
DIM 2024. III XUNTANZA DE BIBLIOTECAS, ARQUIVOS E CENTROS DE DOCUMENTACIÓN DE VIGO
Xornada técnica para profesionais de Bibliotecas, arquivos e centros de documentación
O mércores 15 terá lugar a III Xuntanza de Bibliotecas, Arquivos e Centros de Documentación de Vigo, organizada pola Biblioteca-Centro de documentación do MARCO, co obxectivo de intercambiar coñecementos e experiencias sobre as súas áreas de traballo, retomando as conclusións do 1º e 2º encontro celebrados en 2021 e 2023.
Nesta ocasión, o punto de partida será a experiencia da BAM (Biblioteca e Arquivo Municipal) de Betanzos, recentemente distinguida co Premio á Innovación Bibliotecaria 2023, a través da charla do seu director, Anxo Arcay: “BAM Betanzos: abrir a historia á veciñanza”. A continuación, retomando o formato da 1ª edición, iranse sucedendo as intervencións de cada participante, a través de comunicacións breves nas que se tratarán proxectos específicos ou especialmente relevantes polos seus contidos ou repercusión, e de Iria Fernández Mouriz, responsable da Biblioteca-Centro de documentación do MARCO, como entidade convocante e coordinadora deste encontro.
Participantes: Arquivo ANFACO, Arquivo Municipal de Vigo, Arquivo Francisco Fernández del Riego, Arquivo Fundación Penzol, Arquivo da Universidade de Vigo, Biblioteca AFundación Teatro, Biblioteca Central da Universidade de Vigo, Biblioteca. EOXI-VIGO. Hospital Álvaro Cunqueiro, Biblioteca da EMAO Escola Municipal de Artes e Oficias, Biblioteca da EOI Escola Oficial de Idiomas, Bibliotecas Escolares (Coord. da provincia de Pontevedra), Biblioteca Fundación Carlos Casares, Biblioteca Fundación Évame Oroza, Biblioteca Fundación Penzol, Biblioteca Francisco Fernández del Riego, Biblioteca do Instituto de Estudos Vigueses, Biblioteca do Instituto de Investigacións Mariñas, Biblioteca ONCE, Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas.