rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
ALFONSO GALVÁN

ALFONSO GALVÁN

Ficha

Datas: 
4 abril 2025 - 7 setembro 2025
Lugar: 
Salas frontais, 1º andar
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 14.30
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Miguel Fernández-Cid

Alfonso Galván (Madrid, 1945) é un artista de difícil clasificación, con frecuencia esquecido nos balances que revisan a pintura española da súa xeración. O MARCO quere analizar a súa persoal traxectoria a través dun conxunto de obras entre as que se atopan as máis icónicas da súa produción, xunto a outras que, malia ter unha escala menor, serven de contrapunto e desvelan as intencións e intereses estéticos do pintor.

Alfonso Galván arranca cunha obra de forte contido social, para proseguir con imaxes dunha fantasía sorprendente, con referencias a unha natureza onírica, na que se mesturan as referencias culturais. A mostra non segue unha orde estritamente cronolóxica, senón que formula un percorrido que permite aproximarnos ao seu mundo, pois un dos trazos que unifican a súa obra é o xeito en que necesita coñecer, vivir, implicarse nos ámbitos e culturas que lle serven de estímulo.

Na mostra establécense dous núcleos: un dominado pola presenza de animais en escenas de forte contido simbólico –utilizando como punto de partida documentos e fotografías familiares tomadas en África nos anos cincuenta–, e outro en aparencia máis lírico, con paisaxes abertas e referencias orientalistas, con inclusión de textos en chinés, en especial do Daodejing, que Alfonso Galván ilustrou. Ambas as dúas seccións serven de reflexión para entender unha traxectoria na que o proceso da pintura é o que decide o seu desenvolvemento, formulado con frecuencia en cadros case infinitos, aos que a multiplicación de paneis lles dá un aire narrativo.

Fotografía de portada: Alfonso Galván. Cebra, 1990.  Óleo sobre lienzo, 160 x 240 cm (detalle)