rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Convocatoria por concurso para a cobertura dunha praza de persoal laboral na Fundación MARCO XEFE/A TÉCNICO/A DE REXISTRO, CONSERVACIÓN E RESTAURACIÓN DO MARCO

Convocatoria por concurso para a cobertura dunha praza de persoal laboral na Fundación MARCO XEFE/A TÉCNICO/A DE REXISTRO, CONSERVACIÓN E RESTAURACIÓN DO MARCO

Datas: 
30 xullo 2025 - 8 setembro 2025

BASES DA CONVOCATORIA. Ingreso libre

Normas xerais

Convócase o proceso selectivo para ingreso como persoal laboral fixo suxeito ao convenio colectivo de aplicación da Fundación MARCO, baixo os principios reitores de libre concorrencia, igualdade, mérito, capacidade, publicidade, transparencia e axilidade.

A presente convocatoria e os actos que desta se deriven publicaranse na páxina web oficial do MARCO www.marcovigo.com, no Servicio Público de Empleo Estatal e no BOP.

Grupo de clasificación xeral

“Xefe/a Técnico/a”, segundo Convenio Colectivo de eventos, servizos e producións culturais de Galicia.

Requisitos dos/as candidatos/as (demostrables na data de peche da admisión das candidaturas)

1) Nacionalidade

Ser español/a ou nacido nun dos Estados membros da Unión Europea.

Calquera que sexa a súa nacionalidade, o cónxuxe dos españois e dos nacidos noutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Coas mesmas condicións, poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe, que vivan ao seu cargo, menores de vinte e un anos ou maiores da devandita idade dependentes.

As persoas incluídas no ámbito de aplicación dos Tratados Internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España nos que sexa de aplicación a libre circulación de traballadores.

As persoas estranxeiras que, non estando incluídas nos parágrafos anteriores, se atopen con residencia legal en España.

2) Titulación profesional (unha das tres opcións):

Grao ou Licenciatura en Belas Artes, especialidade en Conservación e Restauración de Obras de Arte / Bens Culturais.

Grao Universitario en Conservación e Restauración de Bens Culturais.

Diplomatura en Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais.

Os/as aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente credencial de homologación ou no seu caso do correspondente certificado de equivalencia.

3) Titulación e requisitos adicionais obrigatorios

Título CELGA 4.

Experiencia profesional demostrable mínima de dous anos, en tarefas de restauración e rexistro, nun museo de arte contemporánea con perfil similar ao do MARCO, en dimensión, orzamento, actividades e colección.

Presentación dun CV detallado, axustado ás funcións do posto e aos coñecementos que se valorarán. Débense acompañar as xustificacións dos traballos mencionados, xa que non facelo pode significar que non sexan tidos en conta ou que sexan reclamados.

4) Coñecementos que se valorarán (imprescindible acreditalos)

Coordinación e comisariado de exposicións en museos de arte contemporánea.

Deseño gráfico e publicitario.

Deseño e maquetación de publicacións e catálogos de arte contemporánea.

Fotografía e edición de video para aplicar a pantallas e redes sociais.

5) Capacidades

Persoa con iniciativa, proactiva, con capacidade resolutiva. Perfil creativo e adaptación ao traballo en equipo.

Capacidade para coordinar proxectos.

Coñecementos de informática para tratamento de texto, imaxes e bases de datos.

Coñecemento da Colección MARCO e dos fondos de arte contemporánea das coleccións do Concelllo de Vigo.

Coñecemento dos materiais e as técnicas artísticas contemporáneas.

Coñecemento da estrutura, propiedades e procesos de deterioración dos materiais utilizados na creación e na conservación dos bens culturais.

Coñecementos actualizados de materiais e técnicas para realizar tratamentos de conservación e restauración.

Condicións do posto de traballo

Contrato laboral indefinido a xornada completa. Deberá superar un período de proba de dous meses. Durante ese período, a Fundación MARCO ou a persoa interesada poderán desistir da relación contractual sen necesidade de preaviso e sen que ningunha das partes teña dereito a esixir indemnización compensatoria ningunha á outra.

Incorporación inmediata.

