
Presentación do proxecto: "A VILA DO MAÑÁ"
Este sábado 14 de decembro ás 19.00, no salón de actos do MARCO, temos a presentación dun innovador e singular proxecto: "A VILA DO MAÑÁ", da man da arquitecta e docente Sandra González Álvarez, recentemente premiada (xunto a Fernando Agrasar Quiroga, Luz Paz Agras e Ana María Álvarez Paz) no apartado de Pedagoxía na XIII Edición da BIAU (Bienal Iberoamericana de Arquitectura e Urbanismo).
Neste proxecto, a Asociación "A VILA DO MAÑÁ" traballou conxuntamente co GICAP e o IES Alexandre Bóveda, para que estudantes da ETSA (Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña) se uniran ao alumnado de Secundaria deste instituto tan preto de nós, no barrio vigués de Coia, para poñer en marcha un proxecto de acción, educación e divulgación onde o obxectivo era que tomasen conciencia, dende a infancia e a adolescencia, do valor da súa contorna e do seu patrimonio.
Un grupo de estudantes de arquitectura levou a cabo unha investigación na barriada de Coia co fin de achegar ao alumnado que vive nesa zona información sobre a súa xeografía, historia, toponimia... de modo que os coñecementos serviran de vehículo para a súa integración social. A través do estudo e do contacto directo co seu contexto máis próximo, o alumnado do IES Alexandre Bóveda foi "descubrindo" a súa contorna e o seu patrimonio, para valoralo e sentirse parte activa do seu futuro, tomando o barrio como punto de partida.
+INFO sobre “A VILA DO MAÑÁ” en: