rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
O MARCO de Vigo presenta as súas publicacións máis recentes.

O MARCO de Vigo presenta as súas publicacións máis recentes.

Datas: 
30 outubro 2024

Aos catálogos das exposicións actuais de LAÍA ARGÜELLES FOLCH e BOSCO CARIDE, únese o da mostra de ALFREDO ALCAIN, protagonista das salas do 1º andar en 2022.

Durante os últimos anos, a liña de publicacións do MARCO foi adquirindo cada vez máis relevancia, como compoñente esencial do seu proxecto e parte integrante da programación. Os catálogos das exposicións funcionan como vehículo transmisor da obra dos artistas, e como fonte documental de cara ao futuro, singularmente para investigación e difusión.

Todas as publicacións e catálogos están dispoñibles na Biblioteca-Centro documentación do MARCO, e á venda na libraría LASAL BOOKS (vestíbulo principal).

+ INFO  https://www.marcovigo.com/publicacions  / https://lasalbooks.com/

LAÍA ARGÜELLES FOLCH. Todavía siempre

Tras a súa recente presentación o 25 de outubro en MiraLookBooks, Encontro Internacional de Publicacións especializadas en Cultura Contemporánea (Madrid), o catálogo de Laía Argüelles Folch xa forma parte das novas publicacións do MARCO.

PUBLICACIÓN


Laía Argüelles Folch
. Todavía siempre
Textos: Laía Argüelles Folch, Miguel Fernández-Cid, Laura González Palacios, Quim Pujol
Edición plurilingüe: Galego / Español / Inglés
200 páxinas, 17 x 24 cm. Tapa branda

EXPOSICIÓN

Laía Argüelles Folch. Todavía siempre
Galería e sala perimetral B1, 1º andar [ata o 10 de novembro]
Comisariado: Laura González Palacios e María Seoane
Produción: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Coa colaboración de: Deputación de Pontevedra

BOSCO CARIDE. Indicios

PUBLICACIÓN

Bosco Caride. Indicios
Textos: Bosco Caride, Miguel Fernández-Cid, Ignacio Pérez-Jofre, Jaume Vidal Oliveras
Edición plurilingüe: Galego / Español / Inglés
208 páxinas, 20,5 x 24,5 cm. Tapa branda

EXPOSICIÓN


Bosco Caride
. Indicios
Salas frontais e Galería B3, 1º andar
[ata o 10 de novembro]
Comisariado: Jaume Vidal Oliveras
Produción: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo

A exposición Indicios, de Bosco Caride (Vigo, 1963) xira ao redor dun só e único motivo: estados atmosféricos ou gasosos (nubes, fume, vapores...) que se presentan sen ningunha referencia espacial ou contexto. Para o artista, este tema é unha afirmación da pintura e relaciónase coa grande tradición da paisaxe, como especulación formal ou pictórica, que é un dos aspectos máis sobresaíntes da súa obra.

Non obstante, o título da exposición, Indicios, literalmente “sinal de algo”, “índice”, introduce a idea de “algo” máis que un mero formalismo ou unha expresión abstracta. A de Caride é unha obra aberta que posúe moitos niveis de lectura porque os seus “efectos atmosféricos ou gasosos”, como a noite ou as néboas do norte para os románticos, non son unha ausencia, senón unha produción de sentido: é o mundo da suxestión ou a chave da imaxinación. Pero sobre todo, Bosco Caride responde á idea da arte como contemplación. El identifícase cunha tradición contemporánea que, aínda que con diferentes sensibilidades, entende a pintura como reflexión, un espazo de silencio, un diálogo cara a cara coa obra de arte.

ALFREDO ALCAIN. 1965-2021



PUBLICACIÓN


Alfredo Alcain 1965-2021
Textos: Miguel Fernández-Cid,
Edición bilingüe: Galego / Español
232 páxinas, 21 x 27 cm. Tapa branda

EXPOSICIÓN


Alfredo Alcain 1965-2021
Salas frontais e Galería B3, 1º andar
28 xaneiro – 28 agosto 2022
Comisariado: Miguel Fernández-Cid
Produción: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo

A individual de Alfredo Alcain (Madrid, 1936) no MARCO reunía máis de oitenta obras dende 1965 ata 2021, entre pinturas, debuxos, e esculturas. Máis que unha retrospectiva, formulouse como un intento de valorar un artista cun camiño moi persoal, un percorrido incuestionable dentro da historia da arte en España, e un grande recoñecemento por parte da crítica e artistas de diferentes xeracións –mesmo as máis novas–, fronte a unha presenza institucional menor da que debería.

A partir dunha selección de obras que ían sinalando distintas etapas do seu traballo, dende os anos sesenta ata a actualidade, a montaxe articulábase como un itinerario circular polas salas frontais do primeiro andar, sacando partido da estrutura e amplitude dos espazos.