
INAUGURACIÓN. Visita guiada á exposición Alberto Ardid. Hai un lugar
Este xoves, véspera do feirado do primeiro de maio, inauguramos nas salas da planta baixa a gran individual de ALBERTO ARDID.
Con este motivo, convidámosvos a unha visita guiada este xoves 30 de abril ás 19.00 na compaña do artista, do director do MARCO, Miguel Fernández-Cid, e de Pilar Souto.
ALBERTO ARDID. Hai un lugar
MARCO, salas da planta baixa (Patio A1, Galería A1, Patio A2, Galería e sala perimetral A2)
Do 30 de abril ao 6 de setembro, 2026
Produción: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: Miguel Fernández-Cid e Pilar Souto Soto
“Hai un lugar semellante a este. Unha realidade paralela que constitúe unha ficción relativamente próxima. Hai un lugar é un proxecto expositivo que combina pezas a medio camiño entre a escultura e a instalación, que se artellan arredor da idea dun aparente triunfo do mal sobre o ben, pero no que aínda se pode albiscar algún raio de esperanza. Unha exposición narrativa e interconectada, na que cada peza é per se, mais que tamén conta algo en relación ás outras e ao espazo que ocupan.”
Alberto Ardid de Cabo (Vigo, 1986) traballa elaborando pezas e instalacións que se poden situar entre o perceptivo e o matérico, enfrontando elementos diferentes entre si e que a súa vez poidan representar ideas contrapostas. Para iso, adoita empregar materiais de construción e referencias visuais que, ao misturarse e descontextualizarse, xeran múltiples significados e grandes contrastes. Utiliza tamén, en moitos dos seus traballos, intervencións pictóricas abstractas que se combinan con outros elementos perfectamente recoñecibles, con alusións á historia e á cultura de masas, dende unha visión galega e universal. Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Barcelona (2010), cun Máster en Profesorado na especialidade de Debuxo pola Universidade de Vigo (2013), actualmente cursa o Doutoramento en Belas Artes na mesma universidade.
+INFO https://www.marcovigo.com/content/alberto-ardid-hai-un-lugar