
Proxección "AURORA" e coloquio + Lecturas Castelao / Martes 25 febreiro
O próximo martes 25 de febreiro ás 19.00 no salón de actos do MARCO temos un plan que non vos podedes perder: a proxección do documental AURORA (2024) de Area Erina --nomeado para os XXIII Premios Mestre Mateo, seguida dun coloquio coa autora e co produtor asociado Antonio Durán "Morris".
Este documental, gravado durante máis de dez anos, comeza sendo un retrato da vida dunha veciña do rural galego. Aurora e Area, mulleres procedentes de mundos totalmente dispares e con gran diferenza de idade entre elas, establecen unha forte relación de intimidade, confianza e profundas conversas ligadas coa morte, coa familia, coa guerra e coa muller. A cámara é o terceiro personaxe nesta permanente busca onde a mirada, ao igual ca elas, varía orgánicamente no tempo.
+INFO https://premiosmestremateo.gal/aurora/
Ademais, o mesmo martes 25 ás 18.30, o Grupo de Lectura de Voluntariado do Concello de Vigo (do que forman parte varias persoas da nosa Agrupación) ofrecerá lecturas en vivo de textos de Castelao na Galería A3 (planta baixa) do MARCO, coa mostra documental sobre Castelao Grafista como pano de fondo.
Confiamos en que ámbalas dúas actividades vos resulten interesantes e poder contar coa vosa asistencia e participación.