
ALBERTO ARDID. Hai un lugar
Ficha
Comisariado: Miguel Fernández-Cid e Pilar Souto Soto
“Hai un lugar semellante a este. Unha realidade paralela que constitúe unha ficción relativamente próxima. Hai un lugar é un proxecto expositivo que combina pezas a medio camiño entre a escultura e a instalación, que se artellan arredor da idea dun aparente triunfo do mal sobre o ben, pero no que aínda se pode albiscar algún raio de esperanza.
Unha exposición narrativa e interconectada, na que cada peza é per se, mais que tamén conta algo en relación ás outras e ao espazo que ocupan”.
Alberto Ardid
INFORMACIÓN XERAL / DOCUMENTACIÓN / ACTIVIDADES
Programación para escolares
Colabora: Fundación ”la Caixa”
A partir do 12 de maio
Horario: de martes a venres de 10.00 a 11.30 e de 11.30 a 13.00
Previa cita: tel. 986 113900 Ext. 200 / 986 113900 Ext. 308 / comunicacion@marcovigo.com
Programación para asociacións, colectivos e grupos con necesidades específicas
Colabora: Fundación ”la Caixa”
A partir do 12 de maio
Horario: flexible en función de necesidades e dispoñibilidade
Previa cita: tel. 986 113900 Ext. 200 / 986 113900 Ext. 308 / comunicacion@marcovigo.com
Obradoiros infantís
Colabora: Fundación ”la Caixa”
A partir do 8 de maio
Horario: sábados de 11.00 a 12.30 (de 3 a 6 anos) e de 12.30 a 14.00 (de 7 a 12 anos)
Previa reserva de praza: tel. 986 113900 Ext. 200 / recepcion@marcovigo.com
Información e visitas guiadas
O persoal de salas está dispoñible para calquera consulta ou información, ademais das visitas guiadas habituais: todos os días ás 18.00 / Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita.
Artistas
ALBERTO ARDID DE CABO
Alberto Ardid de Cabo (Vigo, 1986) traballa elaborando pezas e instalacións que se poden situar entre o perceptivo e o matérico, enfrontando elementos diferentes entre si e que a súa vez poidan representar ideas contrapostas. Para iso, adoita empregar materiais de construción e referencias visuais que, ao misturarse e descontextualizarse, xeran múltiples significados e grandes contrastes. Utiliza tamén, en moitos dos seus traballos, intervencións pictóricas abstractas que se combinan con outros elementos perfectamente recoñecibles, con alusións á historia e á cultura de masas, dende unha visión galega e universal.
Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Barcelona (2010), cun Máster en Profesorado na especialidade de Debuxo pola Universidade de Vigo (2013), actualmente cursa o Doutorado en Belas Artes na mesma universidade.
A súa obra foi protagonista de exposicións individuais como Patria Unifamiliar (Galería Trinta, Santiago de Compostela, 2025); Cuidado com o cão (Espacio Sirvent, Vigo, 2024); Del lat. Factura (Galería Arniches, Madrid, 2024); 00:00 (Sala Apo’strophe, Vigo, 2020); Gravidade (Espazo Cubo, Vigo, 2019).
Dende o ano 2008 participou en numerosas mostras colectivas, que inclúen, entre as máis recentes: XIV Premio Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela, 2025); Territorio Contemporánea. Colección Abanca (Santiago de Compostela, 2025); Grazas pola súa visita (Sala Manuel Moldes, Pontevedra, 2025); Two Spanish Artists in Europe (European Court of Auditors, Luxemburgo, 2024);Algo que brilla (Bienal, Fundación Sales, Vigo, 2024); Pregar a pintura (Museo de Pontevedra, 2024); O que hai (Fundación Laxeiro. Vigo, 2023); Hecho en casa. Video Arte doméstico actual en España (Centro Condeduque. Madrid, 2023); Arniches se escribe con V de Vigo (Galería Arniches. Madrid, 2023).
Artista participante en residencias e conferencias, a súa obra figura en numerosas publicacións e catálogos, e recibiu premios e distincións en certames como o Premio Bienal de Arte no Morrazo. XXIV BAM Bolsa de estudos artísticos (Cangas do Morrazo, 2022); 2º premio XVI Certame de Artes Plásticas (Deputación de Ourense, 2021); Adquisición XVII Certame de Arte Isaac Díaz Pardo (Deputación da Coruña, 2021); Plástika 19. Museo do Mar de Galicia (Vigo, 2019); ou as máis recentes adquisicións de Casa de Indias. Feira UVNT (Madrid, 2024); e Colección MICA (Vigo, 2025).
+ INFO: www.myfriendeskio.com
Texto curatorial
Di Pasolini que abonda con mover un milímetro o punto dende o que se mira o mundo para descubrir outro distinto. Alberto Ardid (Vigo, 1986) practícao, mesmo sen xirar o ollo: observa a realidade e interrógaa non como aparencia senón polo que representa, suxire e oculta. Busca os materiais axeitados e ofrece os seus comentarios en imaxes, intencionadas pero abertas sempre á interpretación.
En Hai un lugar, converte os patios do MARCO en espazos exteriores. Nun dispón Lugar, unha instalación que nos fala da propiedade privada, en clave galega: formas de cor (pinturas, moquetas) simulan parcelas ou terreos, con marcos de pedra que delimitan os lindes de cada unha. Como conxunto é unha paisaxe, na que empezamos a descubrir detalles e intencións: no muro que recibe o visitante, os cristais de peche foron substituídos por fragmentos de cerámicas de Sargadelos; as formas amarelas, que definen o espazo dos terreos, son axexadas por outras grises; un arco vixiante ameázanos dende un balcón próximo e vai cobrando as súas primeiras pezas...
A propiedade privada invade o espazo público na primeira galería, na que se reúnen os servizos: a educación, a comida, a enerxía, o ocio. Todo parece relacionarse, pero convén deterse ante cada obra, porque o observador atento descobre un lado quizais menos prácido, pero igualmente real, e non poucas sorpresas: encerados convertidos en dianas, pinturas envasadas ao baleiro como comida fresca, unha candea acendida que desafía a alarma antiincendios do museo.
Polas salas, asistimos a unha sucesión de paradoxos, de encontros intencionados: niños de bronce, que son de avespas asiáticas; po do COVIDE, convertido en reliquia; pinturas expostas como se almacenan os produtos industriais seriados...
Coma se se tratase dun relato en secuencias, o segundo patio ofrece unha imaxe primeira próxima, familiar, cun palleiro e alusións a unha paisaxe e un sol (Universo), que axiña se transforman en escenario de debate. Descubrimos outras interpretacións posibles: a paisaxe é pancarta, dende o palleiro dispárase. Algunhas accións son máis íntimas, como a tentación agochada no cuarto da limpeza, ou a máquina que prega insistente ao espectador que a desconecte.
Na segunda galería, o efecto tende a ser inverso: cortar unha árbore pode ser un xesto ecolóxico, se se trata dun eucalipto; os materiais rotos únense, con humor; un puntal industrial é tuneado con adornos xónicos, mentres as pezas mestras atopan o seu lugar, case solitario. Camiñamos entre residuos, pero queda algo de esperanza.
No panóptico, visto como cruzamento de camiños, volve a realidade: os restos dun accidente e o recordo dun ramo de crisantemos, proba dun xesto que xera empatía.
O anterior non é un relato, tampouco unha explicación. Trátase de invitar a que o paseo sexa curioso, aberto a interpretacións. Porque Alberto Ardid nunca formula obras pechadas.
Miguel Fernández-Cid e Pilar Souto Soto, comisarios da exposición