Como imaxe da súa primeira individual, realizada en 1989 e titulada Pintura, Alejandra Icaza (Bilbao 1966) escolle a fotografía, en branco e negro, dunha nena debuxando con xiz sobre o asfalto dunha rúa. Case 40 anos despois, titula Circus a súa exposición no MARCO. Dúas eleccións que definen unha traxectoria moi persoal. A primeira imaxe alude á súa maneira de entender a pintura como unha actitude ligada á vida, que integra con naturalidade a liña, o debuxo, e é quen de xuntar memoria e xogo. O ascetismo da imaxe vai acompañado dunha obra minuciosa e colorista, con pequenas colaxes nas que entretece cor, palabras e fragmentos, nunha clara invitación a que o espectador entre nun mundo íntimo, cheo de referencias que se intúen persoais pero que animan ao diálogo, á complicidade, ao xogo. A idea do circo, como goce e reto, dinamismo e rigor, é unha boa síntese do percorrido por unha obra que se mantén fiel a unhas claves pero que amosa distintos momentos de intensidade.
Dicía o dadaísta Hugo Ball que a obra dos artistas se entende pola elección da escala na que traballan, poñendo como exemplos antagónicos a Paul Klee e Kandinsky: o gusto polo pequeno e a necesidade de ampliar o espazo. Alejandra Icaza arrinca nunha escala moi próxima a Klee, sabendo potenciar matices e evocacións, pero co tempo non dubida en ampliar o formato, mantendo o seu gusto por dispor fondos de cor, cunha paleta moi persoal, conseguida mesturando óleo e ceras, debuxando sobre a pintura con incisións, como quen prepara unha gravado. Atrévese tamén con formatos difíciles, que a obrigan a traballar a superficie coma se se tratase dun campo, que o é, prescindindo de conceptos como a perspectiva, inundando o cadro con símbolos facilmente recoñecibles, nunha especie de xeroglífico emocional, que nos remite á memoria da infancia, pero tamén ao proceder dos pintores flamengos ou á miniatura oriental.
A Alejandra Icaza gústalle tentar os límites, romper co previsible. Ás veces, sae do soporte do cadro e ocupa o espazo con obxectos, ou sorprende tratando do mesmo xeito o seu lugar de traballo e a súa casa. Existe unha voluntaria confusión entre ambos, que nos leva a sentir os cadros coma espazos oníricos, aínda que nos identifiquemos co aire de proximidade que transmiten os símbolos, a recorrencia á cor ou o aparentemente sinxelo de composicións que son moi minuciosas, moi traballadas a modo de fragmentos postos en diálogo.
“A primeira pregunta que se nos formula ao falar de pintura –sinala a artista– é se é realista ou abstracta, como se dende aí puidésemos etiquetar en dúas grandes vertentes, e dende o condicionante, a clasificación. Para min, non hai fronteiras. Que é un cadro abstracto senón unha paisaxe exterior ou interior a través dunha mirada? Que é un cadro figurativo? A realidade dese momento do día. Pero esa realidade está filtrada, está entendida por un ser humano, cun ceo que percibe cobalto ou rosado. Tamén na pintura realista inflúen as emocións, os conceptos, o entretecer do autor. Se a pincelada é rota ou lisa ou marcada en potencia. O pulso do pintor é como o ritmo do cadro, é coma unha sinfonía, o tictac, máis temperado ou máis rápido”. A idea está clara: “Unha vez, un profesor da Universidade, dando unha desas críticas tan temidas, ao final do trimestre, preguntoume: E que pretendeu vostede con ese cadro? Pois simplemente iso, pintar un cadro.”
Miguel Fernández-Cid, comisario da exposición