rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Viaxe a Muras, Lugo / Sábado 11 outubro

Viaxe a Muras, Lugo / Sábado 11 outubro

Datas: 
11 outubro 2025
Lugar: 
Farola de Urzáiz
Horario: 
07.45

Para comezar ben a tempada, dende a Comisión Xestora propoñémosvos unha saída para visitar "Vigo-Muras Serigrafía Galega 1971" en Muras, Lugo, o sábado 11 de outubro, con regreso o mesmo día. O plan sería: 

·  10h Visita guiada ao Museo da Mina de As Pontes. O museo da Mina é un centro expositivo no que se interpreta a antiga mina de Lignitos de As Pontes que deu lugar á Central Térmica que no seu día tivo a cheminea máis alta de Europa.

· 12.30h Visita guiada á exposición "Vigo-Muras Serigrafía Galega 1971", unha iniciativa do Legado Activo Beiras Cal (LABC), comisariada por Carme Varela. Esta mostra, homenaxe aos irmáns Álvarez Blázquez, está composta por 44 creacións dos máis relevantes artistas do panorama pictórico galego de comezos dos anos 70, como Seoane, Laxeiro, María Antonia Dans ou Díaz Pardo, entre outros, que se complementan cunha mostra de preto dun cento de publicacións das factorías editoriais dos Álvarez Blázquez. A exposición poderá verse nas dependencias do vello Mesón das Aguias, a antiga caseta de correos e o hórreo da casa familiar da pedagoga Antía Cal, quen fundara en Vigo o colexio Rosalía de Castro.

·  Xantar. Ao anotarse na excursión pódese especificar que se quere participar na reserva grupal que se fará no restaurante Casa Santi. O menú é de 22€ (entrantes + 2º prato de carne ou pescado a escoller). Tede en conta que non hai moitas opcións en Muras, polo que se non vos anotades á reserva grupal, deberedes axustarvos aos tempos para non atrasar a viaxe.

·  16h Visita guiada á imaxinería popular dos cemiterios de Ourol, da man de Anxo Vázquez, autor dun estudo sobre os mesmos.

 A saída é o sábado 11 de outubro ás 7.45 dende a farola de Urzáiz, e a chegada será o mesmo día e no mesmo punto sobre as 21.00. O custo aproximado será de 35€ por persoa, que pode variar en función do número de persoas anotadas (devolverase a diferencia no caso de que se pase o orzamento) . Este prezo inclúe só autobús de ida e volta, e non o xantar (prezo aparte).

CONFIRMACIÓN E RESERVAS DE PRAZA: 

O máximo de prazas é de 30 persoas. O prazo límite para apuntarse será o venres 3 de outubro ata as 14.30, e a reserva farase efectiva mediante pagamento en efectivo de 35€ na taquilla do MARCO.

Nesta ocasión pode anotarse xente allea á Agrupación Amiga, sempre e cando non se cubran as prazas con membros da Agrupación, que terán prioridade nas reservas.

Proximamente mandarémosvos información sobre a seguinte actividade que estamos a organizar: unha viaxe a León, onde visitaremos a exposición máis completa de Yoko Ono no MUSAC de León, e a Fundación Cerezales.