rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina

JORDI BERNADÓ. ID PROJECT. Colección de Arte Banco Sabadell

Ficha

Datas: 
2 febreiro 2024 - 26 maio 2024
Lugar: 
Galería e sala perimetral B1, 1º andar
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 14.30
Produción: 
Obras pertencentes á Colección de Arte Banco Sabadell

Activistas, figuras da ciencia e da literatura, premios Nobel, e outras celebridades protagonizan o proxecto ID Project de Jordi Bernadó (Lleida, 1966), a través do cal o artista explora a esencia da identidade humana, aquilo que supostamente fainos únicos. Retratos de grandes personalidades do mundo contemporáneo, célebres polo seu compromiso cos dereitos humanos, a creación, a ciencia, a ecoloxía ou a liberdade de expresión. Pero cunha singularidade: están de costas á cámara. Esta tensión entre celebridade e anonimato serve de pretexto para unha aguda reflexión sobre a identidade, a memoria e a importancia de pertencer a un lugar.

PRESENTACIÓN

O proxecto ID, de Jordi Bernadó, que se exhibe a partir do 2 de febreiro no MARCO, reúne 14 fotografías que constitúen un achegamento ao xénero do retrato. Grandes personalidades do mundo contemporáneo, especialmente célebres polo seu compromiso en distintos campos da ciencia, as artes, a investigación e os dereitos humanos, son as súas protagonistas.

ID Project é un proxecto aberto, que foi presentado por primeira vez no Museu Nacional d’Art de Catalunya no verán de 2022. A partir de entón, continuou expandíndose e itinerando como proposta expositiva, grazas á colaboración da Colección de Arte Banco Sabadell, propietaria de todas as obras que integran o proxecto.

As fotografías están suxeitas a dúas condicións. Primeira, cada participante debe elixir o lugar onde será fotografado. Non pode ser un lugar calquera, senón aquel que represente o seu lugar no mundo. Segunda, o artista pídelles que dean as costas á cámara. Non é o seu rostro o que captura, senón a súa ausencia. Un rostro ausente nunha paisaxe amada.

En palabras de Amanda Mauri , “os retratados convértense en figuras apenas identificables: unha silueta no horizonte, un punto cardinal na vasteza que se abre ante a imaxe. A paisaxe convértese na única pista que o espectador ten acerca da identidade do retratado. Todos temos un lugar no mundo, un lugar que amamos, que estrañamos, un lugar ao que volver. E todos temos as nosas razóns para elixilo. Neste caso, o significado de cada lugar queda plasmado na fotografía, pero velado. Un segredo entre o suxeito e o artista.”

Retratos de:

Jimmy Wales, cofundador de Wikipedia
Gao Xingjian, premio Nobel de Literatura
Rosario Quispe, líder de comunidade indíxena
Nada Al-Ahdal, activista polos dereitos humanos
Gretchen Cara Daily, bióloga
Stephen Hawking, científico
Muhammad Yunus, Premio Nobel da Paz
Steven Pinker, psicólogo cognitivo
Vivian Gornick, escritora
Chimamanda Ngozi Adichie, escritora
Ferran Adrià, chef
Pedro Opeka, misioneiro
Woody Allen, director de cine
Reed Brody, avogado

INFORMACIÓN XERAL / ACTIVIDADES

Programación para escolares
Colabora: Fundación “la Caixa”

A partir do 10 de outubro de 2023
Horario: de martes a venres de 10.00 a 13.00
Previa cita: tel. 986 113900 Ext. 200 / 986 113900 Ext. 308 / Correo-e: comunicacion@marcovigo.com

Obradoiros infantís
Colabora: Fundación “la Caixa”

A partir do 14 de outubro de 2023
Horario: sábados de 11.00 a 12.30 (de 3 a 6 anos) e de 12.30 a 14.00 (de 7 a 12 anos)
Previa inscrición: tel. 986 113900 Ext. 200 / Correo-e: recepcion@marcovigo.com

Información e visitas guiadas

O persoal de salas está dispoñible para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais:

Todos os días ás 18.00
Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita nos tel. 986 113900 / 986 113908

Rutas interactivas a través da App Vigo

O sistema de rutas interactivas a través da App Vigo permite aos visitantes acceder a todo tipo de contido sobre a exposición (vídeos, imaxes, información específica sobre as obras), sexa no propio espazo mediante os beacons ou dispositivos bluetooth situados en salas, ou en calquera outro lugar, seguindo a ruta dende a pantalla do móbil unha vez descargada

