rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
ALEJANDRA ICAZA. Circus

ALEJANDRA ICAZA. Circus

Ficha

Datas: 
21 xullo 2026 - 11 outubro 2026
Lugar: 
Salas frontais, 1º andar
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 14.30
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo / Itinerancia a Sala Rekalde, Bilbao

INFORMACIÓN XERAL / ACTIVIDADES


Obradoiros de verán para público infantil e familiar

Colabora: Fundación ”la Caixa”
Do 7 ao 31 de xullo
Previa cita: tel. 986 113900 Ext. 200 / 986 113900 Ext. 308 / recepcion@marcovigo.com

Programación para escolares

Colabora: Fundación ”la Caixa”
A partir do 6 de outubro
Horario: de martes a venres de 10.00 a 11.30 e de 11.30 a 13.00
Previa cita: tel. 986 113900 Ext. 200 / 986 113900 Ext. 308 / comunicacion@marcovigo.com

Programación para asociacións, colectivos e grupos con necesidades específicas

Colabora: Fundación ”la Caixa”
A partir do 8 de setembro
Horario: flexible en función de necesidades e dispoñibilidade
Previa cita: tel. 986 113900 Ext. 200 / 986 113900 Ext. 308 / comunicacion@marcovigo.com

Información e visitas guiadas

O persoal de salas está dispoñible para calquera consulta ou información, ademais das visitas guiadas habituais: todos os días ás 18.00 / Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita.

 

Artistas

Alejandra Icaza


Alejandra Icaza
(Bilbao, 1966) é unha recoñecida artista visual cuxa formación académica se desenvolveu entre Londres (Camden Centre of Art e St. Martin School of Art), Madrid (Círculo de Bellas Artes), Barcelona (Escola Massana), Baltimore (Maryland Institute College of Art), e Nova York (New York Studio School, Manhattan), cidade na que residiu durante dúas décadas. Na actualidade, vive e traballa en Madrid.

A partir de 1990, e ao longo da súa traxectoria artística, participou en diversas exposicións individuais e colectivas. Entre as individuais, cóntanse as seguintes: Hanging Fleurs (Blanca de Soto Arte, Oficina Correos, Madrid, 2023); Rombos y Trapecios (Museo de Arte Contemporáneo, Monterrey, México, 2019); El baile del caracol (iGallery, Palma de Mallorca, 2014); Siren Song (Galería Ana Serratosa, Valencia / iGallery, Palma de Mallorca, 2013); Alejandra Icaza (Sala Pelaires, Palma de Mallorca, 2009); Alejandra Icaza (Galería Fortes Vilaça, São Paulo, Brasil, 2009); Al otro lado del cristal (Galería Ana Serratosa, Valencia, 2009); Seaweed & Octopus (Edward Tyler Nahem Fine Art, Nova York, EUA, 2007); Claro de Luna (Galería Fortes Vilaca, Sâo Paulo, Brasil, 2006); Ventana al Interior (Galería Pilar Parra & Romero, Madrid, 2006); Retratos y Pompas de jabón (DA2, Salamanca, 2003); Eclipse (Galería Pedro Cera, Lisboa, Portugal, 2003); Alejandra Icaza (Galería Fortes Vilaça, São Paulo, Brasil, 2002); Al otro lado del cristal (Galería Marta Cervera, Madrid, 2002); Violet Breve (Galería Marta Cervera, Madrid, 1999); A través del espejo (Galeria Luis Adelantado, Valencia, 1997); Barefoot (Galería Marta Cervera, Madrid, 1997); Alejandra Icaza (Centro Cultural Basauri, Bizkaia, 1993); Alejandra Icaza (Voormalig Museum voor Hedendaagse Kunst. Utrecht, Países Baixos, 1993); Alejandra Icaza (Neti Galerie X Husemann. Berlín, Alemaña, 1993); Alejandra Icaza (Galerie Quintessens. Utrech, Países Baixos, 1993); Alejandra Icaza (Galería Ray Gun. Valencia, 1992); Alejandra Icaza (Spalo Galería Shepira. Madrid, 1992); Alejandra Icaza (Sea Cliff Photography Gallery, Long Island, EUA, 1990).

Con respecto a exposicións colectivas, a primeira na que participou foi nos Talleres de Arte Actual do Círculo de Belas Artes de Madrid en 1985. Cinco anos máis tarde, na exposición Art Fair 90, organizada en Los Ángeles e no Glasgow Arts Center de Glasgow (Escocia). En 1991 na Galería Serrano 141 de Madrid e un ano máis tarde á súa actividade positiva multiplicouse. Participou en mostras organizadas en Madrid (ARCO 92), Ibiza (Casino de Ibiza), e Barcelona (Galería Brook); así como en Alemaña (Museo Schwedt). Alejandra Icaza tamén expuxo en Nicole Klagsburn de Nova York (2001), na Galería Fortes Villaça de São Paulo (2002), en DA2 de Salamanca (2003-2004), na Galería Pilar Parra & Romero de Madrid (2006-2007) ou na Sala Pelaires de Palma de Mallorca (2009).

Xunto aos premios e bolsas recibidos ao longo da súa carreira, a obra de Alejandra Icaza forma parte de coleccións públicas e privadas como Fundación Coca Cola; Colección DA2 (Salamanca); CGAC Centro Galego de Arte Contemporánea (Santiago de Compostela); Fundación Cultural Banesto; Fundación Barceló (Palma de Mallorca); Voormalig Museum voor Hedendaagse Kunst (Utrecht, Holanda); Stadtisches Museum Schwedt-Oder (Alemaña); ou Fran Preisman Fine Art (Los Ángeles, EUA).

+ INFO: https://alejandraicaza.com/

Texto curatorial

Como imaxe da súa primeira individual, realizada en 1989 e titulada Pintura, Alejandra Icaza (Bilbao 1966) escolle a fotografía, en branco e negro, dunha nena debuxando con xiz sobre o asfalto dunha rúa. Case 40 anos despois, titula Circus a súa exposición no MARCO. Dúas eleccións que definen unha traxectoria moi persoal. A primeira imaxe alude á súa maneira de entender a pintura como unha actitude ligada á vida, que integra con naturalidade a liña, o debuxo, e é quen de xuntar memoria e xogo. O ascetismo da imaxe vai acompañado dunha obra minuciosa e colorista, con pequenas colaxes nas que entretece cor, palabras e fragmentos, nunha clara invitación a que o espectador entre nun mundo íntimo, cheo de referencias que se intúen persoais pero que animan ao diálogo, á complicidade, ao xogo. A idea do circo, como goce e reto, dinamismo e rigor, é unha boa síntese do percorrido por unha obra que se mantén fiel a unhas claves pero que amosa distintos momentos de intensidade.

Dicía o dadaísta Hugo Ball que a obra dos artistas se entende pola elección da escala na que traballan, poñendo como exemplos antagónicos a Paul Klee e Kandinsky: o gusto polo pequeno e a necesidade de ampliar o espazo. Alejandra Icaza arrinca nunha escala moi próxima a Klee, sabendo potenciar matices e evocacións, pero co tempo non dubida en ampliar o formato, mantendo o seu gusto por dispor fondos de cor, cunha paleta moi persoal, conseguida mesturando óleo e ceras, debuxando sobre a pintura con incisións, como quen prepara unha gravado. Atrévese tamén con formatos difíciles, que a obrigan a traballar a superficie coma se se tratase dun campo, que o é, prescindindo de conceptos como a perspectiva, inundando o cadro con símbolos facilmente recoñecibles, nunha especie de xeroglífico emocional, que nos remite á memoria da infancia, pero tamén ao proceder dos pintores flamengos ou á miniatura oriental.

A Alejandra Icaza gústalle tentar os límites, romper co previsible. Ás veces, sae do soporte do cadro e ocupa o espazo con obxectos, ou sorprende tratando do mesmo xeito o seu lugar de traballo e a súa casa. Existe unha voluntaria confusión entre ambos, que nos leva a sentir os cadros coma espazos oníricos, aínda que nos identifiquemos co aire de proximidade que transmiten os símbolos, a recorrencia á cor ou o aparentemente sinxelo de composicións que son moi minuciosas, moi traballadas a modo de fragmentos postos en diálogo.

“A primeira pregunta que se nos formula ao falar de pintura –sinala a artista– é se é realista ou abstracta, como se dende aí puidésemos etiquetar en dúas grandes vertentes, e dende o condicionante, a clasificación. Para min, non hai fronteiras. Que é un cadro abstracto senón unha paisaxe exterior ou interior a través dunha mirada? Que é un cadro figurativo? A realidade dese momento do día. Pero esa realidade está filtrada, está entendida por un ser humano, cun ceo que percibe cobalto ou rosado. Tamén na pintura realista inflúen as emocións, os conceptos, o entretecer do autor. Se a pincelada é rota ou lisa ou marcada en potencia. O pulso do pintor é como o ritmo do cadro, é coma unha sinfonía, o tictac, máis temperado ou máis rápido”. A idea está clara: “Unha vez, un profesor da Universidade, dando unha desas críticas tan temidas, ao final do trimestre, preguntoume: E que pretendeu vostede con ese cadro? Pois simplemente iso, pintar un cadro.”

Miguel Fernández-Cid, comisario da exposición

Comisariado

Miguel Fernández-Cid