
Teatro para ler?. Charla-coloquio con Paula Carballeira, Fran Núñez, AveLina Pėrez e Xesús Ron, conducida por Camilo Franco
Charla-coloquio con Paula Carballeira, Fran Núñez, AveLina Pėrez e Xesús Ron, conducida por Camilo Franco
Actividade complementaria do Club de Lectura #BiblioMARCO e Club de Lectura da Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas
Martes 25 marzo, ás 19.00
MARCO, salón de actos
Aberto ao público en xeral ata completar capacidade
Actividade accesible a persoas con discapacidade auditiva (intérprete lingua de signos) grazas á colaboración de Fundación ”la Caixa”
Posibilidade de reserva de praza para participantes Clubs de Lectura #BiblioMARCO, Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas, e AAM Agrupación Amiga do MARCO (previa acreditación), ata o 20 de marzo en centro.documentacion@marcovigo.com indicando nome e apelidos, ou no tel. 886 129426.
A Biblioteca-Centro de Documentación do MARCO e a Biblioteca Municipal Neira Vilas continúan á súa liña de colaboración organizando actividades complementarias dos seus Clubs de Lectura. Nesta ocasión, a partir da lectura do libro Los huerfanitos, de Santiago Lorenzo –cunha historia ambientada nun teatro independente– xurdiu a proposta desta charla-coloquio para falar do teatro como xénero literario e das múltiples conexións entre artes escénicas e literatura, entre moitas outras cuestións.
Participan: Paula Carballeira (Cía. Berrobambán), Fran Núñez (Director do Centro Dramático Galego), AveLina Pėrez (creadora escénica), Xesús Ron (Grupo Chévere)
Conducida por: Camilo Franco
Martes 25 marzo, ás 19.00
MARCO, salón de actos
A Biblioteca Neira Vilas de Vigo e a Biblioteca-Centro documentación do MARCO convidan a todas as persoas amantes do teatro e da literatura a participar nesta charla-coloquio concibida como actividade complementaria dos seus clubs de lectura.
Nesta tempada, os clubs lerán en común o libro Los huerfanitos de Santiago Lorenzo, unha obra que nos mergulla no fascinante mundo do teatro. Para complementar esta experiencia lectora, organizan unha mesa redonda sobre teatro que contará con convidados de excepción, e na que se propón unha reflexión sobre o teatro como xénero literario, explorando temas como a relación entre o texto dramático e a representación escénica, a escaseza de publicacións dos textos teatrais que se representan cada ano, o que provoca a perda dun importante corpus cultural, ou a desconexión entre os premios literarios de teatro e a posibilidade de que as obras galardoadas sexan representadas.
Paula Carballeira
Nacida en Maniños (Fene, A Coruña), é licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela e cun Posgraduado de Especialización en Arte Dramática na mesma universidade. Candidata dous anos consecutivos ao Astrid Lindgren Memorial Award, ten una ampla produción literaria en teatro, narrativa, poesía e ensaio. Moitos dos seus libros foron premiados e traducidos a diferentes idiomas. Como dramaturga, recibiu o Premio Nacional de Literatura Dramática no ano 2023 concedido polo Ministerio de Cultura; o Premio Follas Novas na categoría de Teatro nese mesmo ano; o Premio Laudamuco de Textos Teatrais no ano 2022; o Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil nos anos 2006, 2011 e 2018; a Mención do Xurado no III Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural da Radio Galega; foi finalista do Premio ASSITEJ de Textos de Teatro e dos Premios María Casares do Teatro Galego nas categorías de Texto Orixinal (ano 2007) e Adaptación de Texto Dramático (2016). Narradora oral profesional desde 1994, foi convidada aos principais festivais de narración oral nacionais e internacionais. Como actriz, é membro da compañía teatral Berrobambán desde 1996 e participou en varias series e programas da Televisión de Galicia. Como directora de teatro, leva adiante montaxes tanto na súa propia compañía como noutras producións.
