rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
DÍA DO LIBRO 2025 no MARCO

DÍA DO LIBRO 2025 no MARCO

23 abril 2025

LIBROS LIBRES!
Bookcrossing 2025

Neste 2025, a Biblioteca-Centro de documentación do MARCO participa nunha nova edición da experiencia de Bookcrossing en colaboración con outros museos e centros de arte, que terá lugar o 23 de abril, coincidindo co Día do Libro.

Mércores 23 de abril, a partir das 11.00, en distintos puntos da cidade.

#BiblioMARCO #Díadoibro #DíadoLibro2025
#DIL2025 #CompartindoCultura #LecturasRecomendadas

Un ano máis, a Biblioteca-Centro de documentación do MARCO súmase á experiencia de Bookcrossing promovida dende o ARTIUM de Vitoria-Gasteiz, e na que participan un total de 41 museos e centros de arte, compartindo publicacións e liberando libros relacionados con diferentes disciplinas. No caso do MARCO, liberaranse exemplares duplicados procedentes da Biblioteca, xunto á fachada principal e tamén repartidos en distintos puntos da cidade, seguindo a filosofía e o obxectivo de divulgación que inspirou esta iniciativa dende o seu nacemento.

Ademais, coincidindo co Día do Libro, a Biblioteca do MARCO estrea nova imaxe na súa sección de libros para público infantil, dispoñibles para préstamo domiciliario dende o pasado mes de outubro. Froito dunha especial colaboración entre as áreas de Didáctica e Biblioteca, o moble que contén os exemplares destas publicacións na sala de lectura foi reinterpretado e modificado polos participantes nas sesións de taller que cada semana teñen lugar en colaboración con AFAGA e Aldeas Infantiles.

Préstamo domiciliario / Carné Biblioteca

O pasado mes de outubro, a Biblioteca do MARCO abriu a posibilidade de empréstito a domicilio nunha selección dos seus fondos, que inclúen os títulos de narrativa que formaron parte do Club de Lectura #BiblioMARCO nas súas primeiras edicións, unha selección de libros para público infantil relacionados coas artes, e os propios catálogos e publicacións do MARCO. O procedemento é sinxelo e para obter o carné de empréstito abonda con cubrir unha folla de inscrición, ou a autorización correspondente no caso de menores.

Bookcrossing 2025

Por decimonoveno ano consecutivo, un total de 41 museos e centros de arte compartirán o próximo 23 de abril, con motivo do Día Internacional do Libro, unha experiencia de bookcrossing ou campaña de liberación de libros coa pretensión de inundar as cidades con volumes procedentes da bolsa de duplicados das súas respectivas bibliotecas. Os participantes prevén poñer en circulación estes libros coa intención de que os que os recollan, gocen da súa lectura e volvan liberalos noutro punto distinto do mundo.

Todos os libros liberados estarán acreditados coas súas correspondentes etiquetas, conterán as instrucións necesarias para facilitar ao lector/a a súa participación na campaña e estarán rexistrados na web https://www.bookcrossing.com/account/login. O obxectivo desta iniciativa é sumar ás bibliotecas dos museos no esforzo para o fomento da lectura e, máis en concreto, na difusión do coñecemento das distintas disciplinas culturais.

Cada centro participante seleccionou unha ou varias publicacións que forman parte da súa colección e, con todas elas, se preparou un vídeo que compartimos nesta campaña de fomento da lectura e a difusión da cultura contemporánea.

Vídeo #Bookcrossing2025 https://www.youtube.com/watch?v=RbrqrJAaBmQ

Museos e centros participantes:

Asociación de Museología y Museografía AMMA de Andalucía, Biblioteca del Museo de Zamora, Biblioteca General del Gobierno Vasco, Biblioteca y Centro de Documentación de Artium Museoa, Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Centre de documentació Centre d'Art la Panera, Centre de Documentació de Cultura Popular, Direcció General de Cultura Popular, Associacionisme i Acció Culturals, Centro Atlántico de Arte Moderno-CAAM, Centro Cultural Montehermoso Kulturune, Centro de Documentación - Centro de Arte La Regenta, Centro de Investigación y Recursos de las Artes Escénicas de Andalucía, Centro Galego de Arte Contemporánea CGAC, Chillida Leku, CRAI Biblioteca de Belles Arts. Universitat de Barcelona, Es Baluard Museu d’Art Contemporani de Palma, Escuela de Arte y Superior de Diseño de Pamplona - Iruñeko Arte eta Goi Mailako Diseinu Eskola, Fundación Eugenio Granell, Gipuzkoako Ondare Bildumen Zentroa / Centro de Colecciones Patrimoniales de Gipuzkoa, Instituto Andaluz del Patrimonio Histórico, IVAM Institut valencià d'art modern. Centre Julio onzález, MACA. Museo Arte Contemporáneo de Alicante, MACVAC Museu d'Art Contemporani Vicente Aguilera Cerni (Vilafamés), MAE. Centre de Documentació i Museu de les Arts Escèniques, MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, Museo Casa de Cervantes, Museo das Peregrinacións e de Santiago. Biblioteca, Museo de Belas Artes da Coruña, Museo de Bellas Artes de Asturias, Museo de Navarra / Nafarroako Museoa, Museo de Prehistoria y Arqueología de Cantabria – MUPAC, Museo de Valladolid, Museo del Carlismo / Karlismoaren Museoa, Museo Etnográfico de Cantabria, Museo Etnológico de Navarra “Julio Caro Baroja” Nafarroako Museoa Etnologikoa, Museo Marítimo del Cantábrico, Museo Nacional de Arqueología Subacuática. ARQVA, Museo Nacional y Centro de Investigación de Altamira, Museo Sefardí de Toledo, Museu de Prehistòria de València, Muséu del Pueblu d'Asturies, Tabakalera Kultura Garaikidearen Nazioarteko Zentroa.