
LAURA LIO. zume e sangue
Ficha
Na obra de Laura Lio (Bos Aires, 1967, residente en Madrid dende 1990) únense un forte compromiso social –político, ecolóxico, feminista, colectivo, contemporáneo– cunha defensa dun traballo rigoroso, metódico, lento, sen atallos.
Detrás dos seus debuxos e obxectos hai unha observación minuciosa e unha análise previa que busca a orde interna que percibe na natureza –o crecemento dunha árbore, as nervaduras dunha folla, as formas estilizadas dunha rama illada– ou o sentido das construcións que realizan os animais (os niños son un bo exemplo): estruturas sólidas en obxectos mesmo fráxiles, leves.
A orde natural, as imaxes, a linguaxe da arte e a palabra; a obra que crece lenta, de cote en series para buscar alternativas; a pregunta que nos inquieta como espectadores; o rexeitamento do azaroso; a síntese formal que sabe unir a un fondo poético inquietante: ideas que se perciben ante unha obra sutil, en extremo persoal.
Dende finais dos anos 80, dá inicio a unha especie de biblioteca na que uns libros son tratados como obxectos-poemas visuais, algúns cun contido crítico moi directo; outros semellan un resumo de ecos, seducións, vivencias, memoria; e un terceiro grupo desprégase ante nós como unha paisaxe, ao xeito oriental.
Realiza tamén outro traballo máis directo e urbano, que lle permite utilizar como soporte as paredes intervidas por sucesivos carteis publicitarios con mensaxes moi distintas que, fragmentados e postos en relación, formulan comentarios sobre a realidade, directos e ao tempo poéticos.
Con obra en museos como o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía de Madrid ou o Museo Patio Herreriano de Valladolid, Laura Lio ten proxectos de intervención pública, próximos ao land art, e investigacións que resume en publicacións como Refugios del cuerpo y la imaginación, un suxestivo ensaio sobre as relacións –visuais, funcionais, poéticas– entre as construcións dos animais, a arquitectura, e as obras dos artistas contemporáneos.
Miguel Fernández-Cid e Pilar Souto Soto
Comisarios da exposición
INFORMACIÓN XERAL / ACTIVIDADES
Programación para escolares
Colabora: Fundación ”la Caixa”
Ata o 21 de xuño
Horario: de martes a venres de 10.00 a 11.30 e de 11.30 a 13.00
Previa cita: tel. 986 113900 Ext. 200 / 986 113900 Ext. 308 / Correo-e: comunicacion@marcovigo.com
Programación para asociacións, colectivos e grupos con necesidades específicas
Colabora: Fundación ”la Caixa”
Horario: flexible en función de necesidades e dispoñibilidade
Previa cita: tel. 986 113900 Ext. 200 / 986 113900 Ext. 308 / Correo-e: comunicacion@marcovigo.com
Obradoiros infantís de verán
Colabora: Fundación ”la Caixa"
A partir do 8 de xullo
Horarios: martes, mércores e venres de 10.30 a 12.00 (grupos) e de 12.00 a 13.30 (de 3 a 6 anos)
Xoves de 11.00 a 12.30 (a partir de 7 anos)
Previa inscrición: tel. 986 113900 Ext. 200 / Correo-e: recepcion@marcovigo.com
Información e visitas guiadas
O persoal de salas está dispoñible para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais: todos os días ás 18.00 / Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita.
Fotografía principal: Laura Lio. Habito la posibilidad, decollage y collage (detalle), 2022
Fotografía miniatura: Laura Lio. savia sangre (detalle), 2024
Artistas
Laura Lio
Artista plástica, escritora e editora, Laura Lio (Bos Aires, 1967) cursou os seus estudios de Belas Artes en Bos Aires e Madrid, cidade na que reside dende 1990. Dedicada á investigación e á creación en artes plásticas, desenvolve o seu traballo en distintos formatos e medios, como esculturas, instalacións, proxectos de land-art, obra en papel, debuxo, artes gráficas e libros de artista. No ano 2015 crea PEZPLATA Edicións, un selo de libros de artista e material impreso con sede no seu NavEstudio. En 2022 publícase o seu libro Esporas (Ed. Dosparedesy1puente, Madrid) e en 2023 o seu ensaio Refugios del cuerpo y la imaginación (Ed. Asimétricas, Madrid), sobre as relacións que existen entre as construcións dos animais, a arquitectura e a arte contemporánea a través da análise de aspectos funcionais e poéticos.
En xaneiro de 2024 foi invitada a formar parte do workshop Artivism in the European elections 2024: Involving cultural actors (Parlamento Europeo de Bruxelas), e dende o ano 2023 forma parte da Rede Conceptualismos del Sur, plataforma de investigación, discusión e toma de posición colectiva dende América Latina.
De 2010 a 2015 traballou como Profesora Asociada na Facultade de Belas Artes de Cuenca, e foi invitada a formar parte de xurados internacionais e a impartir conferencias noutras universidades europeas. Recentemente, comezou a traballar en proxectos curatoriais de arte contemporánea, como “Imprimir/desplegar/cantar” organizado co Instituto Cervantes de Nápoles. As súas obras foron publicadas en numerosos catálogos e libros, e entre os premios e bolsas máis recentes cóntanse unha estanza de creación en China (Instituto Cervantes de Pekín, 2016) e a súa participación no proxecto Art Meets Science en Harlösa, Suecia.
Laura Lio ten realizado 22 exposicións individuais en España, Arxentina, Francia, Italia e outros países, e a súa obra incluíuse tamén en importantes exposicións colectivas, como El retorno de lo imaginario. Realismos entre el XIX y el XXI (MNCARS, 2010), e Printed Matter (MoMA, 2018). Varias das súas esculturas están en espazos públicos, como O Grove (Pontevedra), Odenwald (Darmstadt, Alemaña), Centro Franco Basaglia (Livorno, Italia) e Strömsfors, Suecia.