A exposición de Bosco Caride (Vigo, 1963) xira ao redor de un só e único motivo: estados atmosféricos ou gasosos (nubes, fume, vapores...) que se presentan sen ningunha referencia espacial ou contexto. Para o artista, este tema é unha afirmación da pintura e relaciónase coa grande tradición da paisaxe. Turner, Constable, por citar os pioneiros, que ao igual que xeracións posteriores e os impresionistas, inspiráronse nas nubes e descubriron nelas unha dimensión plástica. En efecto, Bosco Caride traballa coidadosamente estes “estados atmosféricos ou gasosos” en tanto que composición, veladuras, cor... á fin e ao cabo, como especulación formal ou pictórica, que é un dos aspectos máis sobresaíntes da súa obra.
Non obstante, o título da exposición, Indicios, literalmente “sinal de algo”, “índice”, introduce a idea de “algo” máis ca un simple formalismo ou unha expresión abstracta. Este algo non é visible e está oculto no cadro –ou fóra del–, pero é a causa real do “fume”, que non é outra que a explosión, o drama, o conflito, a contaminación... En definitiva, existe unha dimensión simbólica, talvez política, que dá sentido e sobrevoa a obra de Bosco Caride.
A de Caride é unha obra aberta que posúe moitos niveis de lectura porque os seus “efectos atmosféricos ou gasosos”, como a noite ou as néboas do norte para os románticos, non son unha ausencia, senón unha produción de sentido: é o mundo da suxestión ou a chave da imaxinación. Pero por riba de todo, por esta mesma razón, Bosco Caride responde á idea da arte como contemplación. El identifícase cunha tradición contemporánea que, aínda que con diferentes sensibilidades, entende a pintura como reflexión, un espazo de silencio, un dialogo cara a cara coa obra de arte.
INFORMACIÓN XERAL / DOCUMENTACIÓN / ACTIVIDADES
Catálogo
Con motivo desta mostra, o MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, editará unha publicación que, xunto a imaxes das obras en exposición, incluirá textos do comisario, de Ignacio Pérez-Jofre, do director do MARCO e do artista.
Programación para escolares
Colabora: Fundación “la Caixa”
Ata o 14 de xuño de 2024
Horario: de martes a venres de de 10.00 a 11.30 e de 11.30 a 13.00
Previa cita: tel. 986 113900 Ext. 200 / 986 113900 Ext. 308 / Correo-e: comunicacion@marcovigo.com
Obradoiros infantís
Colabora: Fundación “la Caixa”
Ata o 25 de maio de 2024
Horario: sábados de 11.00 a 12.30 (de 3 a 6 anos) e de 12.30 a 14.00 (de 7 a 12 anos)
Previa inscrición: tel. 986 113900 Ext. 200 / Correo-e: recepcion@marcovigo.com
Información e visitas guiadas
O persoal de salas está dispoñible para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais: todos os días ás 18.00 / Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita.
Rutas interactivas a través da App Vigo
O sistema de rutas interactivas a través da App Vigo permite aos visitantes acceder a todo tipo de contido sobre a exposición (vídeos, imaxes, información específica sobre as obras), sexa no propio espazo mediante os beacons ou dispositivos bluetooth situados en salas, ou en calquera outro lugar, seguindo a ruta dende a pantalla do móbil unha vez descargada a aplicación, ou dende o seu equipo a través da web do Concello de Vigo.