
CICLO DE CINE “Unha conexión estética”
Actividade paralela da exposición IRENE GONZÁLEZ. Se lembrar fose esquecer
Organiza: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Dirixe: José Manuel Mouriño
Datas: martes 11, 18 e 25 de novembro; martes 2 e 9 de decembro de 2025
Horario: de 18.00 a 20.30 (consultar detalles programa en cada sesión)
Colabora: República Portuguesa. Consulado Geral na Galiza
CICLO DE CINE
“
Unha conexión estética”
En paralelo á exposición de Irene González, “Se lembrar fose esquecer”, o MARCO organiza un ciclo de cine de cinco sesións, dirixido por José Manuel Mouriño, concibido como unha oportunidade para afondar na obra de Irene González a través da imaxe, os sons e o tempo dunha selección de referencias cinematográficas. En cada sesión, a proxección do filme está acompañada dunha charla-coloquio a cargo de relatores convidados.
PRESENTACIÓN
No seu libro Esculpir no tempo, o cineasta Andréi Tarkovski sinala unha fonte de inspiración crucial na súa obra: a poesía tradicional xaponesa. Tarkovski declárase alí, de maneira particular, fascinado polo modo en que o haiku xaponés eterniza os instantes que estes poemas apenas esbozan e por como convidan o lector (observador) a mergullarse neles: “O haiku «cultiva» as súas imaxes dun modo que non significan nada fóra de si e, á vez, significan tanto que é imposible percibir o seu sentido último. É dicir, unha imaxe é tanto máis fiel ao seu destino canto menos se pode condensar nunha fórmula conceptual, especulativa. O lector dun haiku ten que perderse nel, como na natureza, ten que deixarse caer nel, perderse nas súas profundidades como nun cosmos, onde tampouco hai un arriba e un abaixo”.
Esta mesma frase podería servir como unha auténtica síntese do cinema do propio Andréi Tarkovski, pero tamén do cinema do resto de autores e autoras presentes neste ciclo: Rita Azevedo Gomes, Yasujirō Ozu, Maya Deren ou Jean-Claude Rousseau. Cineastas que conciben a imaxe como un viveiro de experiencias e narracións suspendidas no tempo. Como un espazo propicio para deixarse mergullar e permanecer, pausada e intimamente, co fin de lembrar ou esquecer, no seu interior. Así tamén acontece na obra e nas procuras de Irene González. Ela recoñece, neste tipo de concepcións estéticas, unha fonte de inspiración que as atmosferas dos seus debuxos reflicten con extrema delicadeza.
Coa organización deste ciclo, o noso obxectivo é ofrecer, a quen se achegue á proposta creativa de Irene González, a posibilidade de afondar na súa obra a través da imaxe, dos sons e do tempo traídos por estas referencias cinematográficas. Pero tamén brindar, pola súa parte, unha fascinante vía de entrada nas filmografías dos nomes anunciados, a través das imaxes da propia Irene González. En esencia, que o público poida experimentar a sensación de percorrer estancias ou profundidades dunha mesma natureza.
José Manuel Mouriño
PROGRAMA / CALENDARIO
SESIÓN 1
Martes 11 novembro
El espejo (Andréi Tarkovski, 1975)
Título orixinal: Zerkalo
Dirección: Andréi Tarkovski
Guión: Alexander Misharin y Andréi Tarkovski
Fotografía: Georgi Rerberg
Música: Eduard Artemyev
Produción: Mosfilm
Intérpretes: Margarita Terekova, Oleg Yankovski, Ignat Daniltsev, María Ivánova Vishnyakova, Anatoliy Solonitsyn, Ángel Gutiérrez.
Duración: 106 min.
Sinopse:
Un home, Alekséi, fala coa súa esposa sobre a súa situación actual e os motivos polos que se afastaron. A película é unha evocación continua de recordos e sentimentos que viaxan por diferentes tempos sen orde aparente: a relación coa súa nai, a súa infancia... que se mesturan con material fílmico de noticiario sobre a Guerra Civil española, a Segunda Guerra Mundial e o enfrontamento entre a URSS e China pola illa Damanski. No filme soan poemas escritos e recitados por Arseni Tarkovski, pai do director. Retrata un pasado que é o seu, pero tamén o dun país e o do acontecer mundial.
18.00
Presentación do ciclo por parte do seu director, José Manuel Mouriño
18.15
Proxección do filme
20.15
Charla a cargo de José Manuel Mouriño, e coloquio co público asistente
José Manuel Mouriño é investigador, cineasta, ensaísta, comisario de exposicións e de ciclos de cinema. Representante na península ibérica e Hispanoamérica do Instituto Internacional Andréi Tarkovski, é na actualidade tamén o coordinador do Laboratorio María Zambrano de poética audiovisual na Fundación María Zambrano de Vélez-Málaga. É autor do caderno Ficbueu (Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu) na súa edición do presente ano, cun ensaio titulado “O destino como forma. Imaxes do exilio / exilios da imaxe”. Tamén é o curador da retrospectiva cinematográfica homónima.
SESIÓN 2
Martes 18 novembro
El otoño de la familia Kohayagawa (Yasujirō Ozu, 1961)
Título orixinal: Kohayagawa-ke no aki
Dirección: Yasujirō Ozu
Guión: Kogo Noda, Yasujirō Ozu
Fotografía: Asakazu Nakai
Música: Toshiro Mayuzumi
Produción: TOHO
Intérpretes: Ganjiro Nakamura, Setsuko Hara, Yoko Tsukasa, Daisuke Kato
Duración: 103 min.
Sinopse:
A familia Kohayagawa prepárase para casar a moza Noriko, a filla pequena, mentres a súa irmá Akiko, viúva e con dous fillos, recibe unha proposta de matrimonio dun home con boa posición económica. O vello patriarca Banpei compórtase, porén, de xeito curioso: decide visitar á súa antiga amante, Tsune, actitude que a súa filla Fumiko lle reprocha. O viúvo Banpei sofre un repentino ataque pero recobra a saúde, e a súa filla renuncia a xulgar a súa conduta.
18.00
Proxección do filme
20.00
Charla a cargo de Sabela Mendoza, e coloquio co público asistente
Sabela Mendoza Fernández é investigadora, creadora e xestora cultural independente, especializada en danza, artes performativas e creación contemporánea. É fundadora e directora da plataforma artística e editorial De corpos presentes e foi co-directora do proxecto de mediación Escena plural. Como creadora presentou as súas pezas performativas “O público está aquí” (2016), “Dedicatoria” (2020) e “Dobrez” (2022). En 2025 é co-curadora do programa de artes vivas “por asalto” en TEA Tenerife Espacio de las Artes. Desde 2025 é tamén directora artística da MIT Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia.
SESIÓN 3
Martes 25 novembro
Frágil como el mundo (Rita Azevedo Gomes, 2001)
Título orixinal: Frágil como o mundo
Dirección: Rita Azevedo Gomes
Guión: Rita Azevedo Gomes
Fotografía: Acácio de Almeida
Produción: Madragoa Filmes, ICAM
Intérpretes: Maria Gonçalves, Bruno Terra, Sophie Balabanian, Carlos Ferreira
Duración: 90 min.
Sinopse:
Vera e João son dous mozos que se aman, pero o tempo xoga na súa contra. O seu desexo de estar xuntos lévaos, nunha especie de xogo infantil, a fuxir dos seus amigos, da súa casa, da xente e do mundo. Illados nun bosque, prométense non separarse nunca, “por nada do mundo”. Mais un día, Vera debilítase e enferma. Se el non pode deixala “por nada do mundo”, tampouco pode evitar pedir axuda. A súa fe inquebrantable no amor está a piques de romperse. Frágil como o mundo é a historia dun (des)encontro amoroso.
18.00
Proxección do filme
19.45
Charla a cargo de Oriana Méndez, e coloquio co público asistente
Oriana Méndez é filóloga, tradutora e poeta. Publicou os libros de poesía Derradeiras conversas co capitán Kraft (2007), Cero (2011), O que precede á caída é branco (XVII Premio de Poesía do Concello de Carral, 2015), INTERNA (XVIII Premio de Poesía Afundación, 2020) e O corazón pronúnciase extenso (V Premio de Poesía Rosalía de Castro do Concello de Padrón, 2021). Profundiza na tradución literaria do francés ao galego, e publicou as traducións de El Amante (Marguerite Duras) e Fragmentos de un diario de infierno (Antonin Artaud).
SESIÓN 4
Martes 2 decembro
Tres curtametraxes de Maya Deren
Un falso despertar (Maya Deren, 1943)
Título orixinal: Meshes of the Afternoon
Dirección: Maya Deren, Alexander Hammid
Guión: Maya Deren
Fotografía: Asakazu Nakai
Música: Teiji Ito (sincronización posterior, en 1959)
Produción: Maya Deren
Intérpretes: Maya Deren, Alexander Hammid
Duración: 14 min.
Sinopse: unha muller que regresa á súa casa queda atrapada nun trance estraño e vívido. No soño, os obxectos e imaxes da súa vida diaria acaban por reflectir, en bucle, os seus desexos máis escuros.
En tierra (Maya Deren, 1944)
Título orixinal: At Land
Dirección: Maya Deren
Guión: Maya Deren
Fotografía: Alexander Hammid, Hella Heyman
Produción: Maya Deren
Intérpretes: Maya Deren, Alexander Hammid, John Cage, Parker Tyler, Hella Heyman
Duración: 15 min.
Sinopse: narración onírica na que unha muller, interpretada por Deren, báñase nunha praia e emprende unha viaxe estraña na que se atopa con outras persoas e outras versións de si mesma.
Ritual en tiempo transfigurado (Maya Deren, 1946)
Título orixinal: Ritual in Transfigured Time
Dirección: Maya Deren
Guión: Maya Deren
Fotografía: Hella Heyman
Produción: Maya Deren
Intérpretes: Rita Christiani, Maya Deren, Anaïs Nin, Frank Westbrook, Gore Vidal
Duración: 15 min.
Sinopse: un evento social coreografado ao estilo dun baile, iluminado por conceptos extraídos da lenda grega.
18.00
Proxección das curtametraxes
19.15
Charla a cargo de Alberto Ruiz de Samaniego e coloquio co público asistente
Alberto Ruíz de Samaniego é doutor en filosofía, ensaísta, comisario de exposicións, crítico cultural, tradutor e profesor titular de Estética e Teoría das Artes na Universidade de Vigo. Foi director da Fundación Luis Seoane da Coruña entre 2008 e 2011. Co-dirixe a colección Larva (Editorial Maia-Abada) e foi comisario do Pavillón Español da 52ª Edición da Bienal de Arte de Venecia.
SESIÓN 3
Martes 9 decembro
Muchacha junto a una ventana leyendo una carta (Jean-Claude Rousseau, 1983)
Título orixinal: Jeaune femme à sa fenêtre lisant une lettre
Dirección: Jean-Claude Rousseau
Guión: Jean-Claude Rousseau
Fotografía: Jean-Claude Rousseau
Produción: Rousseau Films
Intérpretes: Jean-Claude Rousseau
Duración: 45 min.
Sinopse:
Pola xanela non sabemos cal é a paisaxe. Unha rúa, un canal, a vista de Delft, quizais o porto. Estamos no interior, á luz do día. Na parede, os mapas son máis grandes ca os cadros e, con todo, non sabemos onde estamos. A muller está na xanela. Está de pé, lendo unha carta. Xa non sabe cal é a paisaxe, de tan fixa na carta. Podería ser calquera, calquera punto sobre o mapa..
18.00
Proxección do filme
19.00
Como peche do ciclo, visita guiada á exposición de Irene González, na compaña da artista, e conversa co público asistente.
IRENE GONZÁLEZ. Se lembrar fose esquecer
3 outubro 2025 – 11 xaneiro 2026
Galería e sala perimetral B1, 1º andar
Curadoría: Patricia Verdial Garay
Produción: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Coa colaboración de: La Térmica. Centro de Cultura Contemporánea, Málaga