
PRESENTACIÓN LIBRO. Novo diálogo. Achegas á obra gráfica de Castelao, de Carlos L. Bernárdez (Edicións Laiovento) e conversa entre o autor e Miguel Fernández-Cid
O MARCO de Vigo iniciou 2025 poñendo o foco neste ano Ano Castelao, coincidindo co 75º aniversario do seu pasamento, a través da mostra Castelao grafista e dunhas xornadas arredor da súa figura.
Agora, cando se cumpren os últimos meses deste 2025, o Museo presenta a máis recente publicación de Carlos L. Bernárdez, experto na figura de Castelao, e moi especialmente na súa vertente artística.
Nesta presentación, o autor estará acompañado polo director do MARCO, Miguel Fernández-Cid, nunha conversa e coloquio co público asistente.
Carlos L. Bernárdez Novo diálogo. Achegas á obra plástica de Castelao
Edicións Laiovento, 2025. 86 p., 14x21 cm
A arte de Castelao nos 75 anos do seu pasamento
No 75º aniversario da morte de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (1886-1950) en Bos Aires, Galiza lembra unha figura clave da súa cultura. Este volume céntrase na súa contribución ás artes plásticas, nas que destacou como creador dunha arte galega moderna, cun estilo orixinal que combinou o debuxo satírico cun fondo compromiso ético e político. A súa obra denuncia a inxustiza, o caciquismo, a emigración ou o racismo, mais faino sempre a través dunha coidada construción visual.
Reúnense aquí dous estudos complementarios: Dar forma á diferenza, que ofrece unha visión sintética da súa obra ata a Guerra Civil, e Novo diálogo, centrado nos seus “Debuxos de negros” e na súa mirada solidaria cara a poboacións racializadas. Ambos textos reflexionan sobre a forza expresiva dunha obra que une cultura popular e compromiso político, e que segue a ser esencial para entender o noso pasado e presente.
https://laiovento.gal/CATALOGO/1384/NOVO-DIALOGO.html