rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
CASTELAO GRAFISTA. Mostra documental e obra gráfica / Xornadas arredor de Castelao

CASTELAO GRAFISTA. Mostra documental e obra gráfica / Xornadas arredor de Castelao

Datas: 
14 decembro 2024 - 28 febreiro 2025
Lugar: 
MARCO, sala Galería A3, planta baixa
Prezo: 
ENTRADA LIBRE ata completar capacidade

Mostra documental e obra gráfica


Organiza: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Decembro 2024 – febreiro 2025
MARCO, sala Galería A3, planta baixa

Xornadas arredor de Castelao


Organiza: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Coordina: Ramón Rozas

Martes 14, xoves 23 e martes 28 xaneiro, 2025
MARCO, sala Galería A3, planta baixa
ENTRADA LIBRE ata completar capacidade
#anocastelao #anocastelao2025

O MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, comeza o 2025 poñendo o foco no Ano Castelao, cando se cumpre o 75º aniversario do seu pasamento. Castelao grafista –que trae ao presente o proxecto expositivo e editorial do mesmo nome levado a cabo en 2017– reúne obras e documentación sobre o seu traballo gráfico, con especial atención ás primeiras edicións dos seus libros, a exemplos clave como a Revista Nós ou a serie Cousas da vida, e ao seu compromiso político. A mostra funciona tamén como pano de fondo para unhas xornadas arredor da súa figura, coordinadas por Ramón Rozas, co obxectivo de facer balance da obra e pensamento de Castelao, 75 anos despois daquel mes de xaneiro de 1950.

VIGO E O MARCO, CON CASTELAO

Castelao grafista é un proxecto que pretende difundir a obra e o pensamento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, Galicia, 29 xaneiro 1886 – Bos Aires, Arxentina, 7 xaneiro 1950).

Nace cando a Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) decide, por unanimidade, dedicar o Día das Artes Galegas de 2016 a Castelao. Miguel Fernández-Cid, académico e nesa altura director da Fundación Gonzalo Torrente Ballester, propón unha revisión da súa obra plástica na que se sinala a peculiar relación entre pintura e ilustración: ao principio, Castelao traslada imaxes dende a primeira á segunda e, en 1945, cando quere pintar o seu testamento pictórico, leva a unha tea de gran formato unha estampa de guerra realizada en 1937.

A exposición celébrase na Real Academia de Belas Artes de San Fernando de Madrid en 2017 e conta co patrocinio da Fundación Mapfre e a Fundación DAMM. Toma o subtítulo "Pinturas, debuxos, estampas", a suxestión de Valeriano Bozal, gran defensor de Castelao, que vía conveniente salientar a presenza de cadros de gran formato, debuxos e estampas. As coleccións de arte ABANCA e Afundación, a Fundación Penzol, o Museo de Pontevedra, a Fundación Vicente Risco, os museos provinciais de Coruña e Lugo, e o Concello de Vigo foron as principais institucións que prestaron fondos.

A exposición madrileña ía acompañada dun coidado catálogo, con excelentes reproducións, textos de especialistas e un ritmo moi didáctico. Suscitou o interese inmediato de institucións senlleiras de Barcelona, Valencia e Bilbao, entre outras cidades. Para responder a esa demanda, ideouse Castelao grafista (facsímile), con 150 coidados facsímiles de obras reunidas na exposición: as portadas das primeiras edicións dos libros publicados por Castelao en vida; unha selección de libros e revistas ilustrados por Castelao; debuxos e deseños para a revista Nós, fotografías e máis dun centenar de debuxos pertencentes á serie Cousas da vida. Facsímiles preparados a partir dos debuxos orixinais realizados por Castelao para colaboracións en prensa, que se reproducen como documento, non só a súa imaxe gráfica: a caligrafía do autor, as anotacións de publicación, os selos, o permiso previo, as condicións impostas pola censura... Dado que foron creadas para ser vistas reproducidas, óptase por limpar o papel da oxidación e as manchas, pero respectando as anotacións de época, polo seu valor histórico.

