rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Programación Didáctica VERÁN 2025

Programación Didáctica VERÁN 2025

Datas: 
8 xullo 2025 - 31 xullo 2025

Laboratorios Artísticos para público infantil
Obradoiros e actividades para grupos e para colectivos con necesidades específicas
Coa colaboración de: Fundación "la Caixa"

Neste inicio do mes de xullo, a área de Didáctica do MARCO presenta a súa programación especial de verán, que este ano inclúe Laboratorios Artísticos para público infantil, obradoiros e actividades para grupos, e para colectivos con necesidades específicas, que se desenvolverán nas salas de exposición e na zona exterior e interior do Espazo Anexo. Todo no contexto do programa ‘MARCOinclusivo’, que conta coa colaboración de Fundación ”la Caixa”.

OBRADOIROS INFANTÍS DE VERÁN

Para público infantil de 3 a 6 anos
Conducidos por Mª Xosé Martínez e persoal de Didáctica do MARCO
Do 8 ao 30 de xullo de 2025
Horario: martes, mércores e venres de 12.00 a 13.30 (agás 25 xullo)
MARCO: salas de exposición e Espazo Anexo (praza peonil posterior)
GRATUÍTO, PREVIA INSCRICIÓN (prazas limitadas)
Reservas de praza en taquilla recepcion@marcovigo.com / Tel. 986 113900 (ext. 200)

Nesta nova edición dos obradoiros de verán, os máis pequenos terán oportunidade de participar unha vez máis en actividades de taller, concibidas como sesións independentes, que poñen o foco nunha experiencia de aprendizaxe baseada no desfrute, e que serven tamén de apoio á conciliación familiar no período estival.

As obras da exposición de LAURA LIO serán a principal fonte de inspiración para traballar con elementos, conceptos e temas presentes no seu traballo –a liña como expresión, o silencio, os paxaros arquitectos, as relacións e paralelismos entre plantas, animais e humanos, a idea de colaxe e decolaxe colectivo…–, a través de distintos medios e materiais.

LABORATORIOS ARTÍSTICOS DE VERÁN

Para participantes a partir de 6 anos
Conducido por Cristina González Larriba (Arte&Garabato) e persoal de Didáctica do MARCO
Do 10 ao 31 de xullo de 2025
Horario: xoves de 11.30 a 13.00
MARCO: salas de exposición e Espazo Anexo (praza peonil posterior)
GRATUÍTO, PREVIA INSCRICIÓN (prazas limitadas)
Reservas de praza en taquilla recepcion@marcovigo.com / Tel. 986 113900 (ext. 200)
[As persoas adultas acompañantes teñen a opción de permanecer no obradoiro tomando parte activa]

Unha serie de actividades nas que, tomando como base a exposición do artista ALFONSO GALVÁN (MARCO, salas do 1ª andar), abordamos temas como as xeografías dos sentidos, a linguaxe das sombras e das siluetas, a natureza como recurso para observar e inventar, a paisaxe fragmentada, a idea dun xardín sonoro, o azar, e a ambigüidade das imaxes. Un conxunto de obradoiros conducidos dende un enfoque lúdico e activo, fomentando unha aprendizaxe baseada no descobrimento, a curiosidade, e o desenvolvemento da autonomía e dun pensamento flexible e creativo.

VISITAS E OBRADOIROS PARA GRUPOS

Actividades á medida para públicos de todas as idades (colectivos, asociacións e grupos con necesidades específicas)
Conducidos por Mª Xosé Martínez e persoal de Didáctica do MARCO
Do 8 ao 30 de xullo de 2025
Horario: martes, mércores e venres de 10.30 a 12.00 (agás 25 xullo)
MARCO: salas de exposición e Espazo Anexo (praza peonil posterior)
GRATUÍTO, PREVIA INSCRICIÓN (prazas limitadas)
Mínimo 10 e máximo 25 participantes por grupo [No caso de grupos pequenos, o número de participantes poderá completarse con outras reservas]
Reservas de praza en taquilla recepcion@marcovigo.com / Tel. 986 113900 (ext. 200)

As mostras de Alfonso Galván, Laura Lio, e a colectiva GENERACIÓN 2025, ofrecen múltiples posibilidades de experiencias relacionadas coa percepción. As actividades, deseñadas á medida en función das necesidades e características de cada grupo, funcionan como fío condutor entre as persoas participantes e o espazo do Museo.