ANDREA COSTAS LAGO. Desapego
Ficha
O MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, inicia a súa programación 2023 coa exposición de Andrea Costas Lago (Vigo, 1978) que baixo o título Desapego presenta un proxecto que reúne obras dos dous últimos anos: series fotográficas, vídeos, e unha instalación específica na propia sala.
Artista e docente, Andrea Costas Lago desenvolve o seu labor creativo utilizando diversas linguaxes (instalación, vídeo, performance), se ben é máis coñecida pola súa obra fotográfica. A súa persoal narrativa adoita tratar temas tan cotiáns como universais dende unha perspectiva emocional e psicolóxica.
Desapego é resultado dun proceso de investigación e traballo de varios anos: unha toma de conciencia sobre a maternidade, unha visión en primeira persoa a través da arte, afastada de convencionalismos e idealizacións, no ronsel da obra doutras mulleres como a poeta Adrienne Rich, as fotógrafas Ana Casas e Elinor Carucci, ou a artista Ana Álvarez-Errecalde.
O proxecto está integrado por un conxunto de pezas (imaxes fotográficas, vídeos e instalacións) nas que a artista reflexiona sobre a experiencia da maternidade propia, dende un punto de vista non idealizado, deixando constancia das contradicións e desafíos que supón esta oportunidade ofrecida pola vida para cuestionarnos e crecer.
Ser territorio. Todo o universo coñecido.
Primeiro campo de xogos. Refuxio e alimento.
Presenza e presente abafadores.
Desexos e necesidades, indiscernibles e inesgotables.
Alicerces que os conecten coa vida, co gozo, coa súa propia esencia.
Brutal, para ben e para mal. Difícil de crer.
Experiencia complexa, contraditoria, oculta en tópicos, manipulada.
Nin mística, nin esencialista: real... e tan política coma todas "as nosas cousas".
Andrea Costas Lago
Mesa redonda/coloquio: “Debates feministas derredor das maternidades”
Data e horario: por determinar
Salón de actos
Edicións limitadas de Andrea Costas Lago en LASAL BOOKS
Con motivo desta exposición, a artista preparou tres edicións limitadas de 20 caixas que conteñen 4 fotografías de 10x15 cm. Tamén, unha edición de 10 fotografías da serie Plena, de 60x45 cm.
Ambas as dúas edicións están á venda na libraría LASAL BOOKS (MARCO, vestíbulo principal) e na web
Programación para escolares
Colabora: Fundación “la Caixa”
A partir do 14 de febreiro de 2023
Horario: de martes a venres de 10.00 a 13.00
Previa cita: tel. 986 113900 Ext. 100 / 986 113908 / Correo-e: comunicacion@marcovigo.com
Obradoiros infantís
Colabora: Fundación “la Caixa”
A partir do 18 de febreiro de 2023
Horario: sábados de 11.00 a 12.30 (de 3 a 6 años) y de 12.30 a 14.00 (de 7 a 12 años)
Previa inscrición: tel. 986 113900 Ext. 100 / Correo-e: recepcion.marco@gmail.com
Información e visitas guiadas
O persoal de salas está dispoñible para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais:
Todos os días ás 18.00
Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita nos tel. 986 113900 / 986 113908
Rutas interactivas a través da App Vigo
O sistema de rutas interactivas a través da App Vigo permite aos visitantes acceder a todo tipo de contido sobre a exposición (vídeos, imaxes, información específica sobre as obras), sexa no propio
espazo mediante os beacons ou dispositivos bluetooth situados en salas, ou en calquera outro lugar, seguindo a ruta dende a pantalla do móbil unha vez descargada a aplicación, ou dende o seu equipo a través da web do Concello de Vigo.
Artistas
Andrea Costas Lago
Andrea Costas Lago (Vigo, 1978) é artista visual, profesora de fotografía na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, Universidade de Vigo, e na escola de deseño Aula D. Desenvolve o seu labor creativo utilizando diversas linguaxes como instalación, vídeo ou performance, aínda que é máis coñecida polo seu traballo fotográfico. A súa persoal narrativa adoita tratar temas tan cotiáns como universais dende unha perspectiva emocional e psicolóxica. Nos últimos anos combinou a súa traxectoria artística e docente coa investigación e preparación da súa tese de doutoramento, sobre “Aleitamento materno en fotógrafas do século XXI”.
