rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Unha imaxe de si. Marta María Pérez Bravo, Yolanda Herranz Pascual e Andrea Costas Lago na Colección MARCO

Unha imaxe de si. Marta María Pérez Bravo, Yolanda Herranz Pascual e Andrea Costas Lago na Colección MARCO

Ficha

Datas: 
5 decembro 2024 - 9 marzo 2025
Lugar: 
Salas frontais, 1º andar
Horario: 
Martes a sábados (festivos incluidos), de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00 Domingos, de 11.00 a 14.30
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Miguel Fernández-Cid
Comisariado: 
María Seoane

PRESENTACIÓN

Colección MARCO. Un inicio
“Unha imaxe de si”

Con frecuencia, as coleccións de arte son froito de arranques máis ligados ao entusiasmo que á planificación fría. As que nacen dende un apoio económico forte adoitan querer reflectir a historia recente ou a última actualidade; as que parten case dende o silencio, optan por ir tecendo unha especie de arañeira na que se fan posibles os diálogos, dende un claro compromiso cunha contemporaneidad plural. Obras e nomes fan que se creen relacións e vaia fluíndo, ata facerse visible, nítido, un relato que, con frecuencia, estaba na orixe.

A colección do MARCO, incipiente, sinala o seu campo de incidencia na súa primeira exposición con fondos propios, reunindo obra central de tres artistas: unha viguesa, outra bilbaína residente en Pontevedra e unha terceira cubana residente en México. A intención da proposta é clara: poñer en relación a mellor arte galega coa exterior, especialmente a peninsular e a americana, en sintonía coa nosa historia.

Das tres artistas seleccionadas móstrase unha ampla representación do seu traballo –case a xeito de pequenas exposicióes de cámara, con ese ambiente íntimo característico, no que cada proposta só se ve alterada pola presenza das outras. Elíxense temas afíns como son a identidade, o autorretrato, a presenza do corpo, a vindicación da condición feminina, as referencias á historia, á arte, a símbolos de culturas próximas por o vivido ou polo emocional.

Yolanda Herranz Pascual (Barakaldo, 1957) e Andrea Costas Lago (Vigo, 1978) recoñecen en Marta María Pérez Bravo (A Habana, 1959) un referente ético e estético, pero a ela lle sorprende a rotundidade e o toque persoal das propostas das súas compañeiras. E nese diálogo, nesa complicidade de obxectivos, é onde o espectador asiste a ese xogo de miradas, de ecos e sorpresas que está sempre presente na arte.

“Unha imaxe de si” serve de presentación a un proxecto de colección que rematará concretándose  nos vindeiros anos, cando a arañeira que comezamos a trazar adquira unha clara presenza física.

Miguel Fernández-Cid / María Seoane
Comisarios da exposición

INFORMACIÓN XERAL / ACTIVIDADES

Programación para escolares
Colabora: Fundación “la Caixa”

A partir do 15 de outubro de 2024
Horario: de martes a venres de 10.00 a 11.30 e de 11.30 a 13.00
Previa cita: tel. 986 113900 Ext. 200 / 986 113900 Ext. 308 / Correo-e: comunicacion@marcovigo.com

Talleres infantís
Colabora: Fundación “la Caixa”

A partir do 19 de outubro de 2024
Horario: sábados de 11.00 a 12.30 (de 3 a 6 anos) e de 12.30 a 14.00 (de 7 a 12 anos)
Previa inscrición: tel. 986 113900 Ext. 200 / Correo-e: recepcion@marcovigo.com

Documentación

A Biblioteca-Centro de Documentación do MARCO preparou un dossier documental, que reúne enlaces a artigos e información complementaria sobre as artistas, accesibles para consulta dende a web do MARCO www.marcovigo.com nos apartados Biblioteca/Novas e Exposicións/Actuais.

Información e visitas guiadas

O persoal de salas está dispoñible para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais: todos os días ás 18.00 / Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita.

