
Charla "Como ven e debuxan as máquinas" con Daniel Rodríguez Pizarro
Este martes 27 de maio, ás 19.00, temos unha presentación actual e fascinante sobre a Intelixencia Artificial (IA) no Salón de Actos do MARCO, impartida por Daniel Rodríguez Pizarro, profesor de Tecnoloxía e TIC no IES Alexandre Bóveda e cocreador do Roteiro por Coia. Licenciado en Física pola USC, ten impartido formación de programación e-textil e outros contidos tecnolóxicos.
Daniel intentará mostrarnos como ven e debuxan as máquinas, como aprenderon, cunha reflexión sobre os seus beneficios e inconvintes. Dende o uso práctico da IA, e coñecer cando e como apareceu o recoñecemento e a creación artificial das imaxes, ata chegar á cuestión sobre se a IA está roubando a propiedade intelectual. Xunto a estes e outros contidos que compartirá connosco, fará unha descrición da exposición in situ: Refik Anadol do Guggenheim Bilbao, unha mostra que conta co primeiro modelo de arte artificial.
Para esta charla, aínda que non é obrigatorio, é aconsellable ter instalada no móbil a aplicación de Chatgpt ou a de Gemini para poder interactuar con elas no transcurso da presentación.