LLUÍS LLEÓ. Pittore
Ficha
Comisariado: Miguel Fernández-Cid e Rosa Gutiérrez
A partir do 21 de abril, a pintura será protagonista dos espazos da planta baixa do MARCO coa gran individual de Lluís Lleó (Barcelona, 1961).
Lluís Lleó (Barcelona, 1961) herdou do seu avó e do seu pai a fascinación polas pinturas románicas do Vall de Boí. Este interese polas técnicas tradicionais vese reflectido na súa obra, na que aplica a técnica do fresco a través da utilización do pigmento en estado puro. Os seus traballos máis recentes caracterízanse por unha conxunción entre a escultura e a pintura, a medio camiño entre figuración e abstracción. Lleó sabe combinar á perfección pintura e relevo, conferindo ao conxunto un matiz case arquitectónico. Esta especie de organicismo pictórico espacial no que o material xermola da tea, é transmisor de dicotomías como lirismo-contundencia, presenza-transparencia e orde-caos.
A obra de Lleó reflexionou con frecuencia sobre o traballo e os conceptos teóricos e espaciais da arquitectura (caso da súa serie sobre Álvaro Siza), a partir de cuestións como a escala, as formas, os materiais, a xeometría e a emoción. E une, dun modo natural, o compromiso contemporáneo co estudio e coñecemento das técnicas clásicas.
Esta exposición, a primeira nun museo español tras o seu regreso de Nova York, onde residiu durante varias décadas, mostra a obra dos últimos anos –pinturas e debuxos sobre distintos soportes, grandes papeis flotando nos patios, esculturas e estruturas circulares que dialogan coas salas da planta baixa–, xunto a unha selección de traballos anteriores considerados referenciais. Como eixe arquitectónico e simbólico da mostra, a instalación que ocupa o panóptico central, onde o artista instalou unha estrutura circular de aceiro revestida de terracota pintada ao fresco, composta por 365 bloques que compoñen un itinerario vital.
Documentación
A Biblioteca-Centro de Documentación del MARCO preparou un dossier documental, que reúne ligazóns a artigos e información complementaria sobre o artista, accesibles para consulta dende a web do MARCO www.marcovigo.com nos apartados Biblioteca/Novas e Exposicións/Actuais.
Catálogo
Con motivo da exposición, o MARCO editará unha publicación con reproducción das obras expostas, xunto a textos dos comisarios e do artista.
Programación para escolares
Colabora: Obra Social “la Caixa”
Ata o 16 de xuño de 2023
Horario: de martes a venres de de 10.00 a 11.30 e de 11.30 a 13.00
Previa cita: tel. 986 113900 Ext. 100/ 986 113908 / email: didactica@marcovigo.com
Talleres infantís
Colabora: Obra Social “la Caixa”
Ata o 28 de maio de 2023
Horario: sábados de 11.00 a 12.30 (de 3 a 6 anos) e de 12.30 a 14.00 (de 7 a 12 anos)
Previa inscrición: tel. 986 113900 Ext. 100 / 986 113908 / email: recepcion.marco@gmail.com
Información e visitas guiadas
O persoal de salas está dispoñible para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais: todos os días ás 18.00 / Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita nos tel 986 113900 / 986 113908.
Rutas interactivas a través da App Vigo
O sistema de rutas interactivas a través da App Vigo permite aos visitantes acceder a todo tipo de contido sobre a exposición (vídeos, imaxes, información específica sobre as obras), sexa no propio espazo mediante os beacons ou dispositivos bluetooth situados en salas, ou en calquera outro lugar, seguindo a ruta dende a pantalla do móbil unha vez descargada a aplicación, ou dende o seu equipo a través da web do Concello de Vigo.
Artistas
Lluis Lleó
Nado en Barcelona en 1961 e residente en Nova York entre 1989 e 2017, Lluis Lleó actualmente vive e traballa cun pé no Ampurdán e co outro no aeroporto, presto para partir a México, París ou Roma. Lleó é un creador apátrida, porque a única patria na que se recoñece é a da pintura, “clásico” e á vez contemporáneo. A súa obra está enraizada, por unha banda, na tradición vernácula e mediterránea do románico do Vall de Boí e dos fresquistas italianos do Trecento e o Quattrocento, que aprende de xeito autodidacta por herdanza dunha saga familiar de pintores-artesáns e decoradores ao fresco. Un legado que lle transmite ademais o adestramento no debuxo, o gusto polo oficio e unha concepción arquitectónica da pintura. Por outra, a súa carreira internacional nos Estados Unidos abriu o seu traballo ao diálogo coa modernidade americana do expresionismo abstracto ao postminimalismo. Toda esta aprendizaxe e periplo vital conferiulle unha voz propia, a contrafío de modas e tendencias, e fixo del un dos creadores máis singulares da escena artística actual.
A súa traxectoria profesional arrinca nos anos 80, cando, despois de ter gañado moi novo algún certame de debuxo e participado en varias colectivas, ten a súa primeira individual na galería Arteunido de Barcelona (1988). Nunha década dominada pola xestualidade hiperbólica e o exceso, Lleó practica unha obra silenciosa, dun contido lirismo, que se expresa a través de motivos arquitectónicos de resonancias simbólicas sobre pranchas de metal, resultado da súa aprendizaxe co gravado. Instalado en Nova York dende 1989, seguirá expoñendo regularmente en diversas salas de Barcelona (Alejandro Sales, Carles Taché), Madrid (Antonio Machón, Carmen Gamarra) e Palma de Mallorca (Altair, Pelaires), ademais de ter unha presenza internacional en galerías de Nova York (The Elkton Gallery), Miami (MV Art), Hong Kong (Mindy Oh Gallery), Bruxelas (Velge & Noirhomme Gallery, Maison Particulière), Berlín (Mc Laughlin Gallery) ou Cidade de México (Galería Estéreo), e en feiras como Art Chicago, Art Cologne, FIAC ou ARCO. O seu traballo púidose ver tamén en numerosas colectivas nacionais e internacionais e en individuais en institucións como Caixaforum (Girona, 2006), Centre d'Art Tecla Sala (Hospitalet de Llobregat, 2018) e o Instituto Cervantes (París, 2017).
En Estados Unidos entra en contacto co esencialismo transcendente dun Rothko ou unha Agnes Martin, o reducionismo dun Albers, o hard-edge e shaped canvas de Ellsworth Kelly, o traballo coa cera de Jasper Johns e a sensibilidade cara aos materiais de escultores como Christopher Wilmarth, Eva Hesse, Martin Puryear ou Isamu Noguchi. A obra de Lleó ábrese aos grandes formatos e inicia un proceso de depuración, sen renunciar ao expresivo e vivencial de raizame europea, ao tempo que incorpora novas técnicas, como a cera ou o fresco, e soportes, como a pedra, a madeira ou o aceiro, e recupera a disciplina do debuxo sobre papel Buhtan e Nepal. Paralelamente, a súa obra esténdese ao espazo: despégase da parede, gaña en volume, intégrase en estruturas circulares, murais ou pedestais. En 2002 inicia as súas colaboracións con arquitectos como I. M. Pei (World Trade Center, Barcelona) ou Rafael Moneo (South Souks, Beirut, 2010) e en 2014 aborda a escultura pública (Stones, Canapost, Girona) que consegue levar á Park Avenue de Nova York (Morpho's Nest in a Cadmium House, 2017), alí onde expuxeron artistas como Dubuffet, Léger, Indiana, Haring ou Christo.
A obra de Lluís Lleó está presente en museos e coleccións como Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Madrid; Colección Banco de España, Madrid; Colección BBVA, Madrid; Colección Rafael Tous e Isabel de Pedro, Barcelona; Col·lecció Banc de Sabadell; Museu d'Art Contemporani Es Baluard, Palma de Mallorca; Col·lecció Testimoni, Fundació "la Caixa"; Fundació Suñol, Barcelona; Colección Fundación Coca-Cola, Madrid; Fundación Francisco Godia, Barcelona; Colección olorVisual Fundación Ernesto Ventós, Barcelona; Colección Mango, Barcelona; Hotusa, Barcelona; Fundación Laboratorios Salvat, Barcelona; The Morgan Library, Nova York; Princeton University Art Museum, Nova Jersey; World Bank, Washington, DC; The Andreas H. Bechler Foundation, Charlotte, NC.; Mint Museum of Art, Charlotte, NC; Pérez Art Museum Miami; Fidelity Investments Corporate Art Collection; Bank of America Collection; Museo de Arte Contemporáneo Sofía Imber, Caracas; Nagoya Art Museum, Xapón; Collection Tore A. Holm, Oslo; Otten Kunstraum, Hohenems, Austria; Näder Collection, Berlín; Collection Bank for International Settlements, Basilea; Maison Particulière, Bruxelas.
Texto curatorial
Pittore é o título co que o MARCO de Vigo presenta, por vez primeira nun museo español, unha completa panorámica da produción recente de Lluís Lleó (Barcelona, 1961) dende o seu regreso dos Estados Unidos en 2017. Un traballo, realizado na distancia do retorno á súa terra natal, que ofrece unha mirada retrospectiva e introspectiva da súa experiencia de case trinta anos en América.
Baixo este epígrafe, extraído dun cadro de Philip Guston, Lleó rende homenaxe a algúns dos artistas que lle inspiraron –Eva Hesse, Jannis Kounellis: Hesse (2021-22 e 2023), Jannis en Lalibela(2023)– e á mesma pintura, que se desprega na exposición nas máis variadas técnicas e soportes, incluíndo disciplinas como a escultura e a instalación. Pero, sobre todo, Pittore é a afirmación como pintor dun artista con vocación de arquitecto –Yo quería ser arquitecto (2023)–, cuxa obra expándese máis aló das marxes do marco ou do soporte parede –Nosotras (2020-22), Guetaria 1895 (2022-23)–, ábrese a múltiples “xanelas” dentro do cadro –Gould (2019), Acuérdate de mirar (2022), Paisaje líquido I e II (2022)– ou constrúe ámbitos nos que habitar a pintura –Aquí vive un pintor (2022).
O corazón da mostra é o panóptico, onde Lleó instalou unha estrutura circular de aceiro revestida de terracota pintada ao fresco, The Perfect Year, unha peza iniciada en 2008 tras o finamento de seu pai, tamén pintor.
The Perfect Year é unha sorte de dietario íntimo do artista: 365 son os bloques que compoñen esta obra en proceso na que Lleó foi anotando paisaxes, datas, presenzas e, sobre todo, ausencias. Un círculo espazo-temporal que vén a pechar, dalgún xeito, todo un itinerario vital.
A partir deste centro, o universo de Lleó esténdese polas galerías e patios do MARCO a través de pinturas sobre liño ou papel e esculturas en madeira e pedra cubertas por fresco, óleo, acrílico, acuarela, tinta ou grafito, pezas que dialogan entre si e transforman a experiencia do espazo nunha montaxe que é unha intervención. Todo un despregamento de técnicas que exhiben a mestría dun pintor afecto ao oficio e que teñen o seu principio no debuxo, a idea anotada no caderno, que logo toma corpo nos máis variados soportes.
Así, a serie sobre papel Nepal ou Buhtan de 2015-16 –Cypris, Vitrea, Hecuba, Nestira...–, obras que levan por título os nomes das corenta e oito variedades de bolboreta Morpho. Un conxunto que evoca a delicadeza do lepidóptero e a fraxilidade do soporte: debuxar na á dunha bolboreta. Pero tamén o grupo de esculturas titulado Oz (2022), bloques de pedra en forma de L invertida (LLuís LLeó?) dos que colgan papeis a cera e lapis que insinúan os calcos para trasladar o debuxo ao fresco e que se dispoñen ao xeito dos marcos dos camiños. Unha serie que suxire a idea, tan cara ao pintor, da pintura habitable, “refuxio”. momentáneo para o espectador nunha obra, a de Lleó, que é sempre “unha sorte de viaxe”.
O traballo de Lluís Lleó conxuga a intimidade e a apelación ao espectador, a contundencia e a lixeireza, a expresividade de técnicas e materiais e a depuración das formas, para tamén disolver as fronteiras entre abstracción e figuración, o xeométrico e o orgánico, pois os seus motivos, aínda os menos referenciais, sempre remiten a emocións, recordos, paisaxes ou habitáculos vividos.
Rosa Gutiérrez Herranz e Miguel Fernández-Cid, comisarios da exposición