Castelao grafista (facsímile) ten un afán claramente divulgador, cuxo destino inicial foron as bibliotecas dos centros do Instituto Cervantes e dos centros culturais dependentes do Ministerio de Asuntos Exteriores. O proxecto —150 caixas que conteñen os 6 volumes das obras completas de Castelao, os facsímiles do álbum Nós, fotografías, catálogos, material de exposición e máis dun centenar de facsímiles de debuxos, portadas de libros e colaboracións en prensa— foi distribuído e depositado nesas bibliotecas desas institucións. Que cada envío quedase en propiedade dos centros receptores, como fondo de consulta nas súas bibliotecas ou centros de documentación, facilita o acceso posterior ás persoas interesadas en afondar na obra do artista.

Esta versión de “mostra portátil” producida por Turismo de Galicia e a Xunta de Galicia, conta co apoio de D. Javier Baltar como herdeiro dos dereitos de Castelao, da Editorial Galaxia como editora dos seus textos e coa autorización explícita dos propietarios dos orixinais para realizar os facsímiles. Ten o respaldo dos responsables do Instituto Cervantes e da Dirección de Relaciones Culturales y Científicas, do Ministerio de Asuntos Exteriores, así como da Real Academia Galega de Belas Artes.

Nos últimos anos, grazas a Afundación Obra Social ABANCA, o proxecto mantén plenamente a súa vixencia: mostrouse primeiro nas súas principais sedes nas grandes cidades, e actualmente itinera por diferentes concellos dentro do programa Corrente Cultural.

No MARCO serve de diálogo documental a unhas xornadas que farán balance da obra e pensamento de Castelao, co gallo do 75 anos do seu pasamento.

Xornadas arredor de Castelao

Organiza: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Coordina: Ramón Rozas
Martes 14, xoves 23 e martes 28 xaneiro, 2025
MARCO, sala Galería A3, planta baixa
ENTRADA LIBRE ata completar capacidade

PROGRAMA

Martes 14 xaneiro ás 19.30
Pilar García Negro e Carlos L. Bernárdez

Xoves 23 xaneiro ás 19.30
Ana Acuña e Kiko da Silva

Martes 28 xaneiro ás 19.30
Montse Fajardo e Ángeles Tilve

CASTELAO GRAFISTA / PUBLICACIÓNS

Con motivo destas xornadas e da mostra documental, pódense adquirir no MARCO os últimos exemplares da publicación Castelao grafista, así como da caixa Castelao grafista (facsímile), ambas as dúas publicacións cunha oferta especial mentres dure a actividade.

Castelao, grafista. Pinturas, dibujos, estampas

Catálogo exposición organizada pola Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, Fundación MAPFRE e Fundación Gonzalo Torrente Ballester
Madrid, 2017, 302 p., fot. cor
Textos de: Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Miguel Fernández-Cid, Ricardo Carballo Calero, Miguel Anxo Seixas Seoane, María Victoria Carballo-Calero, Antón Patiño, Gonzalo Torrente Ballester, María Pilar García Negro, Ramón Villares, Valeriano Bozal, Inmaculada López Silva
Dispoñible en LASAL BOOKS https://lasalbooks.com/
PVP 35€ (prezo especial 30€ ata a clausura da mostra)

Castelao grafista (facsímile)

Un total de 150 coidados facsímiles de obras gráficas de Castelao: portadas das primeiras edicións dos seus libros; selección de publicacións e revistas ilustrados por Castelao; debuxos e deseños para a revista Nós, fotografías e máis dun cento de debuxos pertencentes á serie Cousas da vida. Facsímiles preparados a partir dos debuxos orixinais realizados por Castelao.
Dispoñible en LASAL BOOKS https://lasalbooks.com/
PVP 300€ (prezo especial 250€ ata a clausura da mostra)