rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
A NOITE BRANCA no MARCO

A NOITE BRANCA no MARCO

Datas: 
2 agosto 2025

O sábado 2 de agosto, o MARCO súmase, un ano máis, á celebración da Noite Branca, unha iniciativa do Concello de Vigo que ten como principal obxectivo poñer en valor o patrimonio da nosa cidade, desenvolvendo unha programación específica de actividades nos centros da Rede Museística e Expositiva do Concello de Vigo, dirixidas á cidadanía e visitantes nestes meses de verán.

Nesta noite especial, o MARCO estende o seu horario de apertura ata a 1.00 da madrugada do domingo. O público poderá coñecer ou afondar nos contidos das exposicións temporais e sumarse ás visitas guiadas programadas para esta ocasión.

Visitas guiadas ás exposicións

Horarios: ás 20.00, 22.00 e 00.00 (exposicións de Alfonso Galván, Laura Lío, e a mostra colectiva Generación 2025)
Entrada libre e gratuíta ata completar capacidade en cada visita

ALFONSO GALVÁN
Salas de exposición do 1º andar
https://www.marcovigo.com/content/alfonso-galv-n

Alfonso Galván (Madrid, 1945) é un artista en extremo persoal, creador dun mundo marcado pola síntese entre o rigor da súa entrega, o coñecemento do que quere contar, o dominio de como contalo, e unha fantasía desbordante. A pintura non pretende representar unha escena senón mostrarnos a súa paisaxe, a súa historia, a súa memoria, os seus ecos. A súa obra inicial ten un forte contido social, para proseguir con imaxes dunha natureza onírica, na que se mesturan as referencias culturais, os símbolos, os xogos. A mostra, que non ten un sentido cronolóxico estrito, establece dúas atmosferas: unha dominada pola presenza de animais en escenas densas, pechadas, de forte contido ficcional; outro en aparencia máis lírico, con paisaxes abertas e referencias orientalistas, con inclusión de textos en chinés, en especial do Daodejing, que Alfonso Galván traduciu, ilustrou e caligrafou.

GENERACIÓN 2025. Un proxecto de Fundación Montemadrid – La Casa Encendida
Álvaro Chior,Noela Covelo Velasco, Tana Garrido Ruiz, Marina González Guerreiro, Isabel Merchante, Mar Reykjavik, Elián Stolarsky, Javier Velázquez Cabrero
Salas de exposición da planta baixa
https://www.marcovigo.com/content/generaci-n-2025-un-proxecto-de-fundaci-n-montemadrid-la-casa-encendida

Generaciones, un proxecto de Fundación Montemadrid La Casa Encendida, iniciado no ano 2000, é hoxe a cita máis veterana e prestixiosa, convertida nun referente nacional na creación artística máis recente. Ao celebrarse o 25º aniversario desta recoñecida iniciativa cultural, o MARCO trae aos seus patios e galerías Generación 2025, coa convicción de que, ao cambiar de espazo, as obras adquiren novos valores e a exposición toma un impulso especial.

Un xurado profesional seleccionou os artistas Álvaro Chior (A Coruña, 1992), Noela Covelo Velasco (Pontevedra, 1994), Tana Garrido Ruiz (Tarragona, 1989), Marina González Guerreiro (A Guarda, Pontevedra, 1992), Isabel Merchante (Madrid, 1999), Mar Reykjavik (Valencia, 1995), Elián Stolarsky (Montevideo, Uruguay, 1990) e Javier Velázquez Cabrero (Madrid, 1990), destacando que os proxectos gañadores de Generación 2025 comparten narrativas sobre futuros desexables e a IA como produtora de ficción por unha parte e, por outra, o interese pola oralidade, a voz e o canto, así como polo estudio da memoria e a historia do tempo.

LAURA LIO. Savia y sangre
Galería B1 e sala perimetral, 1º andar
https://www.marcovigo.com/content/laura-lio-zume-e-sangue

Na obra de Laura Lio (Bos Aires, 1967, residente en Madrid dende 1990) únense un forte compromiso social –político, ecolóxico, feminista, colectivo, contemporáneo– cunha defensa dun traballo rigoroso, metódico, lento, sen atallos. Detrás dos seus debuxos e obxectos hai unha observación minuciosa e unha análise previa que busca a orde interna que percibe na natureza ou o sentido das construcións que realizan os animais.

Dende finais dos anos 80, dá inicio a unha especie de biblioteca na que uns libros son tratados como obxectos-poemas visuais, algúns cun contido crítico moi directo; outros semellan un resumo de ecos, seducións, vivencias, memoria; e un terceiro grupo desprégase ante nós como unha paisaxe, ao xeito oriental. Realiza tamén outro traballo máis directo e urbano, que lle permite utilizar como soporte as paredes intervidas por sucesivos carteis publicitarios con mensaxes moi distintas que, fragmentados e postos en relación, formulan comentarios sobre a realidade, directos e ao tempo poéticos.