rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
A NOITE BRANCA no MARCO

A NOITE BRANCA no MARCO

Datas: 
26 xuño 2026 - 27 xuño 2026

O venres 26 de xuño, o MARCO súmase, un ano máis, á celebración da Noite Branca, unha iniciativa do Concello de Vigo que ten como principal obxectivo poñer en valor o patrimonio da nosa cidade, desenvolvendo unha programación específica de actividades nos centros da Rede Museística e Expositiva do Concello de Vigo, dirixidas á cidadanía e visitantes que se achegan á cidade neste comezo de verán.

Para esta noite especial, o MARCO amplía o seu horario de apertura ata a 1.00 da madrugada do sábado. O público poderá coñecer ou afondar nos contidos das exposicións temporais e sumarse ás visitas guiadas programadas para esta ocasión.

Visitas guiadas ás exposicións

Horarios: ás 20.30, 22.00 e 00.00 (exposicións de Alberto Ardid, Mariana Gomes, Francisco Mendes Moreira, e Colección MARCO, 5)

Entrada libre ata completar capacidade en cada visita

NOTA:

A VISITA DAS 00.00 ESTARÁ GUIADA POLO ARTISTA, ALBERTO ARDID

ALBERTO ARDID. Hai un lugar

Salas de exposición da planta baixa
https://www.marcovigo.com/content/alberto-ardid-hai-un-lugar

Hai un lugar é un proxecto expositivo que combina pezas a medio camiño entre a escultura e a instalación, que se artellan arredor da idea dun aparente triunfo do mal sobre o ben, pero no que aínda se pode albiscar algún raio de esperanza. Unha exposición narrativa e interconectada, na que cada peza é per se, mais que tamén conta algo en relación ás outras e ao espazo que ocupan”.

Alberto Ardid (Vigo, 1986) traballa elaborando pezas e instalacións que se poden situar entre o perceptivo e o matérico, enfrontando elementos diferentes entre si e que a súa vez poidan representar ideas contrapostas. Para iso, adoita empregar materiais de construción e referencias visuais que, ao misturarse e descontextualizarse, xeran múltiples significados e grandes contrastes. Utiliza tamén, en moitos dos seus traballos, intervencións pictóricas abstractas que se combinan con outros elementos perfectamente recoñecibles, con alusións á historia e á cultura de masas, dende unha visión galega e universal. 

MARIANA GOMES

Galería e sala perimetral B1, 1º andar

Mariana Gomes (Faro, Portugal, 1983) utiliza os materiais pictóricos con grande liberdade, cun uso alegre da cor e a forma, conseguindo texturas sensuais que transmiten enerxía. As súas pinturas transitan a delgada liña entre a abstracción e a figuración: utilizan patróns de ambas as dúas, pero desequilibran a disciplina da abstracción, recorrendo a suxestións figurativas, ou ao revés. E engade textos en pequenos cadros onde inscribe unha soa palabra ou frases curtas e lapidarias, con contido irónico, crítico e humorístico. O seu método de traballo é rápido e alegre, lixeiro e intenso, eufórico e provocador, experimental e obsesivo.

FRANCISCO MENDES MOREIRA. Pena miga

Galería e sala perimetral B3, 1º andar

Francisco Mendes Moreira (Coimbra, 1979) di que é autodidacta, que traballa con soportes reutilizados por economía, e que non lle importa buscar solucións paralelas para conseguir os efectos que proporcionan outros materiais. Posúe unha sorprendente capacidade intuitiva, que lle permite chegar a achados plásticos que non son produto do azar senón dunha extrema fidelidade a un modo de pensar e proceder, a un exercicio plástico áxil e sen complexos. Abóndalle con situar algo sobre unha superficie, para que a pintura lle vaia pedindo como seguir, con independencia da técnica ou o soporte utilizado. O exercicio é o da aparición; vemos as cousas cando nos achegamos para mirar.

Colección MARCO, 5. Secuencias, paisaxes
Jonathan Hernández, Enrique Ježik, Jorge Macchi

Galería A3, planta baixa

Coincidindo coa exposición de Alberto Ardid, o Museo reúne obras de tres artistas cos que ten puntos de unión, aínda que pertenzan a unha xeración anterior. Entre elas, un vídeo da Colección MARCO, Víctima serial (2001), de Jorge Macchi.

Dous son arxentinos, Jorge Macchi (Bos Aires, 1963) e Enrique Ježik (Córdoba, Arxentina, 1961, residente en México) e un é mexicano, Jonathan Hernández (Cidade de México, 1972). Comparten unha actitude reflexiva sobre a actualidade, a contorna, a linguaxe, a realidade, os seus significados e os modos de representala. Os carteis que marcan a actualidade dende as paredes dos edificios, a peculiar linguaxe dos sucesos dende as páxinas dun xornal, as fotografías reproducidas nos medios de comunicación ou as imaxes que constatan actos de guerra, sérvenlles para illar motivos e compoñer outra historia, coma se estivese oculta na anterior ou fose o seu reverso.