A súa obra foi protagonista da mostra individual Desapego (MARCO, Vigo, 2022), e estivo presente en numerosas exposicións colectivas, como Cruzamentos na arte galega da Colección CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea. Santiago de Compostela, 2022); A paisaxe e a súa pegada (Casa do Cabildo, Santiago de Compostela, 2019); Alén dos Xéneros. Prácticas artísticas feministas en Galicia (MARCO Vigo e Auditorio de Galicia. Santiago de Compostela, 2017); Alivio (Alterarte, Ourense, 2011); Mapas creativos. Nuevos nombres en el arte gallego (Galería Orígenes, La Habana, 2008); Marxes e mapas. A creación de xénero en Galicia (Auditorio de Galicia, Compostela, 2008); La jeune création photographique en Galice (Espace Bonefoy Toulouse, 2007); A boa vida (CGAC, Santiago de Compostela, 2006); O Feito Fotográfico (MARCO, Vigo, 2004).
Texto curatorial
A arte achéganos a distintos modos de entender a beleza, provócanos goce e coñecemento, pero tamén cuestiona, opina e denuncia. O artista analiza os seus pensamentos, ideas e emocións dende o seu traballo: é o seu xeito de entender o que acontece na súa contorna, mesmo no seu interior. Formular as decisións dende os parámetros da arte convértese así nunha necesidade, nunha urxencia.
Andrea Costas Lago (Vigo, 1978) dáse a coñecer traballando sobre a súa identidade como artista e muller; sobre a relación con (e a presenza) dos outros en cada un de nós; sobre a recuperación de imaxes (persoas, recordos) que nos definen. Sen prodigarse en proxectos públicos e exposicións, realiza unha obra densa e case oculta, que cando mostra percibimos plena de rumores e conexións.
Desapego é un proxecto singular. A súa orixe está no momento no que a artista decide ser nai, en 2008. Dende entón, e en especial co nacemento dos seus fillos, xemelgos, vive con intensidade un período novo, que absorbe atención e enerxía. Sinálao a artista: “Este período de revolución existencial levoume a tomar conciencia da importancia do tema da maternidade, do seu potencial como motor de evolución persoal, social e, sobre todo, da importancia da arte como transmisor da visión en primeira persoa dos temas que atinxen directamente a este sector da poboación tan pouco representado –fóra de convencionalismos e idealizacións– na sociedade e na arte”.
Analiza a experiencia dende a súa condición de artista, anota situacións, recordos, detén instantes; non agocha as buscas, as dúbidas, o proceso. E ten claro que toda decisión formula interrogantes e implica consecuencias, tanto na vida coma na arte.
Xestos detidos, imaxes delatoras coas que defende a súa condición de artista e muller, de artista e nai, a relación cos seus fillos, coa súa contorna, coa súa familia. Non busca o relato feliz senón sincero, nu, e deixa ver como felicidade e sufrimento están moi próximos e conforman a vida, o cotián. Sen evocar, cunha linguaxe directa, vencido o pudor de se amosar, sen adornos, sen maquillar a realidade. Analiza cada situación, cada paso, cada pensamento e intenta recordar o seu percorrido, ser fiel ao proceso, aos actos, ao vivido. O soporte, formato ou dimensión de cada obra decídeo a situación: o relato conciso en vídeo, fotografías que sintetizan unha acción, unha serie que a describe, un obxecto simbólico, un mural que se expande e deixa ver as claves dun pensamento, o sentido dunha actitude.
Miguel Fernández-Cid / Pilar Souto Soto, comisarios da exposición
Texto artista
“A prehistoria deste proxecto remóntase ao ano 2008, cando decidín ter familia xunto á miña parella. Conseguímolo sete anos despois tras moitos tratamentos. Foron xemelgos e resultou absolutamente desbordante. Case non teño imaxes (que non sexan de móbil) da súa primeira infancia, pero a experiencia parecíame tan impresionante que constantemente pensaba como podería representar e transmitir unha mínima fracción de semellante frenesí. Conseguín empezar a fotografar en serio cando xa tiñan catro anos e nos iamos despedindo desa primeira etapa de crianza no colo.
Este período de revolución existencial levoume a tomar conciencia da importancia do tema da maternidade, do seu potencial como motor de evolución persoal, social e, sobre todo, da importancia da arte como transmisor da visión en primeira persoa dos temas que atinxen directamente a este sector da poboación tan pouco representado –fóra de convencionalismos e idealizacións– na sociedade e na arte.
A raíz da miña investigación para a tese de doutoramento na que estou a traballar e da que estas pezas forman parte, fun consciente de que na literatura e fotografía contemporáneas existen cada vez máis autoras que falan con sinceridade dende a súa propia experiencia. Ler a Adrienne Rich, Jane Lazarre, Rachel Epp Buller, Laura Freixas, Patricia Merino, Esther Vivas, Carolina del Olmo, María Llopis, Julia Cañero ou María do Cebreiro foi fundamental. Coñecer o traballo de Ana Casas, Ana Álvarez Errecalde, Elinor Caruchi, Catherine Opie, Hannah Cooke, Megan Wynne, Jade Beall, Verónica Ruth Frías, Natalia Iguíñiz, Natalie Lennard, Carmen Winant, Irmina Walczak ou Jess Dobkin, entre moitas outras (todas elas artistas ás que admiro profundamente por atreverse a falar dende o seu ‘cuarto compartido’), deume a perspectiva e o acompañamento que necesitaba para emprender un traballo difícil, que podería resultar incómodo ou polémico nalgúns dos seus aspectos máis íntimos.
Trátase de temas dos que fai falta falar e que empezan a ser tidos en conta no ámbito cultural e tamén nun movemento feminista cada vez máis poliédrico e integrador, capaz de asumir as realidades diversas dos distintos tipos de mulleres, nais e persoas con capacidade xestante/lactante. De feito, nos últimos anos pódese rastrexar doadamente en España o interese por debater sobre as maternidades feministas, as violencias específicas exercidas sobre nais e criaturas, a crise de coidados, etc. Mostra diso é o xurdimento e rápido crecemento da Asociación PETRA Maternidades Feministas, da que formo parte, ou a abundancia de literatura recente sobre estes temas.
O proxecto Desapego está composto por un conxunto extenso de pezas en diferentes formatos (imaxes fotográficas, vídeos e instalacións) nas que reflexiono sobre a experiencia da maternidade propia dende un punto de vista non idealizado, deixando constancia das contradicións e desafíos que supón esta oportunidade ofrecida pola vida para cuestionarnos e crecer.
O título refírese ao proceso continuo de separación experimentado dende o momento do parto (ou uns meses despois, se se respecta a diada). Cambios de fase, adaptación contínua e despedidas. Unha evolución necesaria e liberadora, que tamén supón moita confusión e ambivalencia.
Cómpre salientar que, como estratexia performativa e visual, decidín non me cortar o pelo dende o nacemento ata o fin da etapa de lactación materna que, neste caso, foi de cinco anos. Esa melena longa, traballosa, incómoda, exuberante e bicolora, funcionou como símbolo do vínculo e da maraña existencial que supón a experiencia materna durante os primeiros anos de crianza. Finalmente xs meus fillxs cortáronme esa melena, tras o último contacto dos seus beizos co meu peito.
A maioría destas imaxes foron tomadas durante o ano 2020 dun xeito bastante espontáneo e precario entre a miña residencia habitual e a casa dos meus pais, onde pasamos o período de confinamento. Ademais, en xaneiro de 2021 realizamos catro accións no MARCO que dialogan con pezas dxs artistas Marina Abramović, Yoko Ono, Zhang Huan e Masahisa Fukase.”
Este proxecto foi posible grazas ao apoio de moitas persoas. Por suposto do MARCO e o seu persoal que me fixo sentir como na casa. Desxs amigxs que me asistiron cando llelo pedín: Roberto Alonso, Carolina González, Diego Fernández, e especialmente David Hernández e Álex Penabade, que fixeron posible as catro sesións no MARCO.
E á miña familia, como é obvio, débolles todo.
Andrea Costas Lago