Fran Núñez
Director do Centro Dramático Galego desde 2020, é Doutor en Comunicación pola Universidade de Vigo. Doutor en Economía Aplicada pola Universidade de Santiago de Compostela, Mestrado en Artes Escénicas e Teoría do Espectáculo pola Universidad del País Vasco, Mestrado en Economía da Cultura e Xestión Cultural pola Universidad de Valladolid, Licenciado en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo, e Titulado Superior en Arte Dramática pola ESAD de Galicia. Fundador de Limiar Teatro e Teatro del Hereje, coas que dirixiu máis de 20 montaxes. Colaborou con compañías e entidades nacionais e internacionais, como o Teatro de la Zarzuela, Goliardos, Ship of Fools, Boccaccione, Teatro Nacional D. Maria II, Teatro Nacional São João, Companhia de Teatro de Braga, Centro Dramático de Viana, Compañía Nacional de Teatro de México ou Teatro Nacional de Irlanda. Participou en proxectos europeos como a rede He-Arts e realizou numerosas intervencións escénicas no patrimonio histórico e en espazos naturais.
AveLina Pérez
Diplomada en Educación social, formada en interpretación na Escola Santart, e titulada en dirección de escena e dramaturxia na ESAD de Galicia. Despois de dedicarse profesionalmente durante anos á educación social en contextos de exclusión, abandona radicalmente a súa profesión e centra o seu foco nas artes escénicas. Os cans non comprenden a Kandinsky é a peza que abre o seu novo proxecto artístico no que diversifica as propias producións, a escrita teatral e a impartición de obradoiros. Acada varios premios de dramaturxia. Procurando a máxima liberdade nas creacións, fuxindo das etiquetas e da necesidade do paradigma definido, interesada pola palabra, cunha concepción teatral moi ligada ao terrenal, ao social, na busca de converter o cotiá en extracotiá, e sempre transitando por un humor acedo e duro, concibe a escena como un lugar de encontro, un lugar no que a dignidade exista inda que estea camuflada, agochada, distorsionada, pero sempre presente.
Xesús Ron
Xesús Ron Pereiro (Vigo, 1965) intégrase no Grupo Chévere en 1988, realizando labores de creación de textos, interpretación, produción, xestión, dramaturxia, dirección artística e escénica. Algúns dos proxectos nos que participou son: Helen Keller, a muller marabilla? (2024), N.E.V.E.R.M.O.R.E. (2021), Dramawalker Vite (2021), As Fillas Bravas e o Mito de Casandra (2020), Curva España (2019), Divinas Palabras Revolution (2018), Anatomía dunha serea (2018), Eroski Paraíso (2016), Goldi Libre (2016), As Fillas Bravas de Momán (2014), Eurozone (2013), Amores Prohibidos 2.0 (2012), Citizen (2010-2011), Testosterona (2009), Alá no fondo hai sitio abondo (2007), O Navegante (2001), hero.es (1999), A rutina é o deber de todas as criaturas (1998), Annues Horríbilis (1994), Máquina Total (1994), Big Bang (1992), Río Bravo (1990). En 1992 participa na creación da Nave de Servizos Artísticos-Sala NASA, ocupándose da xerencia e dirección artística ata 2011. Foi membro da xunta directiva da Red de Teatros Alternativos (1999-2003), do Consello Asesor do Centro Dramático Galego (2006-2009) e de Escena Galega (2015-2018). Formou parte do Colectivo Burla Negra e da Plataforma Nunca Máis, participando na creación e desenvolvemento de proxectos de axitación cultural como “O País de Nunca Máis”, “Foro Neghro da Cultura” e “Hai que botalos”. En 2010 participa na creación da plataforma dixital de contidos culturais Redenasa.tv. Dirixe o programa de residencia teatral de Chévere en Teo (2012-2019) e o laboratorio de creación escénica A Berberecheira (2016-2020). Desde 2015 documenta, escribe e dirixe numerosas pezas de ficción sonora en forma de paseos autoguiados.
Camilo Franco
Ourense, 1963. Non está seguro, pero na memoria conserva algo de xornalista, algo de escritor e algo de crítico cultural. Libros: A lúa no cénit, En malos pasos, Por conto alleo, Palabras contadas. Ok boomer. Agora en Piso Franco, unha aplicación para móbiles.
Adxunto | Tamaño |
---|---|
NP_Mesa TEATRO PARA LER_gal.pdf | 174.77 KB |