rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Generación 2025. UN PROXECTO DE FUNDACIÓN MONTEMADRID LA CASA ENCENDIDA

Generación 2025. UN PROXECTO DE FUNDACIÓN MONTEMADRID LA CASA ENCENDIDA

Ficha

Datas: 
6 xuño 2025 - 12 outubro 2025
Lugar: 
Salas da planta baixa
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 14.30

Xurado: Ericka Flórez, artista, editora e comisaria colombiana; Bruno Leitão, comisario e investigador portugués; Claudia Segura, responsable da Colección MACBA, Barcelona

Comisaria técnica e responsable de montaxe en Madrid: Andrea Muniáin
Comisario técnico e responsable de montaxe en Vigo: Paul Edward Guy

GENERACIÓN 2025 no MARCO

Exposicións colectivas, certames, premios e bolsas serviron, nas últimas décadas, para dar a coñecer as propostas dos artistas máis novos. Repasar a súa historia permite percibir as sintonías e ánimos de cada momento.

Generaciones, un proxecto de Fundación Montemadrid La Casa Encendida, iniciado no ano 2000, é hoxe a cita máis veterana e prestixiosa, convertida nun referente nacional na creación artística máis recente.

Ao celebrarse o 25º aniversario desta recoñecida iniciativa cultural, o MARCO trae aos seus patios e galerías Generación 2025, coa convicción de que, ao cambiar de espazo, as obras adquiren novos valores e a exposición toma un impulso especial.

Un xurado profesional seleccionou os artistas Álvaro Chior (A Coruña, 1992), Noela Covelo Velasco (Pontevedra, 1994), Tana Garrido Ruiz (Tarragona, 1989), Marina González Guerreiro (A Guarda, Pontevedra, 1992), Isabel Merchante (Madrid, 1999), Mar Reykjavik (Valencia, 1995), Elián Stolarsky (Montevideo, Uruguay, 1990) e Javier Velázquez Cabrero (Madrid, 1990), destacando que os proxectos gañadores de Generación 2025 comparten narrativas sobre futuros desexables e a IA como produtora de ficción por unha parte e, por outra, o interese pola oralidade, a voz e o canto, así como polo estudio da memoria e a historia do tempo.

ARTISTAS

Álvaro Chior
Noela Covelo Velasco
Tana Garrido Ruiz
Marina González Guerreiro
Isabel Merchante
Mar Reykjavik
Elián Stolarsky
Javier Velázquez Cabrero

+ INFO sobre 25º Aniversario do programa Generaciones:
https://www.lacasaencendida.es/grupo-exposiciones/25-anos-de-generaciones

+ INFO sobre Generación 2025 en La Casa Encendida:
https://www.lacasaencendida.es/exposiciones/generacion-2025

INFORMACIÓN XERAL / ACTIVIDADES

Programación para escolares

Colabora: Fundación ”la Caixa”

Ata o 21 de xuño
Horario: de martes a venres de 10.00 a 11.30 e de 11.30 a 13.00
Previa cita: tel. 986 113900 Ext. 200 / 986 113900 Ext. 308 / Correo-e: comunicacion@marcovigo.com

Programación para asociacións, colectivos e grupos con necesidades específicas

Colabora: Fundación ”la Caixa”

Horario: flexible en función de necesidades e dispoñibilidade
Previa cita: tel. 986 113900 Ext. 200 / 986 113900 Ext. 308 / Correo-e: comunicacion@marcovigo.com

Talleres infantís de verán

Colabora: Fundación ”la Caixa”

A partir do 2 de xullo
Horario: de martes a venres de 11.00 a 12.30 (de 3 a 6 anos) e de 12.30 a 14.00 (de 7 a 12 anos)
Previa inscrición: tel. 986 113900 Ext. 200 / Correo-e: recepcion@marcovigo.com

Información e visitas guiadas

O persoal de salas está dispoñible para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais: todos os días ás 18.00 / Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita.

Artistas

ÁLVARO CHIOR 

Álvaro Chior
Canto rodado
, 2025
Vídeo monocanle en loop (19’ 35’’)
Impresión dixital

“Canto rodado como unha pedra redondeada pola erosión dunha corrente de auga, como o acto de cantar, como a repetición, como a intención de capturar un canto, os seus procesos preparatorios e os acontecementos corporais que ocorren na súa articulación.” Álvaro Chior

Un canto rodado é, na súa definición xeral, unha pedra redondeada pola erosión da agua. Se estiramos o seu significado, nun xogo semántico, poderiamos afirmar que un canto rodado alude á súa vez ao acto de cantar, nunha constante repetición. Pois 'rodado' refírese ao xiro, pero tamén ao repetido, o ensaiado e o rodado a través da linguaxe fílmica. Neste xogo de significados é onde emerxe a proposta plástica e audiovisual de Chior. Coa imaxe da pedra en mente, a súa circularidade, a súa constante exposición ao fluxo e a súa diversidade, Canto rodado presenta unha serie de exercicios asociados ao imaxinario do circular, a súa relación co canto e a notación musical, transitando o sonoro e o matérico a través dunha peza audiovisual e unha instalación escultórica.

Álvaro Chior (A Coruña, 1992)

O traballo de Álvaro Chior, que combina disciplinas como o vídeo, a escultura, o son, a música e a escritura, pon o foco na linguaxe e a imaxe, a xestualidade implícita nas súas articulacións, as súas calidades materiais, as súas relacións cos procesos corporais e físicos e a busca da significación das súas unidades a través de procesos como a repetición ou o movemento.

Chior reside e traballa en Madrid. Mostrou obra en institucións nacionais como o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, La Casa Encendida, a Sala de Arte Joven, a Sala Amadís Injuve e Matadero (Madrid); CC Can Felipa e Fabra i Coats (Barcelona); DA2 Domus Artium 2002 (Salamanca); Las Cigarreras (Alicante); TEA Tenerife Espacio de las Artes (Santa Cruz de Tenerife); e Etiopía Centro de Arte y Tecnología (Zaragoza), así como en países como Estados Unidos, México, Colombia, Italia e Escocia.

NOELA COVELO VELASCO 

Noela Covelo Velasco
a quien encuentra, partitura (ACh), 2025
Sistema sonoro
Muro e peza sonora en bucle, 17min: madeira, catro bass shakers e altofalante

Atender a aquilo que soa e non está codificado pola linguaxe permítenos percibir outras estruturas temporais. Noela fai da voz o seu material de traballo e é este material o que pola súa plasticidade conforma algo que acaba por arrolar, mareando sensacións, políticas e intimidades nun mesmo espazo de reunión.

a quien encuentra, partitura (acetilcolina) funciona como sistema sonoro tricanle que, atravesando a infraestrutura, traslada unha acción corpóreo-musical ocorrida noutro lugar, a este lugar mesmo. Na sala, varias voces dislocadas, retardadas, superpóñense e constitúen, xunto a un muro aberto que treme, un espazo organizado pola potencia do vocal.

Noela Covelo Velasco (Pontevedra, 1994)

A práctica de Noela Covelo vincúlase á voz como material e espazo, tomando corpo dende composicións sonoras, performances e procesos colectivos. Nos seus últimos traballos investiga a temporalidade dun xeito apegado aos corpos, interesándose pola potencialidade da voz en grupo como espazo para a imaxinación política. É parte do espazo Foc e cofundadora de c h o r o, o espazo para a experimentación pedagóxica con sede en Foc dende onde programa e colabora con outrxs artistas. Tamén participa nos grupos de investigación Cascades, Banda e Radio Web MACBA. Graduada en Deseño de Moda en ESDI (2012-2016), tamén cursou un máster en Arte Sonora pola Universitat de Barcelona (2020-2022).

