

ESCOLARES: de martes a venres de 11.00 a 13.00
Cita previa comunicacion@marcovigo.com [3]
PÚBLICO EN XERAL: entrada libre ata completar capacidade
De martes a venres de 17.00 a 21.00. Sábados de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00. Domingos de 11.00 a 14.30
A partir do martes 11 de novembro, e en liña coas actividades do ProxectoTERRA, unha das salas do MARCO acolle o Espazo de Xogo Libre ‘ARGALLAR’, dirixido a grupos de escolares de calquera idade e ciclo educativo (polas mañás) e aberto ao público en xeral (especialmente público infantil e familiar) polas tardes e durante as fins de semana, no horario de apertura do Museo.
ARGALLAR inclúe unha serie de módulos de construción concibidos como unidades de xogo, e cada visita escolar compleméntase cun obradoiro dirixido por talleristas especializados no ámbito da educación pola arquitectura, en colaboración co personal de Didáctica do MARCO.
No ano 2000, enmarcado nas iniciativas culturais do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, xurde o ProxectoTERRA co obxectivo de promover na cidadanía un pensamento crítico e propositivo sobre os espazos e lugares que habitamos, e coa convicción de que o alumnado das distintas etapas de escolarización obrigatoria debería ter un mellor coñecemento de como ao longo do tempo fomos construíndo o noso país, e da importancia que teñen os espazos que habitamos na nosa calidade de vida.
Ningunha proposta dirixida ao mundo educativo tiña posibilidades de aceptación e permanencia sen a implicación do profesorado das distintas etapas. Por este motivo, todos os recursos educativos foron elaborados por profesorado dos niveis educativos aos que ían dirixidos, para ter éxito na súa axeitada contextualización, adecuación e integración nas aulas.
Na actualidade, o ProxectoTERRA está nun proceso de revisión do realizado co obxectivo de manter e afianzar a estreita vinculación e complicidade co profesorado e alumnado a través dos recursos elaborados, da formación do profesorado, e das actividades complementarias realizadas ao longo destes anos.
Máis de 60.000 estudantes de distintos ciclos, procedentes de mais de 200 centros educativos, teñen participado nas actividades do ProxectoTERRA, acompañados sempre polo seu profesorado, mediador insubstituíble en todo o proceso de ensino-aprendizaxe.
Enlaces:
[1] https://marcovigo.com/sites/default/files/Argallar_600x200.jpg
[2] https://marcovigo.com/sites/default/files/Argallar_200x150.jpg
[3] mailto:comunicacion@marcovigo.com