rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
A NOITE BRANCA no MARCO

A NOITE BRANCA no MARCO

Datas: 
26 xullo 2024 - 27 xullo 2024

O venres 26 de xullo, o MARCO súmase, un ano máis, á celebración da Noite Branca, unha iniciativa do Concello de Vigo que ten como principal obxectivo poñer en valor o patrimonio da nosa cidade, desenvolvendo unha programación específica de actividades nos centros da Rede Museística e Expositiva do Concello de Vigo, dirixidas á cidadanía e visitantes nestes meses de verán.

Nesta noite especial, o MARCO estende o seu horario de apertura ata as 2.00 da madrugada. O público poderá coñecer ou afondar nos contidos das exposicións temporais e sumarse ás visitas guiadas, que amplían a súa frecuencia e horarios.

Visitas guiadas ás exposicións

Horarios: ás 20.00, 22.00 e 00.00 (exposicións de Daniel Verbis, Bosco Caride, Laía Argüelles Folch, e a mostra colectiva On the Table)

Entrada libre e gratuíta ata completar capacidade en cada visita

EXPOSICIÓNS

DANIEL VERBIS. Desexando ser
Salas de exposición da planta baixa
https://www.marcovigo.com/content/daniel-verbis-desexando-ser

Os espazos da planta baixa do MARCO ofrecen un percorrido pola obra de Daniel Verbis (León, 1968); unha mostra do seu vigor creativo a través dun conxunto de obras representativas do seu labor artístico e investigador ao longo destes últimos anos. A exposición, pensada para os espazos da planta baixa do MARCO, quere potenciar as posibilidades que ofrece a súa arquitectura, con teas de grandes dimensións, murais e instalacións de obxectos, creando un itinerario emocional referendado polas colaxes e as obras sobre papel como unha especie de material de arquivo complementario. A súa montaxe e disposición buscan establecer diálogos entre os cadros e as pezas realizadas noutras técnicas, de modo que se perciba que o eixe de todas elas é unha concepción dinámica, orgánica e cambiante da expresión artística; que a pintura é un organismo fisicamente vivo e semanticamente poético, sempre en transformación.

BOSCO CARIDE. Indicios
Salas de exposición do 1º andar
https://www.marcovigo.com/content/bosco-caride-indicios

A exposición de Bosco Caride (Vigo, 1963) xira ao redor de un só e único motivo: estados atmosféricos ou gasosos (nubes, fume, vapores...) que se presentan sen ningunha referencia espacial ou contexto. Este tema é unha afirmación da pintura e relaciónase coa grande tradición da paisaxe, como especulación formal ou pictórica. Pero a de Caride é unha obra aberta que posúe moitos niveis de lectura porque os seus “efectos atmosféricos ou gasosos”, como a noite ou as néboas do norte para os románticos, non son unha ausencia, senón unha produción de sentido: é o mundo da suxestión ou a chave da imaxinación. Pero por riba de todo, Bosco Caride responde á idea da arte como contemplación, e identifícase cunha tradición contemporánea que, aínda que con diferentes sensibilidades, entende a pintura como reflexión, un espazo de silencio, un diálogo cara a cara coa obra de arte.

LAÍA ARGÜELLES FOLCH. Todavía siempre
Galería B1 e sala perimetral, 1º andar
https://www.marcovigo.com/content/la-arg-elles-folch-todav-siempre

Todavía siempre reúne unha selección de obras dos últimos dez anos nos que Laía Argüelles Folch (Zaragoza, 1986) ten desenvolvido a súa metodoloxía de pensamento e composición, a partir da investigación e o traballo con materiais atopados. Interesada no potencial das imaxes e a linguaxe como xeito de relación co mundo, a artista aborda aquí nocións como a materialidade, a colección e a repetición, mediante exercicios de montaxe, pregamento e despregamento. As obras materializan este interese pola natureza das imaxes e a súa capacidade de propor futuros posibles, á vez que apuntan á construción de significados abertos, móbiles, sensibles.

ON THE TABLE. Un proxecto de Isidro Blasco
Virginia Frieyro, Montserrat Gómez Osuna, Din Matamoro, Teresa Moro, Sandra Rein, Luis Salaberría
Galería A3, planta baixa
https://www.marcovigo.com/content/table

On the Table presenta un conxunto de pezas de cerámica deseñadas por Isidro Blasco e realizadas en fornos tradicionais, intervidas por seis artistas. Un proxecto aberto que tivo a súa orixe en 2020 coa iniciativa The Table Project, e que agora reúne de novo un grupo de artistas en torno á cerámica, esta vez tomando como punto de partida a olaría. As formas deseñadas por Isidro Blasco, xunto ao torneado de Juan Carlos Fernández –oleiro de Puente del Arzobispo pertencente á 6ª xeración de artesáns– ofrecen o mellor lenzo en branco para que cada artista interveña sobre unha serie de cerámicas diferentes na súa forma e tamaño, todas elas realizadas en barro vimbio e cocidas a 1.000ºC con terminacións de esmaltados transparentes e opacos.