
Visita guiada EXPOSICIÓNS MARIANA GOMES e FRANCISCO MENDES MOREIRA
Con motivo da inauguración das exposicións de MARIANA GOMES e FRANCISCO MENDES MOREIRA, convidámosvos a unha visita guiada na compaña dos artistas, o xoves 11 de xuño ás 18.30, na Galería e sala perimetral B3 (1º andar) e na Galería e sala perimetral B1, respectivamente. A programación destas dúas mostras coincide na data máis próxima ao Día de Portugal, que se celebra a véspera, 10 de xuño.
[NOTA: Nesta ocasión, adiantamos un pouco a hora da visita, para non coincidir cunha actividade no salón de actos ás 19.30, á que quizais haxa persoas de AAM que queiran asistir: “O dereito á memoria, á dignidade e á reparación” – conferencia de Francisco Etxeberria Gabilondo (antropólogo forense), organizada polo Ministerio de Administraciones Públicas y Memoria Democrática.]
Na obra de Mariana Gomes (Faro, 1983) hai xogos de miradas e obxectos que axiña adquiren protagonismo. Como unha serie de pequenas esculturas, entre as que chaman a atención as cabezas de Antonin Artaud, Philip Guston, Tintoretto, Leopardi, Borges, Eliot ou Henri Michaux, no que parecen homenaxes a referentes, pero tamén unha necesidade de tocar a materia, de sentila, nun trazo que resulta central no seu traballo. Do mesmo xeito ocorre coas súas pinturas.
De Francisco Mendes Moreira (Coimbra, 1979) insístese na súa condición de artista autodidacta, cando o importante é o seu empeño en camiñar sen referentes xeracionais, buscando soportes, solucións e imaxes a través das cales explica a súa visión do mundo. Pinta sobre cartóns atopados, sobre manteis, teas e edredóns; realiza obxectos en papel maché, dialoga cos espazos. Parte do próximo e mestúrao con referencias a unha cultura tan ampla e diversa que lle permite relacionar a Brueghel, Piero, a pintura clásica, Picasso, o surrealismo, a banda deseñada, a música tradicional, o blues, Kerouac, Bob Dylan, Neil Young, referencias ao cinema, a pasaxes, versos ou títulos de cancións.