Rutas interactivas a través da App Vigo

O sistema de rutas interactivas a través da App Vigo permite aos visitantes acceder a todo tipo de contido sobre a exposición (vídeos, imaxes, información específica sobre as obras), sexa no propio espazo mediante os beacons ou dispositivos bluetooth situados en salas, ou en calquera outro lugar, seguindo a ruta dende a pantalla do móbil unha vez descargada a aplicación, ou a través da web do Concello de Vigo.

Síntese do proxecto

A autorrepresentación configurouse nas últimas décadas como un dos eixes máis produtivos dentro da creación artística. Dende o auxe da performance a partir de finais dos anos sesenta, pasando pola irrupción da perspectiva de xénero e o despregamento da teoría feminista na esfera da arte, ata chegar ao máis recente xiro autobiográfico, a autorrepresentación aparece como unha ferramenta decisiva para abordar toda unha serie de aspectos relacionados coa produción da identidade, a construción do suxeito, a representación do corpo ou a exploración e manifestación da subxectividade.

Yolanda Herranz Pascual (Barakaldo, 1957), Marta María Pérez Bravo (A Habana, 1959) e Andrea Costas Lago (Vigo, 1978), son tres artistas que afondaron nestes territorios dende diferentes perspectivas. A confluencia das súas propostas nesta exposición, a partir de obras pertencentes á Colección do MARCO de Vigo, permite facer unha lectura, non só das temáticas apuntadas ao redor da identidade, o corpo, o suxeito ou a subxectividade, senón tamén de dous campos estreitamente relacionados coa autorrepresentación e o autobiográfico como son o autorretrato e a performance, nos que a fotografía, e por extensión o vídeo, aparecen como medios privilexiados para o seu desenvolvemento.

Estas tres creadoras, con maior ou menor intensidade ao longo da súa traxectoria, acudiron ao autorretrato como ámbito de indagación onde o propio corpo, como expresión e autorrepresentación do propio eu, aparece como o territorio físico, simbólico e social dende o que explorar e manifestar diversas subxectividades, construírse como suxeitos, cuestionar identidades e adscricións tanto a nivel individual como colectivo, ou revelar, en suma, o carácter fluído e ambiguo da interioridade subxectiva. Un impulso performativo alimenta e sustenta as súas propostas nesta dirección, non xa só polo manifesto tránsito pola corporalidade, polo rastro de experiencialidade que hai nelas, ou polo acusado sentido de interioridade que albergan, senón tamén pola súa capacidade para alentar a exploración da subxectividade como vía de transformación.

Nesta liña sitúase Yolanda Herranz Pascual, ao desenvolver dentro do seu proxecto El Arte Sana / El Arte Cura (en alusión clara a esa potencia de transformación /curación) unha serie de autorretratos que remite precisamente ao proceso de indagación na interioridade subxectiva, un elemento estreitamente relacionado á súa vez coa reflexión sobre a identidade que guía a súa traxectoria. Utilizando unha combinación de texto e imaxe, moi característica no seu traballo, propón un dobre marco visual e textual. O desprazamento da identidade convencional asociada ao retrato, a través da desfiguración do rostro, reconfigúrase nunha nova identidade que se expresa e constrúe a través da palabra. O eu da imaxe visual, o singular do autorretrato, bascula cara a un somos, cara a unha escritura en plural ambigua, aberta e poética, que explora esferas interiores ocultas, silenciosas. Unha interconexión entre texto e imaxe que constrúe metáforas sobre a identidade, a que corresponde ao rostro da artista densificado nunha mirada que parece envorcarse cara ás zonas ocultas do noso interior, e as que emanan das impresións e percepcións que acompañan a cada unha das imaxes, cuxo conxunto de textos ofrece un percorrido existencial compartido co lector / espectador, e que tanto pode ser entendido dende unha expresión de natureza autobiográfica como dende a base dunha experiencia emocional común.

