rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Laxeiro e a arte da súa época. Vista de salas. Foto: cortesía MARCO / UM Fotografía
Laxeiro e a arte da súa época. Vista de salas. Foto: cortesía MARCO / UM Fotografía
Laxeiro e a arte da súa época. Vista de salas. Foto: cortesía MARCO / UM Fotografía
Laxeiro e a arte da súa época. Vista de salas. Foto: cortesía MARCO / UM Fotografía
Laxeiro e a arte da súa época. Vista de salas. Foto: cortesía MARCO / UM Fotografía
Laxeiro e a arte da súa época. Vista de salas. Foto: cortesía MARCO / UM Fotografía
Laxeiro e a arte da súa época. Vista de salas. Foto: cortesía MARCO / UM Fotografía
Laxeiro e a arte da súa época. Vista de salas. Foto: cortesía MARCO / UM Fotografía
Laxeiro e a arte da súa época. Vista de salas. Foto: cortesía MARCO / UM Fotografía
Laxeiro e a arte da súa época. Vista de salas. Foto: cortesía MARCO / UM Fotografía
Laxeiro e a arte da súa época. Vista de salas. Foto: cortesía MARCO / UM Fotografía
Laxeiro e a arte da súa época. Vista de salas. Foto: cortesía MARCO / UM Fotografía

LAXEIRO E A ARTE DA SÚA ÉPOCA

Ficha

Datas: 
23 febreiro 2023 - 21 xullo 2023
Lugar: 
Salas frontais, 1º andar
Horario: 
martes a sábados (festivos incluídos) de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 14.30
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo. Colaboración de: A Forxa Produccións
Comisariado: 
Miguel Fernández-Cid

O MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, quere culminar o ano Laxeiro, que finaliza en abril de 2023, coa exposición titulada “LAXEIRO e a arte da súa época”, unha mostra de produción propia comisariada polo director do Museo, Miguel Fernández-Cid e a colaboración de A Forxa Produccións.  

Como un xesto á traxectoria vital do artista, as datas de inauguración (23 de febreiro) e clausura (21 de xullo) fixéronse coincidir co día de nacemento e pasamento do pintor.

A exposición formula unha visión novidosa, unha proposta de debate, que pon o acento no diálogo da súa pintura coa doutros artistas coetáneos, e que incide na necesidade de estudar a Laxeiro no contexto da arte do seu tempo.

Por vez primeira, unha selección das súas obras máis destacadas exhíbese xunto a pezas doutros artistas que Laxeiro miraba con atención (Zuloaga, Corredoyra, Souto, Colmeiro, Maside, Asorey, Mallo, Seoane, Torres García), ou que formulan referencias para un rico diálogo visual. Entre as “devocións”, Gutiérrez Solana, Vázquez Díaz, Palencia, ou os máis tardíos Saura, Canogar ou Barcala. E como referencias especiais, artistas como Rembrandt e Goya, presentes con obra gráfica.

ÁREA DE DIDÁCTICA

Programación para escolares

Visitas e obradoiros ao redor da exposición, para grupos de escolares de todas as idades.
Coa colaboración de: Fundación “la Caixa”
Ata o 17 de xuño de 2023
Horario: de martes a venres de 11.00 a 13.30
Previa cita: tel. 986 113900 Ext. 100 / 986 113908 / email: comunicacion@marcovigo.com

Concertos didácticos para escolares

Un percorrido sonoro e visual polas salas da exposición de Laxeiro, a cargo de profesorado da EMM Escola Municipal de Música en colaboración coa área de Didáctica do MARCO.

Organiza: Servizo de Educación, Concello de Vigo / Escola Municipal de Música
Datas: do martes 7 ao venres 10 de marzo de 2023
Horario: de 10.00 a 10.45 (1ª quenda) e de 11.00 a 11.45 (2ª quenda)
Tel. / email contacto: 986 810181 / musicanaescola@vigo.org

Obradoiros infantís

Cada sábado, a área de Didáctica do MARCO organiza actividades para público infantil, inspiradas nas obras presentes en salas.

