
Programación para ESCOLARES
Para grupos de escolares de Infantil, Primaria e Secundaria/Bacharelato
Visitas e obradoiros arredor das exposicións temporais
Fase 1: 15 xaneiro – 20 xuño 2025
Fase 2: 7 outubro – 19 decembro 2025
Horario: de martes a venres de 10.00 a 11.30 (1ª quenda) e de 11.30 a 13.00 (2ª quenda) [posibilidade doutros horarios a demanda]
Previa cita: tel. 986 113900 Ext. 200 / 986 113900 Ext. 308 / Correo-e: comunicacion@marcovigo.com
Unha programación estable en torno ás exposicións temporais, dirixida a todo o alumnado de Educación Infantil, Primaria, Secundaria, Bacharelato e FP, que abarca así un espectro de idades entre os 3 e os 18 anos.
A experiencia no MARCO consiste nun percorrido polas salas de exposición, e un obradoiro relacionado, que se desenvolve no Laboratorio das Artes ou nas propias salas, según os casos. Tanto a selección de obras durante a visita como as actividades de taller están especialmente adaptadas aos distintos grupos, con propostas e percorridos diferenciados para Infantil, Primaria e Secundaria/Bacharelato.
No primeiro cuadrimestre de 2025, as propostas céntranse na gran exposición individual de Susanne Themlitz, que ofrece múltiples posibilidades para explorar novas vías de aprendizaxe, xunto a outras actividades inspiradas na arquitectura do edificio.
A partir do mes de marzo, a programación para escolares renóvase coa estrea da exposición que conmemora o 40º Aniversario da Asociación ÉRGUETE, nas salas do 1º andar. Co título “Érguete. A pegada das nais: un berro que cambiou a sociedade”, a mostra reúne fotografías, documentación, e obras de artistas contemporáneas. O proxecto expositivo ven acompañado dun programa educativo que se desenvolve en paralelo, destinado a grupos de escolares de ESO/Bacharelato e outros colectivos, e que, mediante a colaboración e seguemento de persoal experto, pon o acento na loita destas mulleres e na prevención de condutas adictivas.