A ritualidade, fortemente ancorada na práctica artística latinoamericana, así como as referencias a un marcado sincretismo relixioso enraizado na súa cultura local de orixe, percorren a traxectoria de Marta María Pérez Bravo, caracterizada por unha continuada práctica do autorretrato concibido a partir de elaboradas escenografías de alto contido simbólico. A posta en escena do propio corpo convérteo nunha paisaxe para a inscrición de signos e alegorías elaboradas a partir da hibridación de tradicións, cultos e rituais. A cultura afrocubana, en toda a súa diversidade, é o camiño de referencia para abrir un territorio que transita entre o espiritual, o material e o corpóreo, un mundo onírico habitado por obxectos e materiais que adquiren toda a súa complexa dimensión a través da xestualidade e a linguaxe corporal da artista. Cada imaxe é entendida e abordada como unha acción performativa destinada a ser fotografada cunha estética que evade o referencial para internarse no terreo do onírico, do impalpable, do máxico, configurando a fusión deses dous mundos, do material e o espiritual. Os pés de foto de cada imaxe abren un camiño de lectura enchido de significados e referencias tanto simbólicas como cotiás, tanto referidas á cultura afrocubana como ás esperanzas, temores, premonicións ou desexos que configuran a identidade subxectiva de cada quen.

A problemática dun corpo socialmente determinado, asociado ao feito da maternidade, é a base sobre a que Andrea Costas Lago desenvolve o seu proxecto Desapego, no que expón e examina a súa propia experiencia autobiográfica. Unha acción autorreflexiva que se desprega de xeito complexo dende tres perspectivas simultáneas, o que lle permite abordar a un mesmo tempo, tanto a súa propia subxectividade, a súa interioridade, como a cuestión máis ampla da identidade feminina. Por unha parte, confronta a maternidade co marco social e político que a determina e condiciona, algo que realiza, dende a súa dobre condición de artista e nai, mediante un xesto de apropiación do título da performance de Marina Abramović, Arts Must Be Beautiful, ArtIsts Must Be Beautiful (1975), que ela reformula para o vídeo que realiza xunto aos seus fillos nun ambivalente e paradoxal Moms Must Be Beautiful, que confronta literalmente co contido da gravación. Por outra, remite o espectador ao ámbito das relacións intrafamiliares e á esfera do cotián, tanto mediante a reformulación das fotografías e os vídeos de familia, coma a través da repetición de xestos cotiáns e ordinarios, alterando o seu sentido e significación. E, por último, a través da apelación á súa propia interioridade subxectiva, encamiñada por diversas vías: dende o fluxo autobiográfico que canaliza o proxecto, pasando polo uso metafórico da cor vermella, tan biolóxica como emocional neste caso, ata o tipo de accións cotiás elixidas para autorrepresentarse. Con todo iso constrúe unha difícil reflexión que transita por unha ampla gama de sentimentos e condicións, que van dende o individual ao colectivo: dor, vulnerabilidade, presión, expectativas, fraxilidade ou resistencia.

Tres artistas que constrúen e botan unha imaxe de si a partir dos seus corpos e das súas subxectividades, deixando con iso, á súa vez, a pegada dunha transformación posible, tanto para elas coma para nós, espectadores.”

Alberto Martín Expósito

Artistas

Marta María Pérez Bravo


Marta María Pérez Bravo
(A Habana, Cuba, 1959) vive e traballa en México dende 1995. Cursou os seus estudos de grao na Academia de Artes Plásticas San Alejandro e no Instituto Superior de Arte ISA (A Habana, Cuba).

