rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
DIÁLOGOS ABERTOS. Trazando liñas de bambú

DIÁLOGOS ABERTOS. Trazando liñas de bambú

Datas: 
18 febreiro 2025
Lugar: 
Salón de actos
Prezo: 
Entrada libre ata completar capacidade

O próximo martes 18 de xaneiro, o MARCO organiza a xornada DIÁLOGOS ABERTOS, centrada nas relacións entre Galicia e o norte de Portugal, unha iniciativa do experto en xestión cultural André de Quiroga, que terá lugar no salón de actos do Museo ao longo de toda a mañá. O subtítulo, ‘Trazando liñas de bambú’, alude a unha das pezas da exposición de Susanne Themlitz, que actualmente ocupa as salas da planta baixa, e que funciona como óptimo pano de fondo para este encontro.

O desenvolvemento desta primeira edición dos Diálogos Abertos en Vigo constitúe unha oportunidade para o fortalecemento do diálogo transfronteirizo entre o norte de Portugal e Galicia. Dous territorios cunha herdanza cultural compartida, que as vicisitudes histórico-políticas separaron, pero que os afectos (e a economia) teiman en reunir.

A necesidade de consolidar territorio, e de obter escala nas accións –sexan estas de promoción turística, industrial, ou de redes culturais, ensino, formación, exposicións, ou mesmo produción agroalimentaria– invita a reavivar un continuum territorial, onde varios ámbitos se articulan, cos seus respectivos valores, co fin de promover unha eurorrexión fértil e próspera.

Por parte do MARCO, como institución, os Diálogos Abertos pretenden ser unha oportunidade para contribuír, alén do seu papel como Museo e centro de investigación no campo das artes, ao debate sobre perspectivas de futuro en áreas clave, confiando en que desta iniciativa xurdan ideas e proxectos que beneficien ás poboacións de ambos os dous lados da fronteira.

DIÁLOGOS ABERTOS. Trazando liñas de bambú
Organiza: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Promovida por: André de Quiroga

Emisión en streaming a través da canle de Youtube do MARCO
https://www.youtube.com/@museomarcoTV/featured

PROGRAMA

9.00-9.30      Café de benvida

9.30              Apertura institucional por parte do alcalde de Vigo Excmo. Sr. D. Abel Caballero Álvarez

10.00-10.45   Cultura e desenvolvemento. O sector cultural e o seu acceso a novos mercados
Interveñen:
Abel Losada, subdelegado del gobierno en Pontevedra
Manuel Vitorino, vicepresidente Cámara Municipal Viana do Castelo
Modera: Filomena Marques

11.00-11.45   Ecosistema Arte. A cultura como xeradora de riqueza
Interveñen:
Amaia Mauleón, vicepresidenta Spain Film Commission (Vigo Film Office)
Mafalda Santos, directora artística Fundación Bienal de Cerveira
Modera: Óscar Faria

11.45-12.30   Visita guiada á mostra A linguaxe das cousas mudas na compaña da artista, Susanne S. D. Themlitz

12.30-13.15   Turismo cultural. Cooperación institucional e complementariedade de oferta na Eurorrexión
Interveñen:
Manuel Carazo, presidente Colexio Oficial de Arquitectos de Vigo
Luis Pedro Martins, presidente de Turismo do Porto e Norte de Portugal
Modera: Ana Baena

13.15-14.30   Instituciones. Circulación e itinerancia de contidos expositivos, préstamos e coleccións

Interveñen:
Miguel Fernández-Cid, director MARCO, Vigo
Benjamin Weil, director CAM – Centro de Arte Moderna Gulbenkian, Lisboa
Modera: Carolina Sertal

14.30             Fin da xornada

EXPOSICIÓN / SUSANNE S. D. THEMLITZ. A linguaxe das cousas mudas
8 novembro 2024 – 27 abril 2025
Salas da planta baixa
Comisariado: Miguel Fernández-Cid
Produción: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Coa colaboración de: Deputación Provincial de Pontevedra 

Dende que se deu a coñecer, a mediados dos anos noventa, en proxectos comisariados por Luís Serpa, Susanne S. D. Themlitz (Lisboa, 1968) defendeu unha práctica artística na que recorre aos medios e materiais máis próximos. Nas últimas décadas, dende a súa dobre residencia, portuguesa e alemá, formula unha obra ambiciosa na que plasma as ideas en debuxos e pinturas sobre papel ou muro, esculturas, fotografías, vídeos, obxectos, textos, xunto a materiais recollidos dos almacéns das instalacións nas que expón.

O seu proxecto para o MARCO, ademais de servir de reflexión sobre a memoria dos materiais, a vida do propio centro e a súa contorna, revisa as diferentes formulacións estéticas da artista, cunha montaxe que busca a sorpresa do público, ao pensar de modo diferente cada unha das salas. Susanne Themlitz constrúe un mundo con autonomía en cada espazo. A partir da grande instalación visual e sonora construída con canas de bambú no primeiro dos patios, a circulación pola planta baixa continúa por unha sala concibida a xeito de arquivo ou laboratorio da artista, e dende aí vai transitando pola idea dunha paisaxe habitada, a través dun conxunto de obras en distintos formatos que se van apropiando dos espazos.

+ INFO https://www.marcovigo.com/content/susanne-s-d-themlitz-linguaxe-das-cousas-mudas