rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
DIM 2026 no MARCO. DÍA INTERNACIONAL DOS MUSEOS. “Museos unindo un mundo dividido”

DIM 2026 no MARCO. DÍA INTERNACIONAL DOS MUSEOS. “Museos unindo un mundo dividido”

Datas: 
15 maio 2026 - 17 maio 2026

Programación especial do venres 15 ao domingo 17 de maio

Cando se aproxima o Día Internacional dos Museos, centros de todo o mundo preparan a celebración do 18 de maio, en liña co lema elixido polo ICOM para esta edición, que coincide co seu 80º Aniversario: “Museos unindo un mundo dividido”. O tema destaca o potencial dos museos para actuar como pontes entre as divisións culturais, sociais e xeopolíticas, fomentando o diálogo, o entendemento, a inclusión e a paz dentro e entre as comunidades.

+ INFO en ICOM https://icom.museum/es/dia-internacional-de-los-museos/
#DIM2026 #IMD26 #InternationalMuseumDay #DiaInternacionalMuseos @ICOMOfficiel

Neste 2026, o MARCO celebrará o Día Internacional dos Museos cun programa especial de actividades para distintos públicos, que se desenvolverá na fin de semana do 15 ao 17 de maio. Comezará o venres 15 cunha sesión do proxecto “Entear Memorias”, conducido por Patricia Gestoso Abraín, que nesta ocasión se verque ao exterior, en torno á fachada principal do Museo, como convite aberto a calquera persoa que queira participar nesta experiencia.

O sábado 16, o programa previsto céntrase na grande exposición individual de Alberto Ardid. “Hai un lugar”, recentemente inaugurada na planta baixa, con obradoiros para público infantil e familiar, e un percorrido por salas en compañía do artista, aberto ao público en xeral.

Xunto á mostra de Ardid, a partir deste sábado a Galería A3 da planta baixa acolle a apertura dunha nova mostra de produción propia, que reúne obras dos artistas Jorge Macchi (unha delas pertencente á Colección MARCO), Jonathan Hernández, e Enrique Ježik.

O domingo 17, Día das Letras Galegas, será a data de clausura de “Un país ilustrado. As cubertas de Galaxia”, un proxecto expositivo e editorial que se completa cun catálogo publicado por Galaxia con textos, documentación e imaxes da mostra.

PROGRAMACIÓN DIM 2026 no MARCO


VENRES 15 maio
“ENTELAR MEMORIAS”
Un proyecto de Patricia Gestoso Abraín

Horario: de 17.30 a 19.00
Lugar: escaleiras exteriores R/ Príncipe, xunto á fachada principal
Aberto ao público en xeral ata completar capacidade
Previa inscrición a través do email comunicacion@marcovigo.com

Entear Memorias é un proxecto de Patricia Gestoso Abraín, creadora interdisciplinar. Durante estas sesións, cada persoa achega unha peza de roupa ou un retallo que teña para ela un significado especial, e que desexe transformar en memoria. Un espazo de encontro para compartir, escoitar, contar e crear en grupo unha obra artística que reflicta esas historias persoais que nos definen. Unha proposta que parte do persoal e que busca transformarse en experiencia colectiva.

Nesta ocasión, se o tempo o permite, a sesión levarase a cabo nas escaleiras da fachada principal do MARCO, como un convite aberto a calquera viandante que se queira unir. En caso de chuvia, trasladarase a un espazo interior.

SÁBADO 16 maio
“PAISAJES AL VACÍO”
Talleres para público infantil y familiar
en torno a la exposición de Alberto Ardid

Horario: de 11.00 a 12.30 (de 3 a 6 anos) e de 12.30 a 14.00 (de 7 a 12 anos)
Lugar: Espazo Anexo e salas de exposición
Para participantes entre 3 e 12 anos, sós ou acompañados de persoas adultas
Previa inscrición a través do email recepcion@marcovigo.com 

Neste sábado de maio, percorremos a exposición de Alberto Ardid, “Hai un lugar”, recentemente inaugurada nas salas da planta baixa, e deseñamos un taller no que recreamos detalles e visións de paisaxes e lugares, a partir de elementos tomados da natureza. Paisaxes e lugares que se conservan no noso imaxinario de forma similar á dos alimentos envasados. Queres saber como? Apúntate a esta sesión na que as persoas adultas acompañantes son benvidas a participar e gozar desta experiencia colectiva.

SÁBADO 16 maio
Presentación do catálogo da exposición
UN PAÍS ILUSTRADO. As cubertas de Galaxia

Horario: ás 13.00
Lugar: sala Galería B3, 1º andar
Aberta ao público en xeral
Coa participación de:
Hayat Husein (responsable deseño Editorial Galaxia), Xurxo Martínez (comisario da exposición), Marcos Calveiro (responsable edicións Editorial Galaxia), Miguel Fernández-Cid (director do MARCO)

Este sábado 16 de maio, no contexto da programación especial do DIM Día Internacional dos Museos no MARCO, preséntase o catálogo da exposición “UN PAÍS ILUSTRADO. As cubertas de Galaxia”.

Coincidindo cos últimos días da mostra –que se clausura este domingo 17 de maio, Día das Letras Galegas–, a presentación da publicación funciona ao tempo como acto de despedida e colofón deste proxecto expositivo e documental.

Un país ilustrado. As cubertas de Galaxia
ISBN: 978-84-1176-596-1
Formato: 17 x 24 cm
128 pp

“Deseñar unha cuberta, é, ao final, responder a un encargo moi concreto, vestir un libro para que fale antes de ser aberto. Todo comeza nun papel en branco, que non é só unha superficie baleira, senón un espazo cheo de preguntas. Que historia conta? A quen se dirixe? Que ton debe ter esa primeira mirada? A partir de aí execútase a idea sabendo que non será lineal nin perfecta á primeira […]

Cando a cuberta funciona, non é só un deseño resolto: é unha resposta honesta a un libro que, por fin, atopou a súa cara.”

Hayat Husein, responsable de deseño e coordinación editorial

SÁBADO 16 maio
ALBERTO ARDID. Hai un lugar
Visita guiada á exposición, na compaña do artista

Horario: ás 18.30
Lugar: salas de exposición da planta baixa
Aberto ao público en xeral ata completar capacidade
Previa inscrición a través do email recepcion@marcovigo.com

“Hai un lugar semellante a este. Unha realidade paralela que constitúe unha ficción relativamente próxima. Hai un lugar é un proxecto expositivo que combina pezas a medio camiño entre a escultura e a instalación, que se artellan arredor da idea dun aparente triunfo do mal sobre o ben, pero no que aínda se pode albiscar algún raio de esperanza. Unha exposición narrativa e interconectada, na que cada peza é per se, mais que tamén conta algo en relación ás outras e ao espazo que ocupan”.

Estas palabras de Alberto Ardid son o punto de partida para unha visita aberta ao público e conducida polo artista, na que percorremos as salas coñecendo de primeira man as motivacións e reflexións que están na orixe deste proxecto expositivo, recentemente inaugurado nos espazos da planta baixa do MARCO.

SÁBADO 16 maio
COLECCIÓN MARCO, 5
Secuencias, paisaxes
Jonathan Hernández, Enrique Ježik, Jorge Macchi

Horario: apertura ao público a partir das 17.00
Lugar: sala Galería A3, planta baixa

Coincidindo coa exposición Hai un lugar, de Alberto Ardid (Vigo, 1986), reunimos obras de tres artistas cos que ten puntos de unión, aínda que pertenzan a unha xeración anterior. Entre elas, un vídeo da Colección MARCO, Víctima serial (2001), de Jorge Macchi.

Dous son arxentinos, Jorge Macchi (Bos Aires, 1963) e Enrique Ježik (Córdoba, Arxentina, 1961, aínda que reside en México) e un é mexicano, Jonathan Hernández (Cidade de México, 1972). Comparten unha actitude reflexiva sobre a actualidade, a contorna, a linguaxe, a realidade, os seus significados e os modos de representala. Os carteis que marcan a actualidade dende as paredes dos edificios, a peculiar linguaxe dos sucesos dende as páxinas dun xornal, as fotografías reproducidas nos medios de comunicación ou as imaxes que constatan actos de guerra, sérvenlles para illar motivos e compoñer outra historia, coma se estivese oculta na anterior ou fose o seu reverso.

Os carteis que marcan a actualidade dende as paredes dos edificios, a peculiar linguaxe dos sucesos dende as páxinas dun xornal, as fotografías reproducidas nos medios de comunicación ou as imaxes que constatan actos de guerra, sérvenlles para illar motivos e compoñer outra historia, coma se estivese oculta na anterior ou fose o seu reverso.

SÁBADO 16 maio
Percorrido pola exposición na compaña do director do MARCO
COLECCIÓN MARCO, 5
Secuencias, paisaxes
Jonathan Hernández, Enrique Ježik, Jorge Macchi

Horario: ás 19.30
Lugar: sala Galería A3, planta baixa
Aberta ao público en xeral

O mesmo sábado 16 de maio, a programación especial do DIM Día Internacional dos Museos incluirá unha presentación da nova mostra situada na Galería A3 da planta baixa, por parte do director do MARCO, que acompañará ao público nun percorrido pola exposición, con obras de Jorge Macchi, Enrique Ježik, e Jonathan Hernández.

DOMINGO 17 maio
Clausura exposición
UN PAÍS ILUSTRADO. As cubertas de Galaxia
Visita á exposición, guiada por persoal de salas

Horario: ás 12.00 (visita guiada)
Aberta ao público no horario habitual: de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00 (martes a sábados); de 11.00 a 14.30 (domingos)
Lugar: sala Galería B3, 1º andar
UN PAÍS ILUSTRADO. As cubertas de Galaxia
30 xaneiro – 17 maio 2026
Comisariado: Xurxo Martínez González
Deseño e coordinación editorial: Hayat Husein
Produción: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, en colaboración con Editorial Galaxia e Fundación Penzol

O domingo 17 de maio chega ao seu fin a mostra “Un país ilustrado”. Un proxecto expositivo que pon o foco no protagonismo e relevancia dos deseñadores que traballaron na Editorial Galaxia ao longo dos seus 75 anos de historia. O propósito é traer ao primeiro plano o labor de deseño e imaxe da editorial a través dunha selección das cubertas de Galaxia, organizadas segundo criterios cronolóxicos e temáticos. Tras unha especial mención á figura de Xaime Isla Couto, polo seu descoñecido papel no deseño de Galaxia, a montaxe organízase en catro seccións coincidentes coas etapas á fronte do deseño editorial de Xohán Ledo (1950 -1979), Francisco Mantecón (1979 -1985), Manuel Janeiro (1979 -2010) e Hayat Husein (de 2010 ata o presente).