Expuxo individualmente en Bombon Projects (no contexto de Art Nou, Barcelona, 2022) e no Museo de Tortosa (Tarragona, 2022) e participou en exposicións colectivas no Museo de Pontevedra (2019), Dilalica (Barcelona, 2021), La Capella (Barcelona, 2024) e Inéditos (La Casa Encendida, Madrid, 2024). Así mesmo, en 2023 presentou a performance QSIPT I no Centro Párraga (Murcia) e o Museo Centro de Arte Dos de Mayo (Madrid), como parte das Picnic Sessions, así como próxima vuelta del faro, a súa última propuesta performativa, en La Capella (Barcelona). Colaborou con artistas como Arash Fayez, Quim Pujol, Maguette Dieng, Victor Ruiz Colomer, Júlia Rubies e Élise Moreau.

TANA GARRIDO RUIZ 

Tana Garrido Ruiz
Agitar lo que se percibía inmóvil, 2025
Videoinstalación, 10’

Con: Delfina Ruiz Fernández, Lola Bernal Armengol, Ana Ávila, Jacinto Fandós, Fernando Garrido Montoya, Rosa Fernández Diáz, Cristina Leralta, Rosa March, Atanás Nikolaev Kehayov, Verónica Tapia, Natalia Álvarez, Izar Garrido, Alba Pérez Fernández, María Niubo Caselles, Iria Fernández Niubo, Melisa Martínez Oliva, Marilén Ases, Javier Gaitán Nekkebroek, Ariel Bonilla. Montaxe: Pablo Jurado Solano. Desenvolvemento interactivo: Daniel Balboa Navarro. Son: Marisol Cao Milán. Música: Iván Blanco. CGI (Casa Modelo): Desiré Quevedo Nieto. CGI (Obxectos): Alberto Ibáñez. Deseño: Ana Civera. Acompañamento: Belén Cerezo. Etalonaje: Guillermo Etchemendi. Laboratorio: Andec. Agradecementos: Pablo Lambertos, Ximo Ortega, Ángel Polo, Antía Lousada, Raquel Planas, David Cantarero, Editorial Blume, Revista Integral.

Nun mundo onde a imaxe foi institucionalizada como mediadora do real, cuestionar que vemos e como o vemos vólvese esencial. Tana Garrido parte deste desafío para explorar as certezas visuais que nos configuran, inspirada pola crítica de Andrea Soto Calderón a Foucault. A artista non busca simplemente visibilizar conflitos, senón remover pezas para que algo novo xurda desde o limiar, enfrontándose ao réxime capitalista das imaxes, que destrúe a capacidade relacional do suxeito. A instalación, presentada en dúas pantallas, combina unha provocación futurista inspirada na novela Crisis in Zefra cun retrato íntimo dunha vida familiar influenciada polos movementos ambientalistas dos anos setenta. Fronte á Casa Modelo, símbolo do control e da urbanización capitalista, Tana Garrido abre unha fenda na que o mínimo e a tensión entre o natural e o cultural xeran un espazo de posibilidade para a imaxinación radical. A obra actívase mediante unha colectividade poñendo o foco no relacional.” Laura Vallés Vílchez

Tana Garrido Ruiz (Tarragona, 1989)

Artista visual e investigadora independente, Tana Garrido Ruiz formaliza as súas investigacións a través dunha práctica multidisciplinar que combina o cinema e a arte contemporánea en propostas instalativas inmersivas. O seu traballo céntrase na exploración do espazo doméstico, a memoria popular e a análise do cotián vinculada ao desvelamiento das realidades contemporáneas. Mediante o relato familiar, o testemuñal, a fabulación especulativa e o traballo con material de arquivo, crea obras que invitan á participación activa e á reflexión crítica.

Expuxo obra en centros de arte contemporánea como o Centro Cultural Cigarreras (Alicante, 2024), Centro Cultural Montehermoso (Vitoria-Gasteiz, 2023), Centro de Arte Contemporáneo de Quito (Ecuador, 2022), Artista x Artista (A Habana, Cuba, 2019), Azkuna Zentroa (Bilbao, 2020), Arts Santa Mònica (Barcelona, 2015) e Sant Andreu Contemporani (Barcelona 2014). Tamén foi seleccionada en festivais de cinema como Anlogica (Bolzano, Italia, 2024), Zinebi (Bilbao, 2022, Premio Cineclub FAS), Festifreak (La Plata, Arxentina, 2022), Dock of the Bay (San Sebastián, 2021), Márgenes (Madrid, 2016), Visual Sound (Barcelona, 2016) e Atlantidoc (Uruguai, 2014). Nos últimos anos obtivo apoios de institucións como o Consorci de Museus de la Comunitat Valenciana, o Departamento de Cultura e Política Lingüística do Goberno Vasco, a Deputación Foral de Bizkaia e o Instituto Vasco Etxepare. Na actualidade é programadora e cofundadora de BENDITA TÚ, un festival de cinema internacional con perspectiva feminista e queer.

MARINA GONZÁLEZ GUERREIRO 

Marina González Guerreiro
Lo que tarda un ________ en caer al _________ , 2024
Instalación
Ferro, cerámica esmaltada, madeira, latón, auga, plástico,outros

Lo que tarda un ________ en caer al _________ é unha proposta material desde a cal Marina presenta unha serie de esculturas que son, en si mesmas, contedores de tempo. O tempo pode transformarse materialmente, sempre en relación cun xesto en repetición. Unha bóla que cae sobre un plano inclinado é tempo. O mesmo volume de auga pasando dun contedor a outro é tempo. Así, Marina articula unha serie de artefactos cos que cuestionar a concepción moderna do tempo preciso. Unha revisión do experimento sobre a aceleración de Galileo, a clepsidra, a campá, o péndulo, o calendario ou a columna traxana, serven de base á artista para crear unha poética propia arredor do tempo e a súa potencial imprecisión.

Marina González Guerreiro (A Guarda, Pontevedra, 1992)

Mediante unha aproximación instalativa a diferentes medios, como a escultura, o debuxo, a pintura ou o vídeo, Marina González Guerreiro aborda a inserción dos grandes relatos no ámbito cotián a través da subjetivación e a resignificación dos obxectos. O seu proceso creativo parte da acumulación de materiais, convertendo o estudio nun espazo de ensaio onde conviven obxectos das máis diversas procedencias. Na súa práctica percíbese un preciosismo construído a través de materiais precarios e usados, así como a busca dun equilibrio entre a orde e a desorde, o control e o azar.

Graduada en Belas Artes pola Universidad de Salamanca e máster en Produción Artística por la Universitat Politècnica de Valencia, entre as súas exposicións destacan Esta orilla es fruto (Galería Rosa Santos, Madrid, 2023), Interestratos (Museo Oteiza, Alzuza, Navarra, 2023), Un encuentro (Programa Art i Context, IVAM, 2023), Buen camino (La Casa Encendida, Madrid, 2022), Given Time (Intersticio, Londres, 2021), Tras cada delirio escapista (Bungalow, ChertLüdde, Berlín, 2021), Una promesa (Galería Rosa Santos, Valencia, 2020), LMXJVSD (Pols, Valencia, 2020) e Work Hard, Dream Big (Internet Moon Gallery, Valencia, 2019).

ISABEL MERCHANTE 

Isabel Merchante
One day I saw the sunset ten thousand times, 2025
Instalación audiovisual
Robot colaborativo KUKA LBR iisy 15 R930 (cortesía de KUKA IBERIA S.A.U. en colaboración con UNIMATE ROBOTICA S.L.), programa xenerativo de MAX "Sunset Filtration" con base de datos de atardeceres autoxerados, paisaxe sonora, vinilo impreso

Ao fotografar un solpor, os sensores das cámaras converten os raios de luz en píxeles, cadrados de información visual que acaban formando parte das bases de datos utilizadas para adestraren algoritmos de intelixencia artificial. A luz, de orixe solar, cóase por cables e codificacións computacionais ata formar parte desas bases de datos de imaxes. O solpor é un dos motivos máis repetidos dentro destas bases de datos, sendo un símbolo en si mesmo da saturación estética e a homoxeneización visual do espazo dixital. Os sistemas xenerativos de intelixencia artificial fan uso desta hiperrepetición, producindo unha estética común afastada da singularidade do vivido.

