Artista formada entre Portugal e Alemaña, Susanne S. D.Themlitz (Lisboa, 1968) dáse a coñecer no arranque dos anos 90, sorprendendo polo persoal dun imaxinario cheo de referencias a obxectos cotiáns e a un mundo de fabulación ao tempo plástico e literario. Fronte ao interese de moitos artistas portugueses da súa xeración en delimitar liñas moi concretas de traballo, decide combinar elementos procedentes das dúas culturas das que se alimenta: fragmento e síntese, paisaxe e paseo, caos e orde. Esa elección lévaa a relacionarse con artistas de xeracións anteriores (Sigmar Polke, Thomas Schütte, Juan Muñoz), interesándose na busca de novas formas de sentir o espazo e integrar na obra a presenza do relato, a ficción, o eco, a palabra, o son ou a metamorfose como dimensión, afastándose da rixidez da suxeición a aspectos exclusivamente formais.
Partindo dunha escala pequena e un tratamento nu ou denso, as súas primeiras pinturas, obxectos, colaxes, fotografías e vídeos seducen, atraen, provocan, como eses contos infantís que esconden relacións tensas e paixóns ocultas. Cando a obra crece, preséntase como unha especie de paisaxe, de natureza aberta, viva, en transformación. Percibimos murmurios, pasos perdidos, conversas imposibles, ecos, xerminación, cambio natural. Intúese unha idea inicial de paseo, observación e comentario, ao modo de Robert Walser e Herberto Helder; do mirar intenso e inquisitivo de Borges ou Calvino; do xogar cos conceptos de Baudelaire, e o resultado é un imaxinario ao que asoman os irmáns Grimm, Lewis Carroll, as sagas medievais, Tolkien, os relatos con cambios de dimensión, a transferencia entre mundos, a realidade aparente e os microrrelatos. Discursos nos que se trazan historias, se acompaña o relato, se desvela o proceso pero non se valora, non se xulga. Sen nostalxia, con férreo compromiso contemporáneo.
Dese ámbito e da reivindicación do taller como lugar no que os materiais reclaman a súa memoria e establecen relacións, nacen pensamentos que hai que expresar en imaxes. A idea central é escultura, e ao seu redor, buscándoa, o debuxo como murmurio, referencia. Nada se impón, todo se entretece para definir planos, habitar o espazo: a pintura é un xesto que suxire por onde ir pero non delimita nin concreta, non cobre o soporte; xoga a se sentir fragmento, bosquexo, nunca imaxe pechada, final. Como as liñas de bambú ou as súas sombras, verdadeiros debuxos no aire e sobre a parede, modos tamén de tentear o espazo, de achegalo. Espazo como caderno de apuntamentos, libro de notas no que o debuxo é bruma, a cor turbillón, o texto murmurio.
Todo está en contacto e transformación, esperando a curiosidade de quen mira. As formas xorden do orgánico, pero nacen do chan, da natureza. As figuras non son fantasías nin soños ou imaxinacións: entran no noso mundo, descubrimos que xa estaban e quizais nos observan, de xeito que provocan inquietude, fannos sentir estrañeza, entrar noutra realidade.
As imaxes, obxectos, instalacións de Susanne Themlitz escapan das certezas, suxiren o momento previo, a aparición ou a fuxida. Un mundo que descubrimos por sorpresa, que vemos dende outra dimensión. Non é un magma que se estende: é un paseo, unha paisaxe, un xogo de miradas, un convite á curiosidade, a non nos contentar coa imaxe primeira, a descubrir micromundos, reflexos, xanelas abertas, ocos que se abren a outras realidades. Un relato continuo, que se autoalimenta, interminable.
Fronte aos artistas que necesitan o espazo branco, Susanne Themlitz móvese a gusto entre "contaminacións", mesmo parece buscalas. Cando pensaba como darlle forma á súa exposición no MARCO, paseaba polas súas salas, corredores interiores e almacéns, tomáballe o pulso (mesmo anímico) ao conxunto, coma se fose unha paisaxe que debía habitar, facela súa. Buscaba elementos que integrar no seu proxecto, dando sentido ao diálogo, nunca á imposición. Como resultado, instalacións nas que se despregar e a recreación do arquivo, do taller, do almacén no que se gardan obras que, nas súas conversas, anuncian as seguintes, invitándonos a descifrar, como no poema de Baudelaire, "a linguaxe das flores e das cousas mudas”.
Susanne Themlitz invita a preguntarnos sempre polo que se esconde, polo que hai detrás, dentro, oculto, previo: a caracola como memoria do que contivo, o molde exterior da escultura en bronce como pegada e obxecto, a lupa que nos descobre o mundo agochado no menos perceptible, as liñas que suxiren direccións. Non se trata de reproducir a realidade senón de actuar nela, tomándoa como paisaxe que se pode modificar. Algo está a piques de suceder ante os nosos ollos, sempre que os manteñamos abertos. A cuestión é querer ver.
Miguel Fernández-Cid, director do MARCO e comisario da exposición