Coa colaboración de: Fundación “la Caixa”
Ata o 28 de maio de 2023
Horario: sábados de 11.00 a 12.30 (de 3 a 6 anos) e de 12.30 a 14.00 (de 7 a 12 anos)
Previa inscrición: tel. 986 113900 Ext. 100 / 986 113908 / email: recepcion.marco@gmail.com

Espectáculo de monicreques: “Unha noite no Trasmundo”

Concibido como homenaxe á vida e obra de Laxeiro, esta viaxe onírica chea de aventuras está protagonizada por “Pepiño” e outros personaxes presentes nos cadros do artista.

Producido por Títeres Natuacasa
Para público infantil e familiar
Datas e horarios pendentes de confirmar

INFORMACIÓN XERAL / DOCUMENTACIÓN / ACTIVIDADES

Información e visitas guiadas

O persoal de salas está dispoñible para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais: todos os días ás 18.00 / Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita.

Rutas interactivas a través da App Vigo

O sistema de rutas interactivas a través da App Vigo permite aos visitantes acceder a todo tipo de contido sobre a exposición (vídeos, imaxes, información específica sobre as obras), sexa no propio espazo mediante os beacons ou dispositivos bluetooth situados en salas, ou en calquera outro lugar, seguindo a ruta dende a pantalla do móbil unha vez descargada a aplicación, ou dende o seu equipo a través da web do Concello de Vigo.

 

Síntese do proxecto

BREVE PERCORRIDO POR SALAS 

1

Entre 1921 e 1925, Laxeiro vive en Cuba. Durante a súa estadía na Habana, ve exposicións de Ignacio Zuloaga e Jesús Corredoyra. Laxeiro é aínda cativo, mais retén imaxes e ideas. Anos máis tarde, sendo xa pintor maduro, sinala: “Estas exposicións foron as que me fixeron estremecer todo o que eu levo como pintor no meu cerne”. Sexa máis ou menos literal o recordo, sinala a Zuloaga e Corredoyra non como compañeiros senón como punto de arranque para pintar, consciente do que xa eles tiñan conseguido. Pintores feitos fronte a quen se inicia, se sorprende e realiza as súas primeiras seleccións; pintores densos, de carnes, de cor e sombras.

2

Autorretrato e iconografía. Os autorretratos delatan, de cote, os devezos do pintor: algúns, sendo novos, retrátanse maduros, afirmando se cadra a condición que queren alcanzar. Laxeiro reflíctese fiel ao seu momento e á linguaxe da súa pintura. O que axiña define son os seus temas iconográficos predilectos, aos que volve en distintos momentos: a vida, a pintura, o entroido, os nenos, os músicos, as escenas familiares, a síntese de relatos populares reais ou ficcionados, os retratos, a pintura de xesto, a mancha, a cor... Imaxes de composición pechada, cun chisco de relato teatral, de escena que arrinca diante dos nosos ollos.

3

Os anos trinta e o contacto con pintores próximos, de preocupacións afíns. Época na que se fixan modelos, formas de pintar, iconografías e ideario. A pintura como mandorla e a nube como composición, o apoio no trazo do debuxo. A relación entre as figuras e entre elas e a paisaxe ou a arquitectura: as referencias ao rural, á escultura románica. Pintar Galicia, definir unha nova arte galega, asumir un compromiso estético e político. Revisar a tradición co desexo de dar un paso cara ás novas propostas. Temas afíns e un vínculo común (Galicia, os seus valores), nun intento de representala dun xeito novo, menos costumista, grazas á linguaxe da pintura.