Xornada laboral de 38 horas semanais, a desenvolver na sede da Fundación MARCO (R/ Príncipe 54, 36202 Vigo), a razón de 8 horas diarias de luns a xoves e 6 horas os venres.

O/A traballador/a debe cumprir as normas internas da Fundación MARCO, así como gardar segredo profesional sobre as tarefas realizadas. Facilitar en todo momento ao responsable asignado canta información e documentación se lle solicite sobre a marcha e resultados do traballo encomendado.

O/A traballador/a debe desenvolver o plan de traballo fixado pola Fundación de acordo coas tarefas marcadas polo responsable da área e a Dirección da Fundación MARCO.

Retribución económica

Segundo o convenio ao que está adscrita a Fundación MARCO, a retribución bruta anual será a correspondente ao grupo I, por un importe de 26.938 €.

Funcións e tarefas do posto de traballo

Reportando á Dirección do museo ou á persoa en quen esta delegue, participará nas tarefas propias do perfil de Xefe/a Técnico/a de Rexistro, Conservación e Restauración do MARCO. Con carácter enunciativo e non limitativo, ocuparase das seguintes funcións e tarefas:

Control do estado de conservación das obras que chegan ao MARCO, así como das que pertencen á súa colección ou daquelas que están depositadas de forma permanente ou temporal nas súas salas de exposición, espazos e almacéns.

Labores de conservación e restauración das obras integrantes da Colección MARCO.

Proposta de intervención e posterior desenvolvemento práctico de procesos encamiñados á conservación e restauración das obras depositadas no MARCO.

Elaboración de informes técnicos sobre as obras da Colección MARCO e das que se atopen en depósito temporal.

Clasificación e ordenación das obras depositadas no MARCO, adaptándoas ás condicións dos distintos almacéns.

Controis periódicos do estado de conservación das obras da Colección MARCO e das depositadas de forma permanente ou temporal nos seus almacéns.

Redacción de informes relativos ao estado de conservación das obras integrantes da Colección MARCO, solicitados dende a Dirección do museo.

Colaboración na correcta conservación das obras depositadas no MARCO durante montaxes, desmontaxes, exposicións temporais e permanentes, e proxectos nos que sexa necesario o manexo das devanditas obras.

Colaboración nos estudos e busca de tratamentos encamiñados a garantir ou mellorar as condicións ou o estado de conservación das obras de arte custodiadas polo museo. Elaboración de informes como medio de conservación preventiva.

Redacción das especificacións técnicas para vitrinas, soportes de exposición e almacenamento.

Conservación e restauración das obras depositadas no MARCO que o requiran, ou daquelas que se lle indiquen dende a Dirección do Museo.

Documentación dos procesos e tarefas de restauración realizadas nas obras de arte asignadas.

Supervisión das condicións técnicas das exposicións temporais.

Supervisión das embalaxes, da manipulación das obras e da súa montaxe.

Colaboración nos proxectos que desenvolve o MARCO en relación coa conservación e restauración de bens culturais, así como participación en seminarios, charlas de formación e atención a visitas, investigadores e institucións, en relación coas súas funcións como xefe de rexistro, conservador e restaurador.

Informar os responsables da Fundación de posibles anomalías ou incidentes que poidan afectar á integridade das obras de arte da Colección MARCO, así como daquelas que se atopen nas súas salas e almacéns, con motivo da programación de exposicións do Museo.

Colaboración na supervisión do traslado de obras e aparellos mobles do MARCO e da Fundación MARCO (porteo de obxectos e material), así como do acondicionamento de salas para a celebración de eventos nas instalacións do MARCO nas que haxa obras susceptibles de resultar danadas.

Colaboración na formación de bolseiros e restauradores durante a súa estadía no Museo.

Cumprimento das ordes e indicacións dos supervisores e, en xeral, os labores que se lle encarguen no ámbito de competencias do seu posto para o bo funcionamento dos servizos da institución.

Deseño e maquetación de convites, folletos, publicacións e gráfica das exposicións.

Realización de reportaxes fotográficas do material conservado en almacéns, do material expositivo e dos distintos actos que se celebren no MARCO.

Preparación de material gráfico para medios de comunicación e redes sociais.

Deseño da publicidade do MARCO e das súas actividades.

Admisión de candidaturas

O prazo de admisión de candidaturas péchase ás 14.00 horas do 8 de setembro de 2025.