As súas exposicións individuais máis recentes inclúen Firmeza (Museo Nacional de Bellas Artes, A Habana, 2020); Un símbolo es una verdad (Espacio Cultural Ex Teresa, Foto México, Cidade de México, 2019 / Museo MUSAS, Hermosillo, Sonora, 2017); Yo vine a buscar (Galería Lucy García, Santo Domingo, República Dominicana, 2018); Esprits de corps (Maison de L’Amerique Latin, París, 2013); Vidente (Galería Fernando Pradilla, Madrid, 2012); Relaciones Negativas. Marta María Pérez y René Peña (Centro de Arte La Regenta, As Palmas de Gran Canaria, 2011); Homenaje a Rodin (EDS Galería, México DF, 2010); Marta María Pérez (Galería Fernando Pradilla, Madrid, 2007). Entre as mostras colectivas máis recentes nas que ten participado cóntanse, entre outras, Nada Personal. XIII Bienal de La Habana (Museo Nacional de Bellas Artes, A Habana, 2019); Under Cosntruction: Relatos desde Latinoamérica en la colección CIFO (Casa Fugaz, Monumental Callao. Perú, 2019); La pobreza irradiante: 24 horas de videoarte (Casa de Cultura de Gibara, Cuba, 2019); Radical Women. Latin American Art: 1960-1985 (Pinacoteca de São Paulo, Brasil, 2018 / Hammer Museum, Los Angeles / Brooklyn Museum, NY, 2016-17); Herencia: Origen y Mito (Fundación Escondida. Antofagasta, Chile, 2018); La Fotografía construida, Biblioteca Nacional, Bogotá, Colombia, 2015); Estrictamente personal: XII Bienal de La Habana. Centro Hispanoamericano de Cultura, A Habana, 2015); Re-action. Genealogía y contracanon, Casal Solleric, Mallorca, 2015); Video Arte en América Latina (The Getty Research Institute, 2011-2013); Iconocracia (ARTIUM, Vitoria-Gasteiz, 2015); Desdoblamientos. Exploraciones a partir de la fotografía en México (Museo Universitario del Chopo, México DF, 2015).

https://martamariaperezbravo.com/

Yolanda Herranz Pascual

Catedrática de escultura na Facultade de Belas Artes de Pontevedra (Universidade de Vigo), a traxectoria artística de Yolanda Herranz Pascual (Barakaldo, Bizkaia, 1957) comeza en 1979, compaxinando o traballo individual, en proxectos de clara vindicación feminista, co colectivo, agrupando artistas coas que sente vínculos comúns. O convencemento de que cómpre sumar voces en defensa de ideas e mensaxes de claro matiz político lévaa a envorcarse en traballos e plataformas colectivas, sendo a súa obra persoal menos coñecida entre o público do que a súa transcendencia reclama.

Algunhas mostras individuais, como …NO, AÚN NO… (MARCO, Vigo, 2020); Pronunciamiento y pasión (Galería Ad Hoc, Vigo, 1994); Tomar la palabra (Galería Arteara, Madrid, 1994); Pese al paso del tiempo (Patio de Escolas da Universidade de Salamanca, 2007), e a súa inclusión en colectivas como Genealogías feministas en el arte del estado español, 1960-2010 (MUSAC, León, 2012) ou Alén dos xéneros (MARCO, Vigo, 2016) outórganlle o lugar que merece, como unha das artistas pioneiras na defensa de posicións de xénero.

http://www.yolandaherranz.es

Andrea Costas Lago


Andrea Costas Lago (Vigo, 1978) é artista visual, profesora de fotografía na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, Universidade de Vigo, e na escola de deseño Aula D. Desenvolve o seu labor creativo utilizando diversas linguaxes como instalación, vídeo ou performance, aínda que é máis coñecida polo seu traballo fotográfico. A súa persoal narrativa adoita tratar temas tan cotiáns como universais dende unha perspectiva emocional e psicolóxica. Nos últimos anos combinou a súa traxectoria artística e docente coa investigación e preparación da súa tese de doutoramento, sobre “Aleitamento materno en fotógrafas do século XXI”.

A súa obra foi protagonista da mostra individual Desapego (MARCO, Vigo, 2022), e estivo presente en numerosas exposicións colectivas, como Cruzamentos na arte galega da Colección CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea. Santiago de Compostela, 2022); A paisaxe e a súa pegada (Casa do Cabildo, Santiago de Compostela, 2019); Alén dos Xéneros. Prácticas artísticas feministas en Galicia (MARCO Vigo e Auditorio de Galicia. Santiago de Compostela, 2017); Alivio (Alterarte, Ourense, 2011); Mapas creativos. Nuevos nombres en el arte gallego (Galería Orígenes, La Habana, 2008); Marxes e mapas. A creación de xénero en Galicia (Auditorio de Galicia, Compostela, 2008); La jeune création photographique en Galice (Espace Bonefoy Toulouse, 2007); A boa vida (CGAC, Santiago de Compostela, 2006); O Feito Fotográfico (MARCO, Vigo, 2004).

https://andreacostaslago.es