4

A construción do cadro, a elección dos materiais. En Laxeiro hai un debate entre figuración (necesidade de pintar por capas, matizando) e xesto libre (a súa facilidade como debuxante, facendo correr o pincel). Resólveo ao descubrir que a clave é a composición, a estrutura interior do cadro, algo que intuía cando os empezaba polo debuxo. Áxil e rápido para ver, fíxase no románico, na paisaxe galega (as montañas), e formula unha proposta persoal, de composicións sobrecargadas, de adaptación ao marco, de imaxes que se apoian e xustifican na relación que manteñen. Na súa pintura, as figuras teñen peso e ancóranse na terra, como esculturas feitas de densidade. 

5

Fronte á imaxe de Laxeiro como personaxe alegre, pintor do cotián, do próximo, a súa pintura é densa e dramática, como a festa popular. O popular é alegría e celebración, pero tamén drama, dor, unha liña moi unida –vivida– no mundo rural, nos ditos e proverbios, na relixión, nos símbolos, nos xogos, nos contos e fabulacións, na literatura, nesa linguaxe oral da que se nutría Laxeiro. Como nas obras dos grandes novelistas dos que foi amigo, nas pinturas de Laxeiro conviven escenas, escalas, accións, relatos, pero todo rexido por unha orde aparente. E suceden moitas cousas no interior do cadro.

6

Todo artista ten as súas “afinidades electivas”. Laxeiro recoñece a súa ledicia cando ve ou coincide con Gutiérrez Solana, Vázquez Díaz ou Benjamín Palencia, aos que podemos sentir achegados por defender a independencia das súas propostas: en aparencia máis próximo o xeito de pintar de Solana, mentres Vázquez Díaz mostra composicións que asimilan un cubismo case cálido, paisaxista, ou Palencia a paleta dunha paisaxe diferente. Ou encontros, como o xeito de estruturar o cadro de Torres García ao carón do pintar orgánico de Maruja Mallo, que permiten entender a contemporaneidade dos cadros que Laxeiro formula como retablos ou vidreiras.

7

Rembrandt e Goya son dous referentes intemporais para Laxeiro. Rembrandt e a densidade da pintura, o gusto pola materia, polo matiz. Pintar engadindo capas, pintura de carnes e aparicións. A actitude de Goya pintando escenas cotiás ás que engade sentenzas, deterse no que a imaxe di e insinúa. O gusto por ver aparecer a pintura, o interese por opinar dende a pintura. E xunto ao pintor que busca e investiga, o debuxante áxil, rápido e seguro, con pontes con Castelao e Seoane.

8

Entre 1950 e 1971, Laxeiro vive en Bos Aires e a súa pintura faise máis libre no xesto, pero densa e expresiva, ata dialogar con naturalidade coas propostas informalistas europeas. Fronte á dimensión de Saura; a proximidade de Canogar á greta, ao berro, pero tamén á homenaxe a Rembrandt, os retratos, as cabezas de Laxeiro delatan as súas devocións (como lle ocorre a Seoane no seu famoso cartafol de gravados). Difícil imaxinar un grupo que sinale mellor unha época e o carácter individual da proposta de Laxeiro. 

9

Fronte ao empeño localista por encerrar a un artista nun lugar, nunha xeografía, atreverse a analizalo dende a súa práctica da pintura. Por que non ver a Laxeiro como un raro ao estilo Derain? Un pintor que pinta o que quere, que volve sobre os seus temas e escapa cara a lugares complicados. Que se mira a Picasso é quen de unir o drama do Guernica coa sensualidade das súas figuras máis clásicas; que non parece desdeñar ao último De Chirico ou a Picabia. Unha vez establecida unha historia oficial da arte galega, que por oficial non deixa de asumir certa borgiana infamia, por que non mirar de fronte a obra e deterse no que sempre queda nas marxes?

10

E se buscamos orde no Laxeiro máis solto e colorista? Ese que é consciente da súa facilidade, do seu dominio, e pinta “coma se nada”, coma quen pasea, coma quen fala ou debuxa. Outros artistas próximos apóianse na forza da cor, ou na composición, mesmo en certa xeometría manual, cálida, de colaxe. Laxeiro como “pintor vello” (Tiziano, Matisse), atrapado pola pintura, convertido en pintura. Durante anos esforzouse en compoñer obras pechadas, que apoiaba con frecuencia nun groso debuxo previo, e coa madurez sabe que pinta mesmo no ar, que é pintura.

