BIBLIOTECA HUMANA, é unha iniciativa da EPAPU Nelson Mandela (C. P. A Lama) en colaboración co MARCO, que tras a gran acollida da súa primeira edición, organizamos de novo nas instalacións do Museo durante tres xornadas consecutivas, o mércores 22, xoves 23 e venres 24 de maio, en horario de mañá.
BIBLIOTECA HUMANA. Historias de vida en primeira persoa
Persoas internas no Centro Penitenciario da Lama que cursan os seus estudos na EPAPU Nelson Mandela, e internas de 3º grao no CIS de Vigo, compartirán con nós unha parte das súas historias vitais, dende perspectivas distintas á norma. Da soidade da cela, onde flúen os recordos, á posibilidade de establecer unha conversa funcionando como “libros humanos”.
Aberto ao público en xeral, e especialmente a: escolares a partir de 4º ESO, Bacharelato e FP, estudantes universitarios (preferentemente nos ámbitos de ciencias sociais, psicoloxía, educación), asociacións, colectivos e persoas interesadas.
Prazas limitadas, cun máximo de 25 participantes por sesión
Imprescindible inscrición e reserva a través do email comunicacion@marcovigo.com [3]
DATAS E HORARIOS (dispoñibles ata completar capacidade):
Mércores 22 maio = 2 sesións ás 10.45 e ás 12.30
Xoves 23 maio = 2 sesións ás 10.45 [COMPLETO] e ás 12.30 [COMPLETO]
Venres 24 maio = 3 sesións ás 10.00, 11.30 [COMPLETO] e 13.00
BIBLIOTECAS HUMANAS. Historias de vida en primeira persoa
Todas as persoas temos historias que contar, pero non sempre temos a quen. Na soidade da cela flúen os recordos. Son lembranzas de historias que ás veces mesturan violencia, ousadía, inconsciencia, loita por sobrevivir, amargura, medo, desesperación… pero tamén son lembranzas de historias de amizade, tenrura e amor.
Varias persoas do alumnado da EPAPU Nelson Mandela, internas no Centro Penitenciario da Lama, e tamén internas de 3º grao no CIS de Vigo, compartirán con nós algunhas destas historias. Contan con perspectivas de vida distintas á norma e dificilmente poderiamos entablar unha conversa con eles e elas en circunstancias normais.
Que é unha Biblioteca Humana
O concepto de Biblioteca Humana (Human Library) foi creado no ano 2000 en Copenhague por Ronni Abergel coa intención de rematar cos prexuízos e estereotipos. Os nosos libros son persoas que comparten as súas historias a través de conversas cara a cara cos lectores. A nosa é unha biblioteca de empatía onde teremos a posibilidade de mergullarnos na experiencia doutra persoa e chegar a comprender o porqué dos seus feitos sen ter, por iso, que xustificalos. En todos os casos o obxectivo é ser lido polo maior número de persoas coa finalidade de formar individuos máis comprensivos e empáticos ou, o que é o mesmo, para ter un mundo mellor.
Enlaces:
[1] https://marcovigo.com/sites/default/files/Biblioteca%20humana_600x200_1.jpg
[2] https://marcovigo.com/sites/default/files/Biblioteca%20humana_200x150_1.jpg
[3] mailto:comunicacion@marcovigo.com