ARTE E SOCIEDADE NA ESPAÑA DOS SÉCULOS XX E XXI
Organiza: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Docente: Ana Pereira Molares
Total sesións: 22
PRAZAS LIMITADAS. Inscrición e matrícula a partir do 17 de setembro
Posibilidade de pagamento fraccionado nos termos que se detallan na ficha de inscrición.
Arte e sociedade na España dos séculos XX e XXI
A arte non pode entenderse en toda a súa extensión fóra do contexto da súa época, afirmación que cobra un sentido máis profundo se cabe no caso español, onde os numerosos cambios políticos e sociais que experimentou o noso país ao longo de máis de 100 anos se van traducir ineludiblemente nunha realidade artística complexa e cambiante.
Dende o reinado de Alfonso XIII, co que comeza o século XX, ata a actualidade, España foi testemuña dos sistemas políticos máis variados: monarquía, ditadura, república, guerra civil, posguerra ditatorial e autárquica, ata chegar á situación actual, e cada un destes períodos tivo un desenvolvemento artístico propio e peculiar, en moitas ocasións orientado a facer esquecer ou a reformular o comportamento da arte da etapa anterior.
En xeral, ata ben entrada a segunda metade do século XX, estamos ante un panorama artístico marcado máis por un apego á tradición que á innovación, se ben isto non significa que non existise un coñecemento do que estaba a acontecer no contexto internacional, ao que nos achegamos con distintos graos de intensidade segundo as épocas.
Este novo curso de arte ten como obxectivo realizar unha aproximación crítica á creación artística que se desenvolveu no noso país ao longo do século XX e os primeiros anos do XXI.