11

Se a pintura fose un percorrido lineal, xulgala sería máis doado. Afortunadamente non o é, e o atractivo é revisala segundo os criterios de cada época. Laxeiro é autor de cadros incontestables, con independencia da súa época, tamaño ou factura, e dun ruxerruxe de debuxos e pinturas que lle garanten o eco da proximidade. Cando se selecciona vemos que o mesmo pintor busca definir un cadro e axustar unha composición, pero na madurez é quen de deconstruír a imaxe sen rebaixar a pintura, talvez de xeito inconsciente, por seguir investigando. As multitudes de Grosz, as batallas de Paolo Uccello, as fugas de Ensor: os laxeiros en Laxeiro.

Texto curatorial

O 1 de abril de 2022, a Real Academia de Belas Artes decidiu dedicar o Día das Artes 2022 a José Otero Abeledo  “Laxeiro” (Donramiro-Lalín, Pontevedra, 23 febreiro 1908 - Vigo, 21 xullo 1996), ata o 1 de abril de 2023, cando lle tomará o relevo o seguinte homenaxeado, Martín Códax.

Pensando na fortuna crítica de Laxeiro, o MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, organiza unha exposición distinta ás realizadas ata agora sobre o pintor: trátase de mostrar unha excelente selección de obras súas e poñelas no contexto da arte da súa época, xunto ás doutros artistas que Laxeiro miraba con atención, ou que formulan referencias de diálogo. Como exemplos do primeiro, as pinturas de Ignacio Zuloaga ou Jesús Corredoyra, que Laxeiro viu n’A Habana; as dos anos trinta de Arturo Souto, Manuel Colmeiro ou Carlos Maside. Obras de diferentes épocas de Castelao, Asorey, Maruja Mallo, Luis Seoane ou Torres García. Entre as “devocións”, Gutiérrez Solana, Vázquez Díaz, Benjamín Palencia, Miró ou os máis serodios Antonio Saura, Rafael Canogar ou Washington Barcala. Como notas atemporais, Rembrandt e Goya, homenaxeados moitas veces por Laxeiro, e presentes con obra gráfica.

Non se trata dunha proposta de peche, de conclusión, senón de inicio, de debate, coa que se incide na necesidade de estudar a Laxeiro no contexto da arte da súa época, xunto a outros artistas. Nesta exposición a penas hai datos biográficos pero si pintura; o percorrido está pensado para pasear e facilitar os diálogos entre as obras.

A mostra ten un sentido cronolóxico non estrito, buscando conexións visuais rápidas. Textos e lendas sinalan trazos ou relacións que facilitan o seguimento. A formulación expositiva potencia achegarse a un pintor que foi intuitivo e sagaz, un personaxe divertido pero nada frívolo como pintor, mesmo de cote dramático nas súas procuras, nos seus achados. Un artista culto, que sabía onde buscar os seus referentes, tanto na vida coma na arte, nas festas populares ou nos museos; un ollo á espreita quen de expresar a unión entre dor e ledicia. Ao repasar a súa obra semella claro en que momentos se detiña con atención, sobre que debates volvía unha e outra vez, a que se enfrontaba cando iniciaba un cadro.

A exposición conta con obras das coleccións do Concello de Vigo (da Fundación Laxeiro e do Museo Municipal Quiñones de León), pero tamén de coleccionistas particulares e de museos e institucións galegos e doutras comunidades. De especial importancia é a presenza de obras do Museo de Belas Artes de Bilbao, así como os conxuntos das coleccións ABANCA e Afundación, das galerías Montenegro e Artemanz, e de coleccións que, malia seren privadas, son conscientes de gardar tesouros públicos. O noso agradecemento a todos pola súa xenerosa complicidade.

Miguel Fernández-Cid
Comisario da exposición