One day I saw the sunset ten thousand times (“Un día vin anoitecer dez mil veces”) presenta un brazo robótico —deseñado orixinalmente para labores de produción industrialrecontextualizado como un observador de solpores virtuais. O robot proxecta en tempo real imaxes de solpores xeradas artificialmente, nunha coreografía cíclica que simula o trazo que un raio de luz deixa ao longo dun día ao atravesar unha xanela. O xesto presenta unha “máquina emocional”, melancólica, ao verse inmersa na contemplación sistemática deste fenómeno.

Isabel Merchante (Madrid, 1999)

Como artista visual, a práctica de Isabel Merchante abrangue instalacións site-specific, pezas escultóricas, fotografía e performances cun enfoque post médium, onde o concepto de cada proxecto define a súa técnica. A miúdo concibe as súas obras como experiencias efémeras, acoutadas en momentos e lugares específicos —ao solpor ou en ámbitos remotos— creando ilusións, rituais e portais que evocan o máxico e o intanxible. O seu traballo dialoga con disciplinas como a física teórica e a enxeñaría informática para tecer narrativas especulativas que reimaxinan a tecnoloxía e as súas implicacións antropolóxicas e socioculturais.

Graduada en Belas Artes e Deseño pola Universidad Francisco de Vitoria de Madrid, completou un ano de estudios na École Supérieure des Arts et Industries Graphiques de París, cursou o máster en Contemporary Art Practice do Royal College of Art de Londres e, actualmente, continúa a súa investigación no MFA Computational Arts de Goldsmiths (Londres) co apoio dunha bolsa de postgrao da Fundación ”la Caixa”.

Entre os seus proxectos individuais destacan H+E (Torres Hejduk, Cidade da Cultura de Galicia, 2024), Harmony (Feria Marte, Valencia, 2022) e Refugio de las luces (Biblioteca Xenius, Madrid, 2022). Participou en mostras colectivas como Future Archaeologies (Camden Art Centre, Londres, 2024), Sonic Disruption (Tate Modern, Londres, 2024), Hot Sheet (Frieze, Londres, 2024), XXXIV Circuitos de Artes Plásticas (Sala de Arte Joven, Madrid, 2023), e outras en Matadero Madrid, Centro de Arte Moderno de Tetuán e máis.

MAR REYKJAVIK 

Mar Reykjavik
To the wind, 2025
Video bicanal
Tres versiones 23’, 21’, 19’ 

To the wind é un ensaio sobre a tradución e a censura. Unha ficción contada a partir dunha serie de obxectos, citas, anacronismos e erros de tradución, elementos que se harmonizan e converxen nunha conversa e un canto traducido ao inglés da canción Al Vent, escrita por Raimon en 1964 e censurada pola represión franquista. É por medio da tradución que o violentado atopa unha fenda pola que existir. Este encontro pon en relación o suxeito e a lingua partindo das violencias sistémicas ás que están sometidas as minorías e as linguas minorizadas.

Mar Reykjavik (Valencia, 1995)

O traballo de Mar Reykjavik desprega, dende os formatos do cinema —vídeo e fílmico— e as prácticas de revisión da performance, cuestións como a tradución, o ensaio como espazo de posibilidade, as condicións e estéticas propias da visión feminista no cinema e a autoficción como proceso de formulación da súa identidade.

A súa práctica despregouse en espazos independentes, institucións e galerías estatais e internacionais como Galería Rosa Santos, IVAM, POLS, Fundación La Posta, La Gallera, Las Cigarreras e MUVIM (Valencia); Museo Centro de Arte Dos de Mayo, La Casa Encendida, Storm and Drunk, Cineteca de Matadero e Galería Rosa Santos (Madrid); Àngels Barcelona, Centre Cívic Can Felipa e Palau Güell (Barcelona); Fundación Bilbaoarte i El Respiradero (País Vasco); e Galería Artnueve e Centro Párraga (Murcia). No ámbito internacional, mostrou obra en Spacio Franco (Palermo, Italia), Supermarket Art Fair (Estocolmo), SYSTEMA (Marsella, Francia), Centro Cultural Recoleta (Bos Aires) e o Institut d’Art Contemporain IAC (16èmme Bienal de Lyon, Francia). Foi residente en Tabakalera (San Sebastián, 2024), NKF Residence (Estocolmo, 2023), Residencias de Creación de Matadero (2022), Cultura Resident (2020), Centro Huarte (2020), Artistas en Residencia de CA2M e La Casa Encendida (2019) e Fundación Bilbaoarte (2018). Traballou en contextos de didáctica e docencia como Master Lav (Laboratorio de creación audiovisual contemporánea) e o EACC (Espai d’Art Contemporani de Castellón, 2021-2023) e recentemente obtivo unha das Bolsas de Artes Plásticas Fundación Botín para desenvolver un proxecto no contexto de Índex – The Swedish Contemporary Art Foundation.

ELIÁN STOLARSKY 

Elián Stolarsky
Aphantasia, 2024
Instalación téxtil
Téxtiles cosidos a man e punta seca sobre metacrilato

“Aphantasia é unha condición que afecta a unha pequena porcentaxe de persoas, quen non pode visualizar imaxes mentalmente. Aínda que poden ver perfectamente cos ollos abertos, non logran evocar visualmente figuras, rostros ou paisaxes na súa mente.” Elián Stolarsky

Elián non consegue visualizar o pasado. A súa memoria non ten imaxe. E, xustamente por iso, a súa obra é o intento de recuperala. Elián é parte da terceira xeración de superviventes fuxidos do nazismo en Europa do Leste a principios do século XX. A súa identidade, por tanto, está moldeada polas sombras dos que escaparon. A través de manchas de cor, retrincos de tea e fragmentos de metacrilato, a artista constrúe unha imaxe borrosa e difusa que só cobra sentido desde a distancia. Do mesmo xeito que a súa memoria, a obra é un conxunto de sensacións, emocións e cores. Como un bricoleur, Elián constrúe a súa propia realidade a partir de fragmentos, de imaxes prestadas, para crear unha colaxe artística que tenta dar forma ao inalcanzable.

Elián Stolarsky (Montevideo, Uruguay, 1990)

O traballo artístico de Elián Stolarsky xira en torno á relación entre memoria, migración e historia. A súa práctica explora como a historia é unha construción baseada en eleccións, como a migración é relativa ao ser humano e modifica as relacións sociais e como a memoria existe para relacionarnos e vincularnos dende un lado humano. A destrución da guerra e as súas secuelas fanse patentes en gran parte da súa produción, cuxa orixe está arraigada nunha necesidade profunda de reconstruír —e sanar— a historia fragmentada, silenciada e traumática da súa familia, forzada a migrar pola guerra e a persecución relixiosa. A súa viaxe na arte actúa como un vehículo para revisitar os lugares polos que algunha vez viaxaron os seus antecesores, permitíndolle completar o ciclo para comprometerse plenamente co seu presente. O seu traballo desenvólvese principalmente no ámbito téxtil, aínda que as fotografías e as colaxes tamén son compoñentes esenciais, actuando a miúdo como punto de partida das súas creacións. O seu proceso creativo implica alterar dixitalmente imaxes de arquivo para crear unha narrativa que fusiona a realidade coa ficción imaxinativa, expresada a través do gravado, a animación e os téxtiles. A súa obra aborda as repercusións silenciosas da violencia nas xeracións futuras e o papel sanador que xoga a arte á hora de dar sentido e lidiar co trauma herdado. Ao mesmo tempo, Elián explora a necesidade do artista de vivir no presente e, a través da súa obra, entende as posibilidades infinitas de ser en función dos diferentes lugares que cohabita. Así, ademais dunha revisión do pasado, a súa práctica significa unha oportunidade constante de entender o presente.

Licenciada en Artes Visuais e Plásticas polo Instituto Escuela Nacional de Bellas Artes de Montevideo (Uruguai) e máster en Instalación e Técnicas Gráficas polo Kask Conservatorium de Gante (Bélxica), actualmente continúa os seus estudos de doutoramento, centrados nos impactos da guerra nas terceiras xeracións, na Universidad Complutense de Madrid. Foi seleccionada para residencias internacionais como Swatch Art Peace Hotel (China, 2024), Artists Unlimited (Alemaña, 2024), SIM Residency (Islandia, 2023), CRA Matadero (España, 2022), Casa de Velázquez SEGIB (España, 2017) e Cité Internationale des Arts (Francia, 2013).

JAVIER VELÁZQUEZ CABRERO 

Javier Velázquez Cabrero
AMARAÑA, 2024
Videoinstalación, 18’ 45’’
Vídeo 4k, pigmentos naturais (óxidos terrestres), lama, baba de nopal, sal, creta, carbón, látex, tea, pintura acrílica, metal

Unha figura abre imaxes mentais na súa vinculación coas cousas pensadas. Javier traballa co que se atopa enmarañado, amarañado, para colapsar os aparentes binomios fundamentais do pensamento moderno. As cousas non están en oposición A, B. As cousas están amarañadas. AMARAÑA é unha ficción especulativa audiovisual na que a lenda da Fonte do Ribeirão de São Luis (Maranhão, Brasil), e a forma enmarañada das raíces do mangleiro fusiónanse nos xestos e accións do corpo dun bailarín que se entende como unha extensión da paisaxe mesma. Unha narrativa que impulsa o entendemento do corpo humano, o corpo outro e a paisaxe como un ente interrelacionado, unha paisaxe-corpo que muda, que se desprega conxuntamente, para reconsiderar o noso xeito de estar no mundo nun momento de fraxilidade ecolóxica.

Javier Velázquez Cabrero (Madrid, 1990)

Artista visual e bailarín, licenciado en Belas Artes pola Universidad Complutense de Madrid, estudou parte da carreira na ABK de Stuttgart (Alemaña), co profesor Christian Jankowski, antes de cursar o máster en Cine Documental da Escuela Nacional de Artes Cinematográficas da Universidad Nacional Autónoma de México e completar os seus estudos de posgrao en SOMA (Cidade de México).

Participou en festivais e mostras colectivas como La Casa Erosionada (Museo Anahuacalli, México, 2023), Rencontres Internationales París/Berlín (París, 2020), ZONAMACO Patio (México, 2021), For Once: Season 3 (The Centre for the Less Good Idea, Johannesburgo, 2018), FIVA Festival Internacional de Videoarte (Bos Aires, 2018), Energía Psíquica (Bienal de Coimbra, 2015) e Festival Verbo (Galería Vermelho, São Paulo, Brasil, 2018, 2019 e 2022). Entre as súas mostras individuais destacan Sudando barro gira la montaña (Festival Aptitudes, Córdoba, 2023), La comunión de tics, gestos y ademanes (Galería Marta Moriarty, Madrid, 2020), Ningún gesto es huérfano (CCEMX, México, 2019), The Silver Lake (Casa Maauad, México, 2016) e ZONAMACO Nuevas Propuestas (México, 2016).

Foi residente na Nirox Foundation (Johannesburgo) e recibiu apoios como as Ayudas a la Producción en Artes Visuales da Comunidad de Madrid, as Ayudas INJUVE para la Creación Joven, as Becas de Residencia en el Extranjero para artistas e comisarios da Comunidad de Madrid e as Ayudas a la Movilidad PICE (AC/C), así como unha comisión de The Centre for the Less Good Idea de Johannesburgo. En 2023 realizou residencias no Museo Anahuacalli de Cidade de México e en Chão SLZ e Casa do Sereio en Brasil.