Dende o seu nacemento, a vida da cidade de Vigo desenvolveuse arredor das actividades mercantís vinculadas ao mar e ao seu porto, punto de partida e de retorno para miles de galegos e portugueses que tiveron que emigrar a América Latina. O seu despegue como metrópole produciuse ao longo dos últimos cen anos, nos que rexistrou o maior desenvolvemento económico, industrial e demográfico do noroeste peninsular, ata converterse nun dos portos pesqueiros máis importantes da Unión Europea e na cidade máis poboada de Galicia, con preto de 300.000 habitantes.
A cidade de Vigo, pertencente á provincia de Pontevedra e situada nun enclave privilexiado á beira do Océano Atlántico, dá nome á máis meridional das Rías Baixas. A súa orixe pesqueira aínda se aprecia nas rúas do casco vello, que contrasta coas modernas instalacións dos seus portos deportivos, os peiraos de transatlánticos e as industrias pesqueiras e conserveiras. Equidistante entre Santiago de Compostela e a cidade portuguesa de O Porto, Vigo é un excelente punto de partida para visitas e rutas por Galicia e Portugal, ademais do seu ámbito máis próximo, que inclúe os arredores da Ría e as Illas Cíes, integradas no Parque Nacional das Illas Atlánticas.
Enlaces:
[1] https://marcovigo.com/sites/default/files/entorno.jpg