETS de Arquitectura de Madrid (UPM). Na súa práctica profesional aborda traballos de museografía, comisariado e edición, con especial atención á narración foto/gráfica en arquitectura e cidade; nesa liña traballou durante a súa bolsa na Academia de Roma en España, en 2015. Autor de Cómic, arquitectura narrativa (Cátedra, 2017), Beatos, mecachis y percebes, miles de años de tebeos en la Biblioteca Nacional (BN, 2018) e, xunto a Luis de Sobrón, de Madrid Bombardeado 1936-1939, cartografía de la destrucción (Cátedra, 2021).