Formalización de solicitudes

As solicitudes deben remitirse por correo electrónico ao enderezo: info@marcovigo.com

Deben incluír unha carta de presentación, currículum vitae e a documentación acreditativa das condicións requiridas para o posto ofertado, así como dos méritos e contactos con posibles referencias de contratos anteriores.

Os/as solicitantes preseleccionados/as serán convocados/as a unha entrevista persoal, na que se comprometen a presentar a documentación orixinal que remitiran e que achegaran escaneada na súa solicitude.

Proceso de selección

A Dirección da Fundación MARCO nomeará unha Comisión para que realice a selección da persoa aspirante ao posto de traballo. Esta Comisión, presidida polo director do MARCO, e composta por dous vogais con voz e voto, e un secretario/a, con voz pero sen voto, publicará a súa decisión na páxina web do MARCO, e informará mediante correo electrónico a aqueles/as candidatos/as non seleccionados/as. Na páxina web incluirase unicamente o nome do beneficiario, entendéndose os demais participantes como non seleccionados.

O sistema selectivo será o de Concurso. Expirado o prazo de presentación de solicitudes, a Comisión ditará resolución pola que se declarará aprobada a lista de persoas admitidas e excluídas.

O proceso de selección constará de tres fases, segundo se detalla a continuación:

1) Fase 1

Recepción, lectura e análise das candidaturas. Reunida a Comisión nomeada, quedarán excluídas as candidaturas que non cumpran algún dos requisitos esixidos.

2) Fase 2

A Comisión puntuará as candidaturas presentadas, sobre un máximo de 70 puntos, valorando os seguintes conceptos:

  • Traballos profesionais de restauración e conservación específicos de arte contemporánea, entre 0 e 15 puntos, valorando 0,30 puntos por mes traballado.
  • Traballos profesionais de restauración e conservación de obras artísticas, entre 0 e 15 puntos, valorando 0,25 puntos por traballo realizado.
  • Informes de conservación e restauración, entre 0 e 15, valorando 0,25 puntos por traballo realizado.
  • Rexistro de empréstitos, entre 0 e 5 puntos, valorando 0,25 puntos por traballo realizado, referido a unha exposición.
  • Comisariado e coordinación de exposicións en museos de arte contemporánea, entre 0 e 5 puntos, valorando 0,5 puntos por comisariado e 0,25 por coordinación.
  • Deseño e maquetación de publicacións de arte contemporánea, entre 0 e 5 puntos, valorando 0,5 puntos por traballo realizado.
  • Deseño e maquetación de material promocional e publicitario, deseño gráfico de exposicións, entre 0 e 5 puntos, valorando 0,25 puntos por traballo realizado.
  • Traballos de edición de fotografía e video para aplicar a pantallas e redes sociais, entre 0 e 5 puntos, valorando 0,25 puntos por traballo realizado.

Seleccionarase os/as candidatos/as que obtiveran un mínimo de 42 puntos (60% do total).

3) Fase 3

Entrevista persoal con cada un/unha dos/as candidatos/as seleccionados/as, valorable entre 0 e 30 puntos.

Valoraranse os méritos profesionais alegados e a adecuación da persoa candidata ao posto; os coñecementos teóricos axustados ao perfil requirido; a sensibilidade e motivación polo mundo da arte contemporánea; a iniciativa e habilidades sociais para traballar en equipo, a capacidade resolutiva; a capacidade de resolución e reacción ante posibles imprevistos que poidan xurdir no desenvolvemento diario de tarefas, así como o coñecemento que o/a candidato/a posúa sobre a Colección MARCO e os fondos de arte contemporánea do Concello de Vigo.

Resolución e adxudicación

Unha vez concluído o proceso de selección, establécese a orde de puntuación definitiva e a Comisión decide a persoa adxudicataria. A cualificación final estará determinada pola suma das cualificacións obtidas nas dúas fases do proceso selectivo (fases 2 e 3). En caso de empate, elixirase ao/á candidato/a que obtivera maior puntuación na Fase 3.

Disposición final

A participación nesta convocatoria supón a aceptación das presentes bases e de todas as condicións nelas contidas.

Vigo a 30 de xullo de 2025