Foto portada:
Nada Al-Ahdal Activista polos dereitos humanos Zabid, Yemen, 2002 [Escolleu Amán, Xordania, 2019]

Foto miniatura: 
Gretchen Cara Daily Bióloga Washington D.C, EUA, 1964 [Escolleu unha ceiba Sabalito, Costa Rica, 2019]

Síntese do proxecto

JORDI BERNADÓ. ID Project


Jimmy Wales

Cofundador de Wikipedia
Huntsville, Estados Unidos, 1966

Escolleu a London Library, Londres, Reino Unido, 2015

Jimmy Wales fundou, xunto co filósofo Larry Sanger, a enciclopedia online máis famosa, a Wikipedia. Esta enciclopedia, que aposta polo formato libre e colaborativo, conta con millóns de artigos e usuarios. O seu compromiso constante coa liberdade de coñecemento converteuna nunha das webs máis visitadas do planeta.

Wales é presidente emérito da Fundación Wikimedia, dende a que leva a cabo un importante labor no desenvolvemento transversal de contido educativo. Apoia xente de todo o mundo a reunir información e a difundila dende unha perspectiva neutral e rigorosa.

Gao Xingjian
Premio Nobel de Literatura
Ganzhou, China, 1940
Escolleu o Palais-Royal, París, Francia, 2016

O escritor Gao Xingjian trazou, coas súas palabras, novas cartografías para a literatura chinesa. Dramaturgo e novelista de grande prestixio, a súa obra máis importante é a novela La montaña del alma (1990). Refuxiouse en París durante a Revolución Cultural de China tras sufrir numerosas persecucións e logo da total destrución da súa obra intelectual naquel momento.

Na actualidade reside en Francia e é cidadán francés. No ano 2000 obtivo o Premio Nobel de Literatura, o primeiro para a súa lingua.

Rosario Quispe
Líder de comunidade indíxena
Jujuy, Arxentina, 1968
Escolleu Salinas Grandes, Jujuy, Arxentina, 2017

A emprendedora xuxeña Rosario Quispe traballa dende hai máis de vinte anos para mellorar as vidas dos homes e mulleres de La Puna, na provincia arxentina de Jujuy. En 1995 fundou a Asociación Warmi Sayajsunqo (“mulleres perseverantes”, en quechua) dedicada a mellorar os niveis educativos, facilitar o acceso á saúde e fomentar o emprego de calidade na súa comunidade.

Foi nomeada ao Premio Nobel de la Paz en 2005, recoñecida pola Universidade de Harvard pola súa obra e gañou o Premio Abanderados en 2012, ano no que logrou inaugurar a Universidade de La Puna.

Nada Al-Ahdal
Activista polos dereitos humanos
Zabid, Yemen, 2002
Escolleu Amán, Xordania, 2019

A activista Nada Al-Ahdal fuxiu de dous matrimonios forzosos orquestrados polos seus pais. En 2013 publicou un vídeo en YouTube no que denunciaba o seu caso. O seu testemuño rapidamente a volveu viral e converteuse nunha das principais voces de denuncia contra o matrimonio infantil en Iemen.

Al-Ahdal fomentou o diálogo sobre os dereitos dos nenos en Iemen, impulsou creación de Nada Foundation en 2017 e logrou que se crease e aprobase unha lei de criminalización do matrimonio de menores de dezaoito anos. Foi dúas veces nomeada ao Premio Nobel da Paz Infantil.

Gretchen Cara Daily
Bióloga
Washington D.C, Estados Unidos, 1964
Escolleu unha ceiba, Sabalito, Costa Rica, 2019

Bióloga, bioxeógrafa e profesora de ciencias ambientais no Departamento de Bioloxía da Universidade de Stanford, onde dirixe o Centro de Bioloxía de Conservación. O traballo de Gretchen Cara Daily fala de algo tan aparentemente sinxelo como de valorar a natureza. É cofundadora do Proxecto Capital Natural, membro da Academia Nacional de Ciencias de EUA, a Academia Americana das Artes e as Ciencias, e a Sociedade Filosófica Americana.

Traballa no desenvolvemento de ferramentas indispensables para combater a perda de especies baseándose no coñecemento científico.

Stephen Hawking
Científico
Oxford, Reino Unido. 1942-2018
Escolleu o Centre for Mathematical Sciences, Cambridge, Reino Unido, 2018

Autor de Breve historia del tiempo (1988) e teórico dos buratos negros, Stephen Hawking foi astrofísico, cosmólogo, divulgador científico, icona da cultura popular, e un dos científicos contemporáneos máis recoñecidos dos nosos tempos. Foi membro da Royal Society de Londres, da Academia Pontificia das Ciencias, da Academia Nacional de Ciencias de Estados Unidos e titular da Cátedra Lucasiana de Matemáticas de la Universidade de Cambridge dende 1979 ata a súa xubilación en 2009.

Entre as numerosas distincións que lle foron concedidas destacan doce doutorados honorarios, o galardón da Orde do Imperio Británico en 1982, o Premio Príncipe de Asturias da Concordia en 1989, a Medalla Copley en 2006, a Medalla da Liberdade en 2009, e o Premio Fundación BBVA Fronteiras do Coñecemento en 2015.

Muhammad Yunus
Premio Nobel da Paz
Chittagong, Bangladés, 1940
Escolleu o Yunus Centre, Daca, Bangladés, 2019

Coñecido como o banqueiro dos pobres Muhammad Yunus é economista, banqueiro e líder social. Convencido de que o crédito é un dereito humano e de que os pobres son os únicos que saben como mellorar a súa situación, Yunus fundou en 1983 o Banco Grameen, o banco do pobo en bengalí. Actualmente, funciona con máis de 22.000 empregados e concede préstamos a 2,3 millóns de persoas, das cales o 94% son mulleres.

Yunus foi galardoado pola súa loita en pro dunha economía xusta en numerosas ocasións. Recibiu o Premio Nobel da Paz en 2006.

Steven Pinker
Psicólogo cognitivo
Montreal, Canadá. 1954
Escolleu o William James Hall, Harvard, Estados Unidos, 2019

Recoñecido pola súa defensa da psicoloxía evolucionista e da teoría computacional da mente, Steven Pinker é un dos pensadores da condición humana máis influentes do mundo. Foi nomeado Humanista do Ano, incluído entre os 100 Mellores Intelectuais Públicos do Mundo na revista Prospect, entre os 100 Pensadores Globais en Foreign Policy Magazine, e entre as 100 Persoas máis influentes do mundo hoxe en Time Magazine.

Pinker recibiu doutorados honorarios de universidades no Reino Unido, Israel e Canadá. Actualmente ostenta o título de Profesor no Harvard College e o de Johnstone Family Professor of Psychology na Universidade de Harvard.

Vivian Gornick
Escritora
Nova York, Estados Unidos, 1935
Escolleu o edificio da esquina 7th East/12 St., Nova York, Estados Unidos, 2018

Vivian Gornick é unha xornalista, escritora e activista feminista cuxa extensa obra enlaza a experiencia vital coa crítica social.

É autora de numerosos libros, entre os que destacan as dúas memorias Apegos feroces (1987) e La mujer singular y la ciudad (2015). Dous dos seus libros de ensaio, The End of the Novel of Love (1998) e The Men in My Life (2008), foron finalistas no National Book Critics Circle Award.

Actualmente, é profesora de escritura creativa na New School de Nova York.

Chimamanda Ngozi Adichie
Escritora
Enugu, Nixeria, 1977
Escolleu Freedom Park, Lagos, Nixeria, 2017

Feminismo, migración, racismo, son algúns dos temas que percorren as obras desta escritora. A obra de Chimamanda Ngozi Adichie obríganos a mirar de fronte as realidades máis crúas, dende o neocolonialismo ata as múltiples formas de discriminación sexual, pasando, tamén, por aquelas verdades que nos custa máis encarar: os medos e prexuízos que aínda arrastramos.

Entre as súas obras destacan La flor púrpura (2003), Medio sol amarillo (2006), Americanah (2013) e os seus dous últimos ensaios Todos deberíamos ser feministas (2014) e Querida Ijeawele: Cómo educar en el feminismo (2017). Recibiu a Bolsa MacArthur en 2008.

Ferran Adrià
Chef
L’Hospitalet de Llobregat, España, 1962
Escolleu Cala Montjoi, Girona, España, 2016

Ferran Adrià revolucionou o mundo da gastronomía e introduciuno nunha nova era. Á fronte do restaurante El Bulli (Girona, España) recibiu as máximas distincións gastronómicas, entre as que destaca o Premio San Pellegrino, co que foi galardoado en distintas ocasións. El Bulli foi nomeado Mellor Restaurante do Mundo pola revista británica Restaurant Magazine, e recibiu tres estrelas Michelin.

A innovación é unha constante na traxectoria de Adrià, á vez unha técnica e unha filosofía. Fai da gastronomía un punto de encontro, un campo de acción capaz de crear novas regras e trazar novos horizontes.

Pedro Opeka
Misioneiro
San Martín, Arxentina, 1948
Escolleu Akamasoa, Antananarivo, Madagascar, 2019

Pedro Opeka é un sacerdote católico e misioneiro en Madagascar. Arxentino de nacemento, Opeka foi nomeado director dun seminario en Antananarivo, Madagascar, en 1989. Aí empezou a traballar cos habitantes dos vertedoiros que rodean a capital. Fundou Akamasoa (os bos e fieis amigos), unha organización sen ánimo de lucro que rematou transformándose en cidade. En tres décadas, os vertedoiros convertíronse nun referente da autoxestión, ademais de nun fogar digno para os seus máis de 25.000 habitantes. Os seus centros de acollida amparan máis de 500.000 cidadáns de Madagascar. Opeka foi proposto en reiteradas ocasións ao Premio Nobel da Paz.

Woody Allen
Director de cine
Nova York, Estados Unidos, 1935
Escolleu o Metropolitan Museum, Nova York, Estados Unidos, 2015

Annie Hall, Hannah y sus hermanas, La rosa púrpura del Cairo, Manhattan, Match Point. Woody Allen é director de cinema, humorista, músico, guionista; pero, sobre todo, un radiógrafo dos nosos tempos. Algúns dos seus diálogos asentáronse no noso imaxinario colectivo, outros imprímense en camisetas ou en cuncas de café.

A súa carreira abarca máis de seis décadas, ten filmado ao redor de medio centenar de películas e recibido numerosos galardóns, entre eles catro premios Óscar, dez premios BAFTA e dous Globos de Ouro.

Reed Brody
Avogado
Nova York, Estados Unidos, 1953
Escolleu Nova York, Estados Unidos, 2018

Alcumado o cazador de ditadores”, Reed Brody é conselleiro xurídico e voceiro da organización Human Rights Watch. A súa trayectoria focalízase na persecución de crimes humanitarios e a imputación dos líderes políticos responsables.

Prestou apoio xurídico ás vítimas no caso do exditador exiliado de Chad, Hissène Habré, condenado por crimes contra a humanidade en Senegal, e nos casos de Augusto Pinochet e Jean-Claude “Baby Doc” Duvalier. Actualmente traballa coas vítimas do ex-ditador de Gambia, Yahya Jammeh, e axudou a iniciar o caso contra Mohamed bin Salman de Arabia Saudí.

Artistas

Jordi Bernadó

Jordi Bernadó (Lleida, 1966) entende a práctica fotográfica como unha vía de coñecemento. A súa ambición e rigor cando descodifica o seu ámbito transcenderon nunha obra extensa, persoal e á vez complexa.

O xogo coa realidade, a observación dos ángulos cegos nos que escapa o inadvertido son algunhas das constantes na súa calidoscópica obra, que aborda temáticas tan distintas como a identidade, os modos de habitar e a arquitectura, tanto a nivel individual como colectivo.

Gañador do Premio PHotoESPAÑA 2002 na categoría de Mellor Libro de Fotografía con Very Very Bad News (Ed. Actar, 2002); finalista no Prix du Livre d’Auteur 2010 en Les Rencontres d’Arles Internationales de la Photographie co libro Welcome to Espaiñ (Ed. Actar, 2009). Foi gañador da Bolsa Fotopres e da Bolsa Endesa X.

Entre as súas exposicións individuais máis recentes, cóntanse Campo Contracampo, XV Bienal Española de Arquitectura y Urbanismo BEAU (Tokio / Nova York / Cidade de México, 2022); Flâneur 360, XV Bienal Española de Arquitectura y Urbanismo BEAU (Tokio / Nova York / Cidade de México, 2022); De profundis, Gran Teatre del Liceu (Barcelona, 2022); Welcome to Espaiñ. Festival Ojos Rojos (Xábia, 2022); Belleza y las raras artes del simulacro, dentro de Alquézar/Zuheros: encuentros en la distancia. Fundación Rafael Botí (Córdoba, 2022); Si no, mañana. Galería Senda (Barcelona, 2021); Miscelánea de saberes inútiles, Espai Casinet, El Masnou, 2021); Belleza y las raras artes del simulacro, dentro de Alquézar/Zuheros: encuentros en la distancia. Fundación Rafael Botí (Córdoba, 2021); Simulacrum Bourrée. Fundación Rafael Botí (Córdoba, 2019); Las Huellas del Quijote, PHotoESPAÑA, Museo de Cuenca (Cuenca, 2019), entre outras.

www.jordibernado.com