rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Novas presentacións do Ciclo #MARCOconversas / #MARCOtalks

Novas presentacións do Ciclo #MARCOconversas / #MARCOtalks

Datas: 
14 novembro 2024 - 15 novembro 2024

MARCO. Publicacións recentes e ciclo #MARCOconversas / #MARCOtalks


Tras a presentación das súas publicacións máis recentes o pasado 30 de outubro, o MARCO continúa as actividades de difusión da súa liña editorial con dúas novas achegas do ciclo #MARCOconversas / #MARCOtalks, no que artistas participantes nas exposicións comparten co público asistente a súa experiencia e traxectoria, nun ton aberto e participativo.

Esta semana chega da man de Manuel Vilariño e de Bosco Caride, que participarán en dous encontros organizados no Círculo de Bellas Artes de Madrid e no MARCO, respectivamente, xunto co director do Museo, Miguel Fernández-Cid.

O fío condutor serán o catálogo Bosco Caride. Indicios –ao redor da mostra que aínda pode visitarse no Museo– e o libro Eloxio do confín, de Manuel Vilariño, que tivo a súa orixe na exposición do artista no MARCO en 2020.

PRESENTACIÓN
Manuel Vilariño. Eloxio do confín

Círculo de Bellas Artes, Madrid. Sala María Moliner
Xoves 14 de novembro, ás 19.30
Interveñen: Fernando Castro Flórez, crítico e comisario de exposicións; Arantxa Romero, poeta e profesora universitaria; Miguel Fernández-Cid, director do MARCO; Manuel Vilariño, fotógrafo e poeta
Entrada libre ata completar capacidade

Eloxio do confín (MARCO Museo de Arte Contemporánea de Vigo) de Manuel Vilariño, é un breve poemario constituído por 55 haikus escritos á alba durante os primeiros meses do confinamento.

Coa primeira luz da aurora, ese tempo de bruma e silencio, o poeta e artista visual saía a camiñar ao bosque que rodea a súa casa ou ás marismas da ría. Un rumor, un canto ou o ruxido dunha árbore condensaban unha imaxe esencial ou levaban a unha anotación poética. Un instante de revelación, único e inmutable.

Manuel Vilariño: Elogio del confín / Eloxio do confín (Diario)
Textos: Manuel Vilariño, Miguel Fernández-Cid
Data de publicación: 23 abril 2022
102 p.; fot. Color.
Idiomas: Galego / Castelán

PRESENTACIÓN
Bosco Caride. Indicios

MARCO, salas de exposición do 1º andar
Venres 15 de novembro, ás 19.00
Interveñen: Bosco Caride, artista; Miguel Fernández-Cid, director do MARCO
Entrada libre ata completar capacidade

PUBLICACIÓN
Bosco Caride. Indicios
Textos: Bosco Caride, Miguel Fernández-Cid, Ignacio Pérez-Jofre, Jaume Vidal Oliveras
208 páxinas, 20,5 x 24,5 cm. Tapa branda
Idiomas: Galego / Castelán / Inglés

EXPOSICIÓN
Bosco Caride. Indicios
Salas frontais e Galería B3, 1º andar
Comisariado: Jaume Vidal Oliveras
Produción: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo

A exposición Indicios, de Bosco Caride (Vigo, 1963) xira ao redor dun só e único motivo: estados atmosféricos ou gasosos (nubes, fume, vapores...) que se presentan sen ningunha referencia espacial ou contexto. Para o artista, este tema é unha afirmación da pintura e relaciónase coa grande tradición da paisaxe, como especulación formal ou pictórica, que é un dos aspectos máis sobresaíntes da súa obra.

Non obstante, o título da exposición, Indicios, literalmente “sinal de algo”, “índice”, introduce a idea de “algo” máis que un mero formalismo ou unha expresión abstracta. A de Caride é unha obra aberta que posúe moitos niveis de lectura porque os seus “efectos atmosféricos ou gasosos”, como a noite ou as néboas do norte para os románticos, non son unha ausencia, senón unha produción de sentido: é o mundo da suxestión ou a chave da imaxinación. Pero sobre todo, Bosco Caride responde á idea da arte como contemplación. El identifícase cunha tradición contemporánea que, aínda que con diferentes sensibilidades, entende a pintura como reflexión, un espazo de silencio, un diálogo cara a cara coa obra de arte.

Todas as publicacións están dispoñibles para consulta na Biblioteca-Centro documentación do MARCO, e á venda en LASAL BOOKS, situada no vestíbulo principal.

+ INFO  https://www.marcovigo.com/publicacions  